As mareas viven un momento de división, o cal contrasta co ideal de unidade popular

Luís Villares, portavoz de En Marea. / Redes Sociales
Luís Villares, portavoz de En Marea. / RR SS

Os rupturistas galegos das chamadas confluencias viven un momento político crítico de desunión que pode acabar nunha agria ruptura, e non precisamente de réxime político.

As mareas viven un momento de división, o cal contrasta co ideal de unidade popular

O 25 de xullo de 2018 volveu escenificar a división existente no seo das confluencias galegas, xa que os distintos partidos políticos realizaron cadanseu acto por separado, incluso En Marea como organización autónoma. Os neogaleguistas viven así un dos seus peores momentos dende o nacemento de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) en 2012, que lograra 9/75 escanos no Hórreo ese ano.

A xénese dos problemas internos dos rupturistas apareceu en 2013 tras a renuncia da acta de deputado por parte de David Fernández, de Anova-IN nese momento, que marchara entón de Galicia por motivos profesionais. As cúpulas nacionalista e de IU-EU consideraron que o escano debería corresponderlle a un militante anovado. Sen embargo, pola orde de listas electorais tal posto pertencía á Carmen Iglesias (EU), que se negou a renunciar a acta, pasando ó Grupo Mixto. Este feito marcou o comezo das liortas internas dos confluíntes.

A este feito seguiulle a escisión de Cerna no seo de Anova-IN, que rexeitaba a alianza a longo prazo coa esquerda estatal. Iso deu como resultado a incorporación de Consuelo Martínez ó Grupo Mixto. A Iglesias e Martínez aínda se lles uniría Mónica Fernández (Cerna), deixando así a AGE como cuarta forza no Parlamento, por debaixo do BNG, que obtivera 7/75 escanos na IX Lexislatura.

Por suposto, o contexto preelectoral estatal de 2015 e 2016 non estivo exento de polémica nas confluencias. Mentres Anova-IN defendía que En Marea fose coas súas siglas nunha gran coalición rupturista onde tamén estivese o BNG (os anovados defendían que, no caso de que En Marea obtivese 5 escanos no Congreso dos Deputados, formase un grupo parlamentario galego). Podemos –que nacera en 2014- e boa parte de EU opoñíanse. Finalmente, En Marea presentouse como unha coalición de partidos nas eleccións xerais de decembro de 2015 e en xuño de 2016.

A situación preelectoral autonómica de 2016 tamén foi complexa para o conxunto destas organizacións. Anova-IN, Espazo, os alcaldes do cambio e parte de IU-EU eran partidarios dunha En Marea auténtica, é dicir, sen formato de coalición. Podemos oscilaba entre ir en coalición nunha candidatura que amosase a súa marca ou, en caso contrario, presentarse en solitario. Finalmente, Pablo Iglesias interveu e cedeu ante os partidarios dunha marea homoxénea en termos xurídico-electorais. Iso provocou o descontento e marcha dunha pequena parte dos militantes de Podemos, que vían ós morados oficialistas pregados ao nacionalismo galego de esquerdas.

Por outra banda, o modelo de partido instrumental de En Marea deseñado por Luís Villares (portavoz parlamentario da formación) e os seus partidarios obtén o rexeitamento de moitos dos militantes dos partidos políticos rupturistas desa órbita, que o ven pouco incluínte.

Un dos episodios máis incómodos para as mareas –aínda sen resolver- protagonizouno a deputada podemita Paula Quinteiro, negándose a dimitir despois de manter unha liorta coa policía local santiaguesa; os axentes interviñeron en contra dun grupo de mozos que actuaran con vandalismo. Aínda que Quinteiro non está imputada, o seu comportamento foi obxecto de reprobación por moitos simpatizantes da candidatura á que representa. Este feito acentuou as diferenzas entre o núcleo de Villares (partidario de que renuncie á acta) e os detractores deste último, que neste tema, na súa maioría, apoiaron á parlamentaria viguesa.

Finalmente, o acordo previo electoral entre Podemos, IU e Equo para as eleccións locais e europeas de 2019 foi interpretado polos militantes do partido instrumental como un menosprezo a Galicia e a En Marea, afondando aínda máis nos problemas internos desta alianza de esquerdas.

Como podemos apreciar, as liortas no seo das confluencias son constantes e o proceso natural é que as organizacións socialistas rupturistas de ámbito estatal vaian pola súa conta e que os máis nacionalistas en termos ideolóxicos e de estratexia electoral sigan un camiño diferenciado, ben por separado ou en coalición co BNG. @mundiario

Comentarios