O maquinista era a única barreira de seguranza en Angrois, segundo a Axencia Ferroviaria Europea

Concentración de afectados por la catástrofe de Angrois. / Luis Polo
Unha concentración de afectados pola catástrofe de Angrois. / Luis Polo

O xefe de seguranza da EUAR, a axencia ferroviaria europea, recoñece que o maquinista constituía a única barreira de seguridade no Alvia sinistrado en Angrois o 24 de xullo de 2013. A EUAR interveu das resultas das xestións da eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

O maquinista era a única barreira de seguranza en Angrois, segundo a Axencia Ferroviaria Europea

O PP e o PSOE asumiron despois da catástrofe ferroviaria de Angrois, en xullo de 2013, unha actitude ferreña contra calquera investigación xudicial ou administrativa independente. Baixo o mandato de Pepe Blanco (PSOE) como ministro inagurouse a liña de alta velocidade Ourense-Compostela logo de modificar (2010) a fasquía orixinalmente proxectada da liña, que determinaba a supresión dunha curva tan perigosa como a d’A Grandeira, onde cómpre baixar a velocidade de 200 kms/h a menos de 70. Baixo o mandato da entón ministra Ana Pastor (PP) desconectouse o sistema de seguranza europeo ERTMS dos trens Alvia (2012), deixando ao maquinista como única barreira de seguranza no caso de erro de desatención humana. Mais o PP e PSOE, o bipartidismo unionista e dinástico, querían tamén evitar danos reputacionais ao AVE español, priorizándoo fronte á verdade diante da cidadanía e das vítimas.

O bó e teimudo facer de Ana Miranda, eurodeputada do BNG, levou a investigación parcial do Ministerio de Fomento, que lle botaba na súa integridade a culpa ao maquinista, á EUAR, a axencia ferroviaria da UE.  E os informes europeos foron unívocos: a remuda do traxecto proxectado e máis a supresión do ERTMS nos Alvia, que rebaixaban obxectivamente a seguranza, precisaban dunha análise de riscos e éste non se fixo. Por outra banda, a EUAR denunciou a parcialidade da pescuda oficial da CIAR do Ministerio de Fomento, na que mesmo persoas responsábeis destas medidas de redución de seguranza partillaron na investigación.

O cadro pintouno moi a xeito este día Christopher Carr, xefe de seguranza da devandita axencia europea EUAR, perante a Comisión de Investigación do Congreso : “no Alvia sinistrado non había máis barreira de seguranza ca a do maquinista”. É dicir, que se estaba a vulnerar gravísimamente un principio esencial da alta velocidade ferroviaria, como é que os viaxeiros non dependan exclusivamente do factor humano.

O recoñecemento desta verdade por este especialista da UE xustifica por si a Comisión de investigación, desminte aos que non acreditan nesta caste de organismos e habería botar fóra do foco, por irrelevante, a anécdota dos deputados Rufián e Gómez-Reino. @mundiario

Comentarios