Manuel Lago: “Conducir o país a unhas novas eleccións é unha irresponsabilidade"

Manuel Lago. / Mundiario
Manuel Lago. / Mundiario
Sobre a nova Valedora –foi proposta a maxistrada María Dolores Fernández Galiño–, o voceiro de En Marea salientou que “non estamos de acordo co procedemento da elección, xa que non responde á decisión de todos”.
Manuel Lago: “Conducir o país a unhas novas eleccións é unha irresponsabilidade"

O voceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Manuel Lago, coida que “conducir o país a unhas novas eleccións é unha irresponsabilidade", segundo dixo na TVG, canle na que foi entrevistado no programa ‘Bos días’ para analizar a actualidade, despois de elixir, entre todos os perfís da súa traxectoria profesional (xestor, analista económico, deputado, voceiro...), o de “economista de CC OO”.

Respecto da investidura fracasada de Pedro Sánchez, o economista Manolo Lago expresou que “foi unha enorme frustración para os que estamos na esquerda... non ten sentido estar tres meses sen negociar nada e intentar resolver esa negociación en tres días”. “En setembro ten que haber un goberno de esquerdas”, concluíu.

Sobre posibles solucións, Manuel Lago indicou que “a idea fundamental é que hai que construír un programa de goberno conxunto desde a esquerda”. Respecto da posibilidade de repetir os comicios, remarcou que “conducir o país a unhas novas eleccións é unha irresponsabilidade. O país non pode permitirse iso. A xente xa votou, non se trabucou, eliximos unha maioría de esquerdas e a tarefa dos partidos de esquerdas é materializar ese mandato cidadán”.

Manuel Lago opina que o calendario electoral galego non debería verse afectado, xa que “non hai motivo para que non se cumpra a lexislatura”, así que a situación “non debería influír nas dinámicas de Galicia como país”. Falando de 2020, apuntou que “Galicia está na vangarda da construción de movementos políticos e iso vai ter unha nova expresión electoral en 2020”, polo que “vai haber unha alternativa non hai dúbida”.

O voceiro de En Marea no Parlamento galego indicou, así mesmo, que “a xente nos puxo como principal forza da oposición e eu pido desculpas pola ruptura do partido. Deixamos de ser o que a xente decidiu. Foi un erro”.

Nova Valedora do Pobo en Galicia

Manolo Lago tamén opinou sobre a dimisión da Valedora do Pobo: “A Valedora do Pobo levaba tres anos cun problema reputacional tremendo. Foi un instrumento do Goberno galego contra os intereses populares e debeu dimitir antes”, dixo.

Sobre a nova proposta para o cargo –a maxistrada María Dolores Fernández Galiño–, o voceiro de En Marea salientou que “non estamos de acordo co procedemento da elección, xa que non responde á decisión de todos”.

Preguntado sobre a designación de Corina Porro como delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Manuel Lago criticou a Núñez Feijóo, xa que “o Goberno da Xunta dálle os instrumentos económicos e sociais en Vigo á delegada do Partido Popular en Vigo que ten o encargo de reconstruír o partido” e “non se poden utilizar recursos públicos para reconstruír un partido”. @mundiario

Manuel Lago: “Conducir o país a unhas novas eleccións é unha irresponsabilidade"
Comentarios