María Cadaval condiciona a saída da crise ao cambio do modelo produtivo
“A saída da crise pasa por aproveitar os fondos de recuperación, non tanto pola súa importancia cuantitativa como cualitativa, de cambiar o modelo produtivo, aplicar as reformas estruturais pendentes e elaborar un plan que faga viable a recuperación con sustentabilidade”, segundo dixo a profesora de economía María Cadaval no curso O mundo dos viños galegos (2ª edición), no marco do X Foro do Albariño, en Cambados (Pontevedra).
Os artífices do Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela O mundo dos viños galegos (2ª edic)ón), no marco do X Foro do Albariño, foron a directora do curso e profesora desa universidade, Elisa Rubí; o presidente da Asociación Adegas do Salnés, Germán Martínez, e o presidente-conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán, Roque, Foi impartido do 29 de xuño o 1 de xullo en Adegas Terra de Asorei, en San Martiño de Meis (Pontevedra) e no centro Comarcal Exposalnés en Cambados, e o acto de clausura foi no Pazo de Ulloa, en Cambados.
María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da USC e coautora do libro Cómo salir de esta (II), xunto ao xornalista José Luis Gómez, comentou os retos aos que se enfronta a recuperación económica post-Covid ante o complicacións e adversidades que xorden non só desde o punto de vista económico senón tamén desde o punto de vista social e sociolóxico. Lembrou a frase de Enrique Fuentes Quintana "ou os demócratas acaban coa crise ou a crise acaban coa democracia", en alusión á necesidade de abordar a desigualdade e tratar de lograr unha recuperación equitativa e xusta.
Segundo a coautora de Cómo salir de esta (II), España debe encarrilar a recuperación e preparar a súa saída tratando de evitar o círculo vicioso que históricamente xeraron as pandemias en forma de estancamento, desigualdade, inestabilidade e convulsión, para dar paso ao círculo virtuoso de oportunidades que a dixitalización supón, a transición verde e, sobre todo, a transformación industrial.
"Esta crise non se solucionará desmantelando máis o Estado de benestar, senón rebobinando a película a unha situación na que estea mellor distribuída, coa mirada posta no futuro dos máis novos e no benestar dos maiores. Aos retos da covid-19 súmanse as tensións provocadas pola Guerra de Ucraína, que agravan os problemas, que haberá que abordar máis pronto que tarde, non sen medidas "dolorosas".
Huidobro, Vence, Méndez e Tolosa
Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, fixo no mesmo curso un amplo recorrido do estado actual da internacionalización dos viños da D.O. Rías Baixas, os cales se atopan nunha continua etapa de crecemento, sendo o mercado da exportación o principal. "Ademais, o posicionamento dos nosos viños é a de un dos mellores viños galegos do mundo", suliñou.
Xavier Vence, catedrático da Economía Aplicada da USC, explicou en profundidade o reto da economía circular e a sostenibilidade na agroindustria galega.
Lluís Tolosa Planet, sociólogo e escritor especializado en enoturismo e divulgación da cultura do viño, falou do enoturismo, no cal o máis importante é o relato, a historia que hai detrás das adegas, as historias reais detrás dos viños. Coida que debe quedar atrás a etapa de visita típica, explicación de proceso, con tecnicismos, e degustación sen máis. "É primordial dar un valor añadido, alma, autenticidade e amor pola terra", suxire.
Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade, destacou a aposta pola sostenibilidade e a competitividade nos mercados internacionais e explicou a nova estratexia de Galicia Calidade.
A clausura deste curso promovido por Elisa Rubi e Roque Durán contou cunha actuación musical coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e unha degustación de viños da D.O. Rías Baixas do Val do Salnés. @mundiario