Menos vacas e máis leite, e máis forestal e menos gandería en Galicia

Vacas en un prado al lado de un monte en Galicia. / Pixabay
Vacas en un prado al lado de un monte en Galicia. / Pixabay

Vai no camiño de aumentar o forestal con toda a problemática asociada que conleva. Por activa e por pasiva, a miope administración autonómica prima ao forestal fronte ao agro-gandeiro, pero non é por casualidade: seguro que todos sabemos a quen contenta e a que monopolios beneficia.

Menos vacas e máis leite, e máis forestal e menos gandería en Galicia

Galicia é un país con menos vacas e máis leite, e máis forestal e menos gandería. A produción láctea galega alcanzou no 2018 un total 2.739.403,7 toneladas e foi superior aos anos precedentes, representa o 38,5 % do total do Estado e supera amplamente a outras comunidades con gandería importante como Castilla-León (produción láctea 12,8% ), Cataluña  (10,4%) ou Asturias (7,9 %).

As “Encuestas Gandeiras do Ministerio” de maio do 2018 daban para Galicia 934.900 animais bovinos, sendo o número  de vacas leiteiras  344.289 en  animais de dous ou mais anos. O Ministerio de Agricultura no Censo de  decembro do 2018- xaneiro 2019  dá para Galicia  o 39% das vacas de muxo do Estado. Si miramos anos atrás a situación en número de animais cambiou  bastante : en xuño 2002 contabamos con 1.072.834 animais e na Enquisa Gandeira de decembro do mesmo ano daban 1.125.249 animais con  100.000 vacas de muxo  máis que hoxe. No 2005  xa diminuíra a cabana a 1.010.689 animais, no 2010 a 963.368 e no 2015 a  951.868 animais. Convén lembrar que durante todo o século XX o número de vacas en Galicia estivo por riba do millón de cabezas oscilando eso si, pero  manténdose  sempre por riba desa cifra.

Mentres a cabana gandeira do Estado  aumentou o 75% dende 1965 ao 2008, a cabana gandeira galega redúcese  en so dezaseis anos (2002-2018) e perde 137.934 cabezas ou o que é o mesmo baixa o  13% en número total de bovinos. Estamos perdendo peso no Estado, en 1982  contabamos co 22,2% da cabana gandeira,  no 2016 representabamos o 15,1%  e  no 2018 so representa o 13,9% e seguiremos caendo.

Esta situación contrasta con outras realidades por exemplo en Estremadura so nos últimos catro anos medrou  a sua cabana gandeira en máis de 100.000 cabezas grazas aos programas de apoio da “Junta de Estremadura”, programas que comprendían diversas actuacións tanto en desenvolvemento de agricultura e gandeiría ecolóxica centrados na carne de vacún, como comercialización en común para chegar a máis mercados e máis lonxe  e mesmo dende o goberno autonómico apoiaron cebadeiros de diversas gandeirías ovino, caprino...

As medidas  que en Estremadura  permiten ver en liberdade un gando de carne saudable pastando nos campos podían por exemplo adoptarse aquí ou facelas similares. O noso monte baixo -comunal ou particular- pode aproveitarse para gando (vacún, cabalar, ovino...)  en liberdade e podían soster miles de cabezas  -máis de 100.000 posiblemente- sen apenas esforzo e mínimo gasto económico, pastando axudarían a diminuír a biomasa dos montes e os incendios forestais -so nos tres primeiros meses deste ano deben superarse as 2000 hectáreas arrasadas-.  A gandería ecolóxica de carne e leite  baseada en pastoreo e forraxe  seguro que tería unha produción menor de leite por vaca, pero sería de maior calidade,  sería mais saudable para os animais e para nós  e garantiría a sostenibilidade e unha menor dependencia das granxas en alimentos externos polo que con menos gasto  terían maior beneficio.

Peche de explotacións e dependencia das granxas

O número de gandeiros con entregas de leite diminuíu no 2018, pasando de  7.968 en xaneiro  a  7.548 en decembro, perdéndose no ano o 5,27% das explotacións, situación que se ben repetindo desde anos atrás. Entre marzo do 2014 e decembro 2016 pechan 1480 explotacións lácteas en Galicia o 55,5% do total das que pecharon no Norte Peninsular, dándose o fenómeno curioso que nese período aumentou a produción láctea en 133.000 toneladas, o que é indicativo de que cada vez se vai concentrando máis a produción, diminuíndo as explotacións pequenas, quedando as grandes conseguindo que  con menos explotacións se produza máis leite cada vez (gandeiría industrial).

No ano 2016 (censo INIA)  para alimentar ao gando de leite estaban adicadas en Galicia 281.287 hectáreas (ha) e delas 244.551 ha  (86,1%) eran de superficie agraria útil, SAU, é decer prados, pasteiros e cultivos. Dende a Xunta  potencian o forestal e grazas a sua política so os eucaliptos ocupan case  600.000 has e plántanse en terreos moitos deles aptos para outros usos como cultivos ou praderías. O apoio ao sector forestal foi en detrimento do uso agrario-gandeiro e en particular do número de explotacións gandeiras. A baixa extensión de terra –cultivo, prados e pasteiros– das granxas provoca que estas sexan máis frasees economicamente e moi dependentes do exterior en pensos o que conleva custos elevados para alimentar o gando. Nos anos  60  do século pasado  era practicamente irrelevante nas granxas a necesidade de pensos do exterior  e so supoñía o 1,3% do total dos alimentos, no ano 2008 alcanzaba o 22,5% e  dende ese ano seguiu aumentando a dependencia  exterior e resentíndose os beneficios.

Ademais o continuo e insistente abandono de  explotacións lácteas non leva consigo que obrigatoriamente o destino das terras sexa para as explotacións lácteas  activas (mesmo en alugueiro, venta, cesión...) senón que  boa parte das terras das granxas que pechan  son abandonadas e quedan sen traballar ou rematan  para forestación (eucaliptos/piñeiros) aínda que sexan terras de  boa calidade e vocación agrícola. A situación vai no camiño de aumentar o forestal con toda a problemática asociada que conleva – incendios, abandono de vivendas e aldeas, mal uso de terras agrícolas de boa calidade, despoboamento ...– conseguindo pouco a pouco diminuír a superficie agraria útil. Por activa  e por pasiva a miope administración autonómica prima ao forestal fronte ao agro-gandeiro, pero non é por casualidade: seguro que todos sabemos a quen contenta e a que monopolios beneficia. @mundiario

Comentarios