28-A: Os medios públicos galegos farán unha cobertura informativa sen precedentes

Marta Darriba. / Mundiario
Marta Darriba. / Mundiario

A TVG disporá de máis de 25 puntos de directo e, ao igual que a Radio Galega, dun amplo equipo de xornalistas nas sedes dos partidos en Madrid e Galicia. Tanto a Galega coma a emisora pública ofrecerán programas especiais cos resultados en tempo real. Entre os analistas, firmas de MUNDIARIO.

28-A: Os medios públicos galegos farán unha cobertura informativa sen precedentes

Televisión de Galicia e a Radio Galega disporán o domingo dun destacado dispositivo humano e técnico no 28-A. Informarán así de todo canto aconteza no transcurso da xornada electoral, cunha cobertura "sen precedentes", segundo a propia CRTVG. Ao peche dos colexios electorais, coñeceranse os resultados dunha enquisa realizada a 12.000 persoas, en colaboración coa FORTA. As elección xerais do 28-A son os comicios co resultado máis incerto, e para a TVG será tamén unha cobertura informativa sen precedentes, con máis de 25 puntos de directo e xornalistas en todas as sedes de Madrid e en Galicia, acompañando todos os partidos con aspiracións a estar no Congreso. Entre os seus analistas estarán firmas coñecidas polos lectores de MUNDIARIO.

A TVG terá o primeiro contacto informativo coa xornada electoral ás 09.00 horas. Presentado por Irene Lourido, este primeiro programa realizará unha rolda de conexións coa apertura dos colexios electorais e para informar sobre as votacións dos líderes dos principais partidos. Ás 10.30 h. coñeceranse nun ‘Adianto Informativo’ os primeiros datos de participación ofrecidos polo Ministerio do Interior. No espazo ‘A Revista Fin de Semana’, a partir das 12.15 h., realizarase un novo percorrido pola actualidade da xornada electoral.

Ás 14.30 horas, o ‘Telexornal Mediodía’ ofrecerá unha ampla información do transcurso da xornada. Conectarase co Centro de Datos de Madrid e achegaranse datos de participación, posibles incidencias e anécdotas que sexan destacables. A dúas horas do peche dos colexios electorais, ás 18.00 h., a TVG emitirá un novo ‘Adianto informativo’, en conexión co Ministerio do Interior, para ofrecer os datos a esa hora.

Televisión de Galicia porá en marcha a partir das 19.30 horas o especial informativo ‘Eleccións Xerais 2019’. Desde o estudio 5 da TVG, Marta Darriba e Ana Celia Vázquez ofrecerán ao peche das mesas electorais os resultados dunha enquisa elaborada pola empresa de demoscopia Gad3 para FORTA, cunha previsión dos resultados, coa porcentaxe de votos e de escanos estimados. Os datos desta enquisa serán obxecto de debate por Luís Cuntín, Arturo González, Lara Graña e Santiago Martínez, analistas que estarán presentes no estudio. Outro dos puntos informativos estará situado na redacción de San Marcos, desde onde se establecerán conexións ao fío da actualidade con Carlos F. Amado.

O amplo despregamento na TVG posibilitará estar, en vivo, nos peches dos colexios electorais e no reconto de votos. Serán cinco horas de directo ata saber quen pode ser o próximo presidente do Goberno e coñecer os resultados definitivos nos 313 concellos de Galicia.

Analistas de MUNDIARIO

Para a análise dos resultados oficiais dos comicios, desenvolverase un novo faladoiro que contará coa participación de Pablo Vázquez Sande, Mapi Egea, Xosé Luís Gómez e Xoán Antón Pérez Lema; os tres últimos columnistas de MUNDIARIO.

Durante o domingo, os medios públicos galegos terán a ollada posta, amais, nos comicios que se celebran na comunidade valenciana.

Celia Rúa, unha das estrelas da Radio Galega.

Celia Rúa, unha das estrelas da Radio Galega.

A Radio Galega iniciará o domingo ás 08.00 h. da mañá a súa programación especial para dar cobertura á xornada electoral. Desde primeira hora, con Celia Rúa á fronte dunha edición especial do ‘Galicia por Diante’, a emisora pública pulsará os últimos preparativos nos colexios electorais antes da súa apertura ao público.

Unha vez constituídas as mesas e iniciada a xornada de votación, a Radio Galega seguirá con atención os primeiros compases da xornada en conexión permanente cos colexios electorais e co Centro de Datos en Madrid, cun amplo equipo de xornalistas despregados polo territorio.

Ao mediodía, Celia Rúa avanzará nunha edición especial da ‘Crónica das Dúas’ o primeiro dato de participación e resumirá todas aquelas incidencias e mensaxes políticas da xornada. A Radio Galega tamén conectará pola tarde, en directo, co Ministerio do Interior. 

Ás 19.45 h. arrancará o programa especial ‘28 de abril: Eleccións Xerais na Radio Galega’, dirixido e presentado por Luis Ojea. Será ás 20.00 h. cando a Radio Galega avance a última sondaxe antes do reconto definitivo, a enquisa elaborada por Gad3.

Desde ese momento, a evolución do escrutinio e as reaccións políticas serán o centro de análise dunha destacada mesa de debate composta polos xornalistas Fran Espiñeira, Martín García Piñeiro e Luis Pérez, e a economista María Cadaval, tamén analista de MUNDIARIO. Todos eles achegarán as claves para interpretar os resultados dunha noite electoral histórica.

Como é costume, a páxina web da CRTVG achegará en tempo real os resultados electorais a medida que se vaia producindo o escrutinio. Tamén estarán dispoñibles os datos da enquisa electoral tras o peche dos colexios. @mundiario

Comentarios