Residencia nesta terra

A monarquía española serve a quen serve

Felipe VI e Alberto Núñez Feijóo. / Casa Real
Feijóo non ten ningunha posibilidade de ser presidente. O seu teito é 172 escanos. Hai unha maioría alternativa que acaba de se sustanciar na formación da Mesa da Cámara. 178. Eses son os números.

Non fai falta ser un reputado catedrático de Dereito Constitucional –digamos un Javier Pérez Royo– para ditaminar que carece de toda lóxica xurídica que o monarca designase Alberto Núñez Feijóo como o candidato número un á investidura como presidente do Goberno español, sendo como é, dos dous en liza, o único que non ten posibilidades materiais de acceder a tan alta maxistratura do Estado.

A sacrosanta Constitución, tantas veces invocada polos que a si propios se tildan de constitucionalistas, afirma simplesmente (artigo 99) que, ouvidos as e os portavoces parlamentares, o Rei proporá unha persoa como candidata á investidura. Nada di de que esa persoa teña que liderar o partido con máis escanos. E non o di porque a lóxica nun sistema parlamentar non é a de ter máis escanos ou votos que outra forza, senón a de ser quen de reunir suficiente número de apoios no conxunto da cámara. Así funcionan as democracias parlamentares e non os sistemas caudillistas-presidencialistas.

O acto do monarca carece, pois, de lóxica xurídica ou constitucional. Mais non é un acto irracional. Responde a unha outra lóxica. Á lóxica política. A dunha institución, a da xefatura do Estado, que neste momento é prisioneira da súa dependencia cuase absoluta da dereita política e mediática.

Alguén imaxina Felipe VI contradicindo as liñas editoriais de El Mundo, ABC ou Pedro Jota? Alguén imaxina Felipe VI remando contra as homilías de Jiménez Losantos?

Feijóo non ten ningunha posibilidade de ser presidente. O seu teito é 172 escanos. Hai unha maioría alternativa que acaba de se sustanciar na formación da Mesa da Cámara. 178. Eses son os números. A lóxica constitucional non debería ter levado á elección de Feijóo como candidato. Mais a monarquía española, convén non esquecer como foi restaurada no Estado, serve a quen serve. @mundiario