Menos discursos e máis xulgados de violencia de xénero

Campaña contra la violencia de género. / asesoriamadridgesys com
Campaña contra a violencia de xénero. / asesoriamadridgesys.com
Se examinamos o caso de Santiago de Compostela, dos asuntos de violencia de xénero encárgase o Xulgado de instrución número 3, que cobre tamén outras temáticas, polo que con frecuencia sofre colapsos que o paralizan.
Menos discursos e máis xulgados de violencia de xénero

A importancia que para o BNG ten o tratamento xudicial do feminicidio confírmase cando forma parte do acordo de investidura negociado co PSOE en Madrid. Nese documento esiximos a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero nas cidades de Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. As carencias e dificultades para atender en tempo e coa calidade requirida os temas xudiciais son denunciadas polo sector da avogacía, polo feminismo e por diferentes colectivos sociais e políticos desde hai anos. Non pode haber un verdadeiro combate contra a violencia de xénero sen unha xustiza con formación e especialización no maltrato contra as mulleres. 

Esta petición merece de maneira especial ser atendida nestes momentos en que están en perigo tantos dereitos conquistados nos últimos anos. Hoxe hai quen nega a existencia do feminicidio –un concepto que custou introducir porque o PP non recoñecía a violencia contra as mulleres como algo estrutural- , quen arremete contra as políticas con perspectiva de xénero e quen pretende deter a aposta por unha transformación radical da sociedade para tornala verdadeiramente xusta e antipatriarcal.

Os tres xulgados son imprescindíbeis para avanzar, máxime cando os datos que posuímos evidencian un incremento da violencia machista. Lembremos que no primeiro trimestre de 2022 houbo na Galiza un 18% máis de denuncias por violencia de xénero respecto da mesma etapa de 2021 (e que en 2021 xa houbera tamén un incremento). As cifras de ordes de protección solicitadas, de denuncias presentadas e de mulleres vítimas non deixan de medrar. 

Se examinamos o caso de Santiago de Compostela, dos asuntos de violencia de xénero encárgase o Xulgado de instrución número 3, que cobre tamén outras temáticas, polo que con frecuencia sofre colapsos que o paralizan. E de nada serve dotalo con reforzos especiais para determinados momentos (períodos de vacacións que non se cubriron en excesivas ocasións…), porque iso non deixa de ser un parche.

Tres novos xulgados de violencia de xénero

Existe, por outra parte, unanimidade na sociedade compostelá na necesidade deste novo xulgado. Houbo diferentes mocións aprobadas no pleno, varias delas por iniciativa do BNG, e o Colexio de avogadas/os leva tempo reclamando esta dotación como fundamental. Mesmo se chegou a apostar porque a creación deste novo xulgado partise dunha comarcalización para dar resposta a un número de casos que favorecese a súa implantación. Mais é evidente que a estas alturas non pode ser determinante o criterio estatístico. O que temos que poñer enriba da mesa é a calidade do servizo. Para que esta calidade sexa real, precísanse suficientes recursos humanos e infraestruturais, de formación e especialización como, mais sobre todo axilidade e  proximidade, dous elementos que garanten que a poboación teña menos impedimentos no acceso á Xustiza.

Por todo isto, continuamos a reclamar os tres novos xulgados de violencia de xénero para o noso País, tres novos xulgados que deben ser extraordinarios, non entrar no cupo doutras necesidades que existen no ámbito xudicial e que se avalían anualmente por parte da Comisión Mixta conformada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e a Xunta. Sabemos ben que a loita contra a violencia sexista e os feminicidios é un camiño longo. Mais a única maneira de acurtalo é pór recursos enriba da mesa e conseguir que funcionen ben os protocolos e a coordinación entre as administracións e todos os axentes involucrados. Traballar pola non revitimización das mulleres é outro factor esencial de que falaremos noutra ocasión. Agora, xusto cando van dar inicio os períodos vacacionais, datas en que habitualmente se produce un incremento de agresións, é tempo de compromisos. Queremos que os tres novos xulgados sexan unha realidade. E que o PSOE cumpra con Galiza e coas mulleres. @mundiario

Comentarios