Memoria oral e linguaxe audiovisual irán da man na Ulloa

Exposición Fotografías Centrípetas
Exposición Fotografías Centrípetas
Un proxecto do Instituto de Estudos Ulloáns levará ao eido audiovisual os relatos de vida que se recollan na comarca.
Memoria oral e linguaxe audiovisual irán da man na Ulloa

O 19 de decembro do 2015 constituíase unha nova entidade na Ulloa co fin de poñer en valor a propia comarca así coma fomentar o estudo e divulgación da mesma. Nacía nunha palleira de Chorexe, pertencente ao municipio de Palas de Rei. O nome de tal entidade deu en ser Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) e, baixo esa forma e dende aquela, ven de publicar xa arredor dunha ducia de libros (de carácter divulgativo e investigador); realizar máis dun cento de actividades espalladas polos tres municipios que integran a comarca (Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla); e abarcar ámbitos tan diversos coma o gastronómico, o arquitectónico, o historiográfíco, o literario, o audiovisual, o fotográfico, o antropolóxico, o económico, o medioambiental...

Detrás de todas estas actividades hai un grupo de veciños e veciñas da comarca que traballa de forma voluntaria e coordinada dende diferentes seccións. Non somos quen aínda de dicir a receita, pero a máquina funciona.

Quen lles escribe tivo o pracer e a responsabilidade de ser dende un inicio a coordinadora da Sección de Fotografía e Audiovisuais, arquivo fotográfico e fonográfico. Actualmente, dende esta sección estase a traballar nunha nova proposta que será desenvolvida na seguinte anualidade e nas vindeiras, pois é de ampla traxectoria e con afán de continuidade. Será presentada na próxima asemblea do IEU, aínda que o borrador da proposta xa ven de estar sobre diferentes mesas, debatíndose e alimentándose. Naceu cunha clara intención: recuperar a memoria oral da nosa comarca.

A devandita sección apoia a actividade do Instituto de múltiples maneiras dende o 2015, sendo soporte gráfico de actividades e publicacións. Recentemente, prodúcese unha apertura á participación cidadá coa convocatoria e organización dunha exposición de fotografía amateur e colectiva que serviu para que a veciñanza puxera a súa mirada naqueles elementos territoriais que lle preocupan ou interesan, que consideran problemas ou virtudes e que reflexionara sobre iso dende una perspectiva emic e non tanto agardara a que, dende o etic, se etiquetara a nosa comarca quen sabe se de “Ulloa profunda”, “Ulloa vacía” ou “Ulloa de conto de fadas”. Enténdase a retranca, pois o mesmo dá, cando o que se precisa é compartir espazo e vivilo, non prognosticalo nin diagnosticarlle a morte. A exposición Fotografías centrípetas, felizmente, acolleu a obra de dezaoito mulleres que falaron de humanización e deshumanización do territorio; de edificación e ruinas; de beleza e antiromanticismo

Fotografía expo

Fotografía da inauguración da exposición Fotografías centrípetas. Cedida polo IEU

En todo caso, conscientes de que a segunda parte do nome da sección era a menos traballada ata o momento, ábrese este ano o proceso de recollida de fotografías do século XX para inaugurar o arquivo fotográfico; e existe a intención de abrir o vindeiro ano o arquivo fonográfico a través da recuperación de relatos de vida particulares que a veciñanza queira compartir con IEU. Porén, a actividade da que non remato de falar non comprende só isto, que xa de por sí sería un tesouro que se debe preservar.

Fotografía expo

Fotografía da inauguración da exposición Fotografías centrípetas. Cedida polo IEU

O proxecto, que recibe nun inicio o nome de Curtametraxes etnográficas da Ulloa, parte desa recollida de relatos de vida particulares para, nun segundo momento, levalos ao formato audiovisual, guionizando de xeito respetuoso e cun traballo de documentación o máis elaborado posible, dito material vivo. O proceso non remataría aquí tampouco, xa que o último paso sería a elaboración de material pedagóxico para que os diferentes centros educativos da comarca, así coma calquera entidade ou particular que desexe empregalo, poida ter unha unidade didáctica adaptada a diferentes franxas de idade e a través da cal a infancia e xuventude poderá achegarse á súa realidade máis inmediata dende unha perspectiva histórica e antropolóxica que levará inevitablemente implícitas referencias económicas, ambientais, valores éticos, hábitos e costumes... pivotando ao redor de cada relato.

A “sección femenina” de Palas de Rei

Arquivo fotográfico IEU. Aprox.1938. A “sección femenina” de Palas de Rei, vestidas de camisa azul, calcetan para os soldados “nacionais” . Aportación de JM de CB

Varios serán os colectivos que o IEU agarda se impliquen no proceso de desenvolvemento da actividade. O Instituto será o coordinador, pero aspira a contar cos diferentes grupos de teatro da comarca así coma coas propias entidades educativas para que acompañen en cada paso. O mellor xeito para achegarnos aos nosos maiores é a través do diálogo interxeracional. E, ao mesmo tempo, os centros serán un apoio imprescindible á hora de elaborar as unidades didácticas. Os grupos de teatro que queiran colaborar serán pilar fundamental para a producción da curtametraxe. Necesidades técnicas e de asesoramento histórico-antropolóxico correrán a cargo da xestión do propio Instituto.

O obxectivo é elaborar un material de calidade que poida almacenarse coidadosamente e complementar o arquivo fonográfico e fotográfico. Somos conscientes, e así debe ser, que serán moitas as testemuñas orais recollidas, e só poderemos traballar deste xeito con poucas. Pero estamos firmemente convencidas de que o proxecto merece a pena.@mundiario

Comentarios