María Piñeiro, xornalista de El Progreso: "Non podemos permitirnos que os lectores se aburran da pandemia"

María Piñeiro. / CPXG
María Piñeiro. / CPXG
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) inicia con ela unha serie de conversas con xornalistas que traballan na cobertura informativa da Covid-19.
María Piñeiro, xornalista de El Progreso: "Non podemos permitirnos que os lectores se aburran da pandemia"

A periodista luguesa María Piñeiro é desde hai doce anos a encargada da información sanitaria no xornal El Progreso, onde tamén publica a sección ‘El Portalón’. Cubriu a Deputación de Lugo en tempos de Cacharro Pardo e foi correspondente oficiosa de La Razón na China. Esta primavera, en pleno confinamento, escribiu o manifesto do CPXG para o Día da Liberdade de Prensa. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) inicia con ela unha serie de conversas con xornalistas que traballan na cobertura informativa da Covid-19, co propósito de salientar o papel do xornalismo na pandemia e de alentar a reflexión conxunta sobre o tratamento informativo da alerta sanitaria.

– Viviches dous anos na China e segues interesada polo país. Viches vir a pandemia?

– Si que empecei a ler sobre este virus un pouco antes, porque leo algún xornal chinés en inglés, pero non pensei que fose acabar así. En xaneiro ou febreiro recordo chamar un preventivista do HULA por outro tema, e acabamos falando tamén do que estaba pasando na China. 

– Dícias no manifesto do Día da Liberdade de Prensa que “tivo que vir o BOE recordarnos que somos un servizo esencial”. Como está respondendo o periodismo a ese papel durante a pandemia?

– Creo que estamos facéndoo ben. Eu atopo cousas que ler e ver que me interesan, aínda que desde logo hai que ser esixente escollendo o menú informativo. Creo que si corremos perigo de sobreinformación, especialmente nestes tempos de 'economía da atención'. Atópase moitísima xente que xa se desconectou dos medios, que di que xa non pode ver as noticias. O que máis me preocupa é aburrirme e que os lectores se aburran, porque non podemos permitírnolo. A xente está farta e quere escoitar e ler outras cousas, pero non podemos tratar isto á lixeira, sen darlle a importancia que segue tendo, tal e como está a situación epidemiolóxica. Hai que manterse atenta e interesada.

Penso que se debería teletraballar na medida do posible, e se non, ventilar moitísimo

– E ademais, hai que protexerse do contaxio. As redaccións son seguras?

– Eu teño desde hai uns meses dúas teimas que me obsesionan, unha é o acceso aos datos e outra, a transmision por aerosois.

– Empecemos cos aerosois.

– Na miña empresa insisto moito con isto. Penso que é un erro xeral pensar que se pode recuperar a normalidade nos centros de traballo só con mamparas, distancia de seguridade e quendas, sen ter en conta os aerosois, que para moitos científicos son a principal vía de transmisión do virus. Nas oficinas hai que abrir as fiestras para ventilar, como están facendo nos institutos e nos colexios, aínda que haxa que dar clase co abrigo posto. Se nun centro de traballo hai unha persoa infectada durante a ventá de oportunidade para o contaxio e pasas unha xornada laboral enteira con ela, é moi posible que te infectes. Penso que se debería teletraballar na medida do posible e, se non, ventilar moitísimo.

– E estase facendo? Nas redaccións e nos centros de traballo en xeral?

– Un dos problemas é que a OMS segue sen dicir expresamente que os aerosois sexan a principal vía de transmisión e iso ten moito peso nos protocolos de países como España. O Ministerio de Sanidade ten un protocolo para as oficinas que permite aos traballadores que non traballan cara ao público quitar a máscara cando están no seu posto de traballo se se garda a distancia de seguridade... Non ten sentido ir con máscara por unha rúa baleira e quitala no traballo, onde se comparte un espazo pechado con máis persoas. Non ten sentido, pero é o que pon o protocolo e as empresas cumpren co protocolo.

Gustaríame ter visto datos diarios como ofrecen outras comunidades; non só para os xornalistas, tamén para os cidadáns

Falabas tamén da túa preocupación polo acceso aos datos. Moitos xornalistas e o propio CPXG pedíronlle máis transparecencia á Consellería de Sanidade.

– Non son eu unha xornalista que lles saque moitísimo partido aos datos, como fan outros compañeiros en Galicia, pero si me gustaría ter visto datos diarios como os que comparten outras comunidades nas súas webs; non só para os xornalistas, senón tamén para os cidadáns. Ás veces parece que o que nos molesta é que La Voz de Galicia tivese acceso a datos que os demais medios non tiñamos. Claro que todos queremos ter máis información que os demais e tela antes, pero non é iso. O que me gustaría sería que a Consellería de Sanidade dese datos abertos, diarios, con moitos dos indicadores teñen en conta para aplicar restricións. A escusa do presidente da Xunta de que facilitar datos por concellos suporía nalgúns lugares case un sinalamento non ten ningún sentido. Pero se hai concellos nos que dá os datos de novos casos o propio alcalde! @mundiario

Comentarios