A mellora das listas de espera sanitarias en Galicia
Os problemas da sanidade pública é unha das grandes prioridades que deberá abordar un goberno progresista en Galicia, porque o PP e Alfonso Rueda, non o van a facer, como xa teñen amplamente demostrado nestes catorce anos que levan ao fronte da Xunta.
Hai dous problemas conectados que se teñen que corrixir inmediatamente: o incremento das listas e do tempo de espera e a participación, transparencia e control das mencionadas agardas.
O primeiro dos aspectos require de accións prioritarias tanto en atención especializada como en primaria, vinculadas a unha xestión que permita un rendemento óptimo na atención especializada, en quendas de mañá e tarde das intervencións cirúrxicas programadas, das consultas externas de especialidades e das probas diagnósticas e terapéuticas. Tamén na atención primaria as consultas ordinarias, non deben ser superiores a un prazo máximo de 48 horas. Os rateos de profesionais de medicina de familiar e comunitaria (MFC), de enfermaría de atención primaria e pediatría, aos que hai que aspirar nos centros de saúde, son de unha praza de MFC/1000 habitantes; unha de enfermaría/1000 habitantes e unha de pediatría/800 nenas/os de 0 a 14 anos.
PUNTOS DUN ACORDO PROGRESISTA
Un dos puntos do acordo de Goberno asinado, entre Pedro Sánchez en representación do PSOE e Yolanda Díaz por Sumar, contempla reducilas mediante a aprobación dunha lei, que evidentemente terá que ser minuciosa e entrar nas medidas obrigatorias que terán que cumprir os gobernos autonómicos, que son a quen corresponde planificar, organizar, dirixir e avaliar a política sanitaria, se queren facer cumprir os obxectivos de redución das listas. Segundo consta no acordo, a máxima demora para unha intervención cirúrxica se fixa en catro meses; para consultas de especialidades establécese un tope de dous meses, e para as probas diagnósticas e terapéuticas o máximo será un mes.
Para conseguir os obxectivos de mellora faise imprescindible ampliar os medios materiais, tecnolóxicos e humanos, tanto no centros de saúde como nos hospitais. Reforzar as unidades, os servizos e os centros con profesionais de determinadas titulacións e especialidades, nos que se detecte que están sendo insuficientes, como son os casos de medicina familiar e comunitaria, fisioterapia, enfermaría, pediatría...Ao mesmo tempo, o futuro Goberno de Galicia terá que garantir a estabilidade laboral, incentivar, motivar e retribuír xustamente aos profesionais da saúde.
Terá tamén o cometido de potenciar a formación dos profesionais sanitarios e de xeito especial, a formación de especialistas polo sistema MIR, EIR, PIR..., que foi reducida polo goberno do PP, con Rajoy no Palacio da Moncloa e Feijóo presidindo a Xunta de Galicia. E por suposto, sacar as convocatorias anuais de formación de especialistas, en función das necesidades reais dos centros sanitarios, co previo estudo e planificación esixible sobre vacantes e ampliacións futuras.
A atención en saúde mental ten que abordarse de xeito inmediato e con decisión, por iso é imprescindible incorporar, progresivamente e canto antes, a psicólogas/os clínicas/os e persoal de enfermaría coa especialidade de saúde mental aos centros de saúde, para previr e tratar trastornos de saúde mental, entre outros, a ansiedade, a depresión ou os intentos suicidio.
CONTROL E SEGUIMENTO DAS LISTAS DE ESPERA SANITARIAS
Hoxe en día non existe a participación, o control e a transparencia pertinente sobre as persoas que está a esperar por unha actuación sanitaria, e esta situación hai que modificala, en consecuencia sería aconsellable crear unha serie de órganos que fixeran posible o seguimento sobre este grande problema que ten a sanidade en Galicia. A primeira medida debe ser crear un Observatorio Sanitario ou de Saúde que debería ter, entre outras funcións, unha dedicación especial a análise da situación sanitaria, da toma de decisións e ao control e seguimento das listas de agarda sanitarias, tanto as estruturais como as non estruturais, dentro das normas de protección de datos e de confidencialidade.
A segunda das medidas de seguimento da xestión das listas de espera sería crear e constituír un Consello galego de participación no control e seguimento das listas de agarda sanitarias, cunha ampla participación das Administracións, de representantes profesionais e sociais.
Tamén é imprescindible a creación e constitución de consellos de saúde de áreas sanitarias, de distritos e de zonas sanitarias, que serían órganos colexiados de asesoramento e consulta onde habería representación da Administración sanitaria, concellos, axentes sociais, profesionais sanitarios e usuarios. No seu seno é desexable e hai que regulalo para que sexa obrigatorio dar información sobre as listas de agarda sanitarias garantindo a confidencialidade e a protección de datos.
Ademais o Servizo Galego de Saúde debería estar obrigado a publicar a listas estruturais e non estruturais, con datos referentes como mínimo ata 24 meses, na súa páxina web e como mínimo facelo cada tres meses. @mundiario