Miñones suxire que as políticas socialistas municipais inspiren a estratexia do PSdeG

José Miñones. / Mundiario
José Miñones. / Mundiario
Asegura que o seu nomeamento como delegado do Goberno en Galicia non se debe interpretar en clave orgánica.
Miñones suxire que as políticas socialistas municipais inspiren a estratexia do PSdeG

O novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que tomará posesión do seu cargo este xoves, suxire que as políticas socialistas municipais inspiren a política do PSdeG - PSOE. Considera o novo cargo coma un "recoñecemento" ao traballo realizado durante estes anos como alcalde de Ames (A Coruña) e que o seu cometido principal é achegar a institución "aos concellos". Do mesmo xeito, Miñones  quere aproveitar toda a súa experiencia para achegar solucións ao rural no relatorio sobre municipalismo que lle encagou o seu partido para o vindeiro Congreso Federal do PSOE.

José Miñones foi entrevistado no espazo Bos Días da Televisión de Galicia, onde fixo unha primeira análise do seu cargo, das súas perspectivas de futuro e da súa responsabilidade como relator no Congreso Federal do PSOE, que terá lugar en outono en Valencia.

Volver "escoitar a cidadanía"

Miñones asegura que o seu nomeamento non se debe interpretar en clave orgánica. Porén, considera que o PSdeG - PSOE debe mudar "moitas cousas" para poder acceder á Xunta de Galicia. Tras o resultado das últimas eleccións autonómicas, José Miñones pensa que o seu partido debe volver "escoitar a cidadanía". Segundo salientou na entrevista no informativo Bos Días, os concellos socialistas son "un referente", polo que o obxectivo debe ser "chegar ao goberno autonómico coas mesmas políticas municipais".

“É un reto bonito e cólloo con moito ánimo”, dixo tamén o entrevistado. En canto ás relacións co Goberno galego, José Miñones recoñeceu o seu bo carácter xa como alcalde de Ames e a súa intención de seguir nesa liña, mantendo a “máxima lealdade coa Xunta”. Tamén adiantou o seu interese por manter o mesmo equipo de subdelegados, achegando así unha “continuidade renovada implementando novas accións”. Para el, “o traballo realizado ata o momento era bo”, e agora pon o foco en “abrir unha nova liña de acción municipalista” e comprométese a “levar a delegación aos concellos e á cidadanía”.

O reto demográfico

O socialista Miñones amósase convencido de que o reto demográfico "non se arranxa só con financiamento" e precisa un cambio de estrutura e de políticas. "Para que a xente volva ao rural" hai que ofrecer servizos de todo tipo. O novo delegado asegura que en Ames, despois de anos de xestión, estanse a conseguir resultados interesantes.

Sobre a crise económica que vive actualmente a industria no norte de Galicia, o político socialista salientou a súa intención de “estar no terreo para escoitar a todas as partes” e “mostrar o noso apoio e o interese do Goberno en que non se perda emprego”. Así mesmo, destacou a importancia do municipalismo. Ademais, José Miñones amosouse optimista e asegurou que “podemos conseguir que volva a xente ao rural”, aínda que “son cousas que requiren de tempo”. @mundiario

Comentarios