María Cadaval dirixirá o curso de verán da USC sobre o mundo dos viños galegos

Germán Martínez, Elisa Rubi, María Cadaval y Roque Durán. / Mundiario
Germán Martínez, Elisa Rubi, María Cadaval e Roque Durán. / Mundiario
Abandeira unha cultura do viño que axude a facer fronte aos retos do cambio climático, ao tempo que a sociedade aprenda a recoñecer a importancia do viño na economía, pero tamén no medio ambiente e na cultura.
María Cadaval dirixirá o curso de verán da USC sobre o mundo dos viños galegos

A profesora de economía María Cadaval dirixirá o curso de verán da USC sobre o mundo dos viños galegos no marco do XI Foro do Albariño, que foi presentado baixo o lema Viño, sustentabilidade e economía circular. Celebrarase os días 6 e 7 de xullo de 2023 nas instalacións de Adegas Terra de Asorei, en San Martiño de Meis (Pontevedra), xunto coa Mostra de Elaboracións Especiais do Val do Salnés da DO Rías Baixas, en colaboración con Adegas Terra de Asorei e a Asociación de Adegas do Salnés.

Na presentación, xunto a directora deste curso de verán da USC, interviron a secretaría Elisa Ma Rubí Cano, o presidente-conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán – Roque, e o presidente da Asociación Adegas do Salnés, Germán Martínez.

O curso está dirixido ao alumnado, profesorado universitario e de formación profesional, institutos e profesionais do sector do viño mais tamén ao público en xeral que teña curiosidade por achegarse ao mundo do albariño actual e ás tendencias e novidades que hai dentro do sector dende unha mirada transversal e multidimensional. Os dous días terminaran a xornada cunha cata de elaboracións especiais de varias adegas do Val do Salnés. Ademais, o venres farase un xantar romaría para ter unha maior convivencia entre os participantes do curso e poñentes e no acto de clausura rematara cunha actuación musical.

O prazo de matricula remata o 23 de xuño e a USC recoñece os cursos da Universidade de Verán 2023 a efectos de créditos ECTS (titulacións de grao) para o seu estudantado.

Implicación na loita contra o cambio climático

María Cadaval, directora do curso e colaboradora de MUNDIARIO, destacou a transversalidade e o enfoque cara ao cumprimento dos ODS do sector vitivinícola e a súa implicación na loita contra o cambio climático no seu camiño cara a un modelo de economía sustentable e circular. Dixo que a circularidade conforma a cadea de valor do viño, ademáis de ser un factor fundamental para o seu desenvolvemento futuro. “Resulta imprescindible achegarse e coñecer o xeito no que o sector vitivinícola está a incorporar os principios da economía circular, o que será chave para situarse con vantaxes de cara ao futuro mais inmediato”, suliñou.

A directora do curso coida que cómpre facer os esforzos necesarios para crear unha cultura do viño que axude a facer fronte aos retos do cambio climático, ao tempo que a sociedade aprenda a recoñecer a importancia do viño na economía, pero tamén no medio ambiente e na cultura.

Elisa Rubí Cano, secretaria do curso, indicou que “este ano imos coa XI edición do Foro, o cal comezou no 2008 e dende 2019, faise en paralelo co curso de verán da USC, coa colaboración de Adegas Terra de Asorei e a Asociación Adegas do Salnés. "Creemos que xa está consolidado como referente para o sector do albariño no Val do Salnés nas Rías Baixas, sendo a Adega o lugar de encontro, para reflexionar sobre o mundo dos viños galegos", comentou.

Xosé Ramón Durán-Roque afirmou que segundo os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030, é importante implicar ao sector vitivinícola na loita contra o cambio climático e dar a coñecer os avances e transformacións que o sector está incorporando no eido da economía circular. "Por iso, un dos eixos deste curso é a economía circular", salientou.

O presidente-conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei afirmou que este curso supón unha nova oportunidade de seguir afondando na creación dunha cultura do viño propia, capaz de axudar ao sector a facer fronte aos fitos do cambio climático e á sociedade a recoñecer a importancia do viño, na súa concepción mais ampla, económica mais tamén cultural.

Pola súa parte, Germán Martínez, presidente da Asociación Adegas do Salnés, afirmou que este curso de verán da Universidade de Compostela é “unha forma de dar valor ó traballo das persoas que laboran nas viñas, na elaboración, nas adegas e na comercialización do albariño”.

Esta terceira edición do curso de verán está enfocada en tres liñas principais. A comercialización do enoturismo, a sustentabilidade e a economía circular na viticultura e nas adegas e a importancia e o orgullo de por en valor as elaboracións especiais de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, como o son as elaboracións con barrica, o traballo das lías, os escumosos de calidade ou as variedades senlleiras como o Espadeiro, símbolo da biodiversidade, cunha mostra de cata coa participación de varias adegas e as súas elaboracións especiais.

Intervintes no Curso de Verán da USC e Foro do Albariño

Edelmiro López Iglesias, Gumersindo Feijóo Costa, Marta Lores Aguín, Julián Garcia Berrios, María Cadaval e Elisa Rubí Cano son algunhas das persoas intervintes do Curso de Verán da USC e Foro do Albariño.

Edelmiro López Iglesias.- Profesor Titular no Departamento de Economía Aplicada da USC. Dende 1999 ocupa o cargo de director do Instituto Universitario de Estudios e Desarrollo de Galicia (IDEGA). A súa investigación céntrase nos campos da economía e política agraria, no desenrolo rural e a economía rexional. Foi uno dos redactores do Libro Blanco de la Agricultura y el Desarrollo Rural elaborado no 2003 polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Membro dende 2001 da Xunta Directiva da Asociación Española de Economía Agraria (AEEA).

Gumersindo Feijoo Costa. Vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e sustentabilidade. Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da USC. Catedrático de Universidade da Área de Enxeñeira Química pola USC. Coordinador do Master Oficial en Enxeñería Ambiental da USC (2005-2008), Coordinador da Rede Temática Nacional de Análise de Ciclo de Vida (2002-2012), Director do Departamento de Enxeñería Química (2008-2017). Coordinador do Grado en Enxeñería Química (2014-2018).

Marta Lores Aguín.- Catedrática de Química Analítica no Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía (USC). Posúe dúas patentes de invención, sendo socia fundadora e directora científica da empresa de base tecnolóxica: "i-Grape Laboratory”. Actualmente, é a coordinadora do Proxecto europeo NeoGiANT del H2020- GreenDeal. O obxectivo de NeoGIANT é desenvolver un conxunto de novos produtos (alimento para animais, produtos profilácticos e diluintes de esperma) baseados en extractos de bagazo de uva Albariño, para diminuír o uso de antibióticos na cría de animais e substituír os conservantes sintéticos.

Julián Garcia Berrios.- Profesor titular na USC, no departamento de Produción vexetal e proxectos de enxeñería. Forma parte do grupo de investigación Viticultura e sanidade vexetal. A súa tese doutoral foi Evaluación de técnicas de mantenimiento del suelo en viñedos de Ribeira Sacra y Rías Baixas (Galicia), 2011.

Alicia Estrada. Periodista de viños e especialista en enoturismo. Consultora de enoturismo sobre comercialización e enoturismo MICE, para empresas e destinos de viño. Directora de Marketing e Innovación de GEBTA (Guild of European Business Travel Agents). Profesora do Máster da OMT, Gestión de destinos turísticos.

María Cadaval Sampedro.- Profesora de Economía Aplicada na USC, área de Facenda Pública. Doutora en Economía con Mención Europea. Premio extraordinario de doutorado. Master en Administración Financeira e Tributaria. Licenciada en Economía. Especialista en federalismo fiscal, descentralización e facenda autonómica e local. Directora da Cátedra Iberoamericana da USC. Subdirectora de RIFDE (Red de Investigadores en Financiación Autonómica y Descentralización Financiera en España). Membro de GEN (Governance and Economics research Network). Membro do Foro Económico de Galicia e do grupo de traballo Galicia 2040. Coordinadora da Rede Local de administración pública, Localis, pertence ó Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP). Dirixe o curso de expert@ en intelixencia emocional e benestar organizacional, USC. Autora de varios artigos en revistas nacionais e internacionais de impacto.

Elisa Rubí Cano.- Profesora titular de Universidade, no Departamento de Química Analítica da Facultade de Química da USC. Instituto de Investigación de Análises químicos e biolóxicos.

Adegas Terra de Asorei e Asociación de Adegas do Salnés

Adegas Terra de Asorei é unha adega familiar ubicada en San Martiño de Meis que elabora viños 100 % de uva albariña e outras variedades autóctonas do Salnés dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Unha adega que aposta pola calidade, conta coas certificacións Galicia Calidade, así como os sistemas de xestión ISO 9001, de Calidade, e 14001, de Medio Ambiente. Continúa coa súa estratexia de internacionalización, na cal os seus albariños xa están presentes en máis de 22 países.

A Asociación de Adegas do Salnés é unha entidade sen ánimo de lucro constituída no ano 2006, herdeira da antiga Asociación de Pequenas Adegas do Salnés. Actualmente está integrada por adegas e viticultores do Salnés que están adscritos á Denominación de Orixe Rías Baixas.

Tanto Adegas Terra de Asorei como a Adegas do Salnés buscan a recuperación de variedades autóctonas, a redución da pegada medioambiental, e sobre todo a promoción dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. @mundiario


Datos básicos

Créditos e diploma de asistencia: A USC recoñece os cursos da Universidade de Verán 2019 a efectos de créditos ECTS (titulacións de Grao) para o seu estudantado. Este curso de 16 horas equivale a 1 crédito.

Importe da matrícula: Taxa xeral:70 €. Taxa reducida, aplicable a estudantes universitarios, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, desempregados, socios da Asociación de Antigos alumnos da USC e PDI e PAS da USC: 40 €

Prazo de matrícula: Acaba o prazo 23 de xuño. 

Comentarios