Mantense a presión da Xunta para que Endesa siga contaminando desde As Pontes

Central térmica de As Pontes. / Wikimedia Commons
Central térmica de As Pontes. / Wikimedia Commons
Galicia soporta unha contaminación moi por riba do que lle correspondería por superficie xeográfica, número de habitantes, grado de industrialización, nivel de vida ou PIB. Mentres, outras  partes de España son privilexiadas porque, sin contaminar o seu territorio, consumen a electricidade.
Mantense a presión da Xunta para que Endesa siga contaminando desde As Pontes

Actualmente Galicia emite da orde do 9% do total de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) do Estado, cifra que chega ao 12,3% si so consideramos as empresas do mercado de emisións nas que están as grandes industrias como as térmicas, refinería, celulosa, aluminio, ferroaliaxes, cemento... As elevadas emisións galegas fan que indicadores como t/habitante ou t/km2  sexan aquí moi elevados e superen amplamente a media de España, por exemplo mentres a media no Estado en GEI (CO2-eq)  é de 5,7 toneladas/habitante/ano, aquí alcanzamos 11 t/habitante/ano  e son moi poucos os países da UE  que nos superan. Galicia soporta unha contaminación  moi por riba do que lle correspondería por superficie xeográfica, número de habitantes, grado de industrialización, nivel de vida, PIB... o que indica que mentres nos soportamos os custos sociais e a contaminación ambiental outras  zonas do Estado son privilexiadas  porque consumen  sin contaminar o seu territorio, a electricidade, por exemplo.

As térmicas de carbón emitían no 2018 máis de 10 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro, so a central térmica de carbón de As Pontes, a industria máis contaminante de Galicia e a primeira do Estado,  emitía 7,94 millóns de t e a térmica de Meirama  2,24 millóns de t  e mentres no Estado Español a xeración eléctrica  é responsábel de menos do  18% das emisións globais de GEI, aquí as térmicas representan o 33% do total das emisións con notable impacto no medio ambiente e na saúde.  Estes xigantes en contaminación non so emiten CO2 e GEI senón que tamén vomitan a atmosfera gases acidificantes que orixinan choiva ácida (máis da metade do dióxido de xofre que se emite), e outros gases e partículas que directa ou indirectamente prexudican ao entorno e a saúde (a terceira parte do total galego en Mercurio, Partículas PM10, Óxidos de nitróxeno... ) e á vez  colaboran na destrución da capa de ozono ou forman o perigoso ozono troposférico. 

Emisións en Galicia. / Mundiario

Todo indicaba até agora que o problema estaba nas empresas eléctricas como Endesa ou Naturgy remisas a diminuír a contaminación ou pechar e utilizar outras fontes alternativas. Hoxe xa coñecemos que  as eléctricas teñen alternativas económicas mellores que o carbón e a súa postura cambiou. Naturgy decidiu pechar Meirama o ano próximo. Endesa aínda que unicamente comunicou a “descontinuidade” de As Pontes, remitía a CNMV (Comisión Nacional do Mercado de Valores) a reestruturación completa do “mix” de xeración  eléctrica  no camiño cara a descarbonización total  e anunciaba que “deixa a cero no 2022 a capacidade  térmica de carbón peninsular” o que inclúe  o futuro peche das Pontes, sen data .

O Goberno da Xunta  criticou dende o primeiro momento ao Goberno central por “non ser capaz de tomar decisións que permitan o mantemento da central térmica” e defendeu a necesidade de establecer medidas para permitir a “reactivación” da térmica. A reacción da política oficial non se fixo esperar (non importa o color político), Endesa viuse obrigada a realizar unhas probas técnicas con mestura de combustibles diversos para contentar  a Xunta (PP), ao Concello de As Pontes (PSOE), a Deputación e aos traballadores que ven ameazados os postos de traballo directos e indirectos. Probas realizadas mesturando carbón con outros combustibles, entre eles lodos secos de depuradoras. Estes son moi problemáticos pola emisión de metais e contaminantes á atmosfera e  emiten GEI. Pero de calquera forma  parece que o ensaio tivo un resultado nada satisfactorio nin rendíbel segundo Endesa polo que  insiste  en considerar  esta opción inviable. A Xunta empecinase en seguir ensaiando, non lles importa o que ali se queime, non importa a contaminación que implique tanto en GEI como noutros compostos.   Vexamos só catro puntualizacións:

1. A Xunta debía tratar de que Galicia non fose discriminada.   En decembro do 2018  Endesa anunciaba o peche das térmicas de carbón de Compostilla (Ponferrada) e Andorra (Teruel) e no 2019 “promove unha descontinuidade” en As Pontes (A Coruña).  Mentres a solicitude de peche das dúas primeiras centrais citadas  ía en paralelo cuns plans de futuro que respectaba os postos de traballo (166 empregados en Compostilla e 153 en Andorra)  aquí descoñecese como vai ser o futuro dos traballadores ¿non sería mellor que Endesa o aclarase e a Xunta apostara porque a empresa se faga cargo do futuro dos traballadores ?. Con relación aos investimentos, despois do peche en Teruel,  anunciou que vai instalar na zona até 1000 MW de nova capacidade fotovoltaica  cunha inversión de 800 millóns de euros  e en Ponferrada  unha similar de 300 MW e inversión de 240 millóns, polo contrario  falta por coñecer o que ofrece nas Pontes pois aquí tamén sae o sol. ¿Non seria mellor que a Xunta esixira un Plan de Transición xusta a Endesa? Presionar para que siga perpetuándose As Pontes é impresentábel dende a política oficial, o camiño é esixir alternativas  concretas a multinacional.

2. A Xunta debía ser responsábel. A gran maioría da poboación da provincia de A Coruña respirou no 2018 aire contaminado. A Coruña, Santiago e Ferrol presentan valores de contaminación ambiental que aínda que podan estar dentro da permisiva lexislación  están moi por riba do nivel saudábel que recomenda a OMS – con valores máis ríxidos que non contempla a lexislación- e polo tanto estamos con risco na saúde, situación que arrastramos de anos atrás. Galicia igual que sucede cas emisións ten unha contaminación -a nivel do solo no aire que respiramos- moi superior á que teoricamente lle podía corresponder   especialmente no que se refire a dióxido de carbono, partículas, ozono troposférico, metais pesados, naftaleno, benceno, dióxido de xofre.. e as térmicas son moi responsables. A alternativa da Xunta para que se queimen lodos de depuradora de As Somozas  xunto con outros combustibles traídos de lonxe e irresponsable e perpetua  a contaminación e aumenta o risco na saúde  (problemas cardiovasculares, respiratorios, ictus...). ¿Importa o aire que respiramos  e a saúde  humana  ?.

3. A Xunta non debía mentir nin enganar. O Presidente Feijoo afirma que  As Pontes é necesaria para Galicia e para España”,  “Galicia seria unha comunidade autónoma deficitaria en enerxía”. Totalmente falso, Galicia ten fácil a  alternativa ao carbón por citar so os ciclos combinados a gas en Sabón e As Pontes que con 1.247 MW estaban a principios de ano practicamente apagados ou funcionando  baixo mínimos, agora poden pasar  a producir a pleno rendemento. Un prezo á baixa do gas, a maior eficiencia (57% fronte ao 33%) e menor contaminación  (1/3) dos ciclos combinados a gas, permitirá producir practicamente  a mesma electricidade, que a que deixan de producir  as térmicas de carbón ao seu peche.  Tampouco esquezamos que Galicia exporta o 34,8 % da electricidade que xerou no 2018 . 

3. Que entenden Xunta ou o Concello por combater o cambio climático? De que serve pronunciarse contra o cambio climático si a hora da verdade e cando teñen posibilidades e oportunidade, escollen seguir contaminando e reactivar a central. Para gobernar  pídese e requírese  un mínimo de coherencia e visión de futuro e poñer as empresas no seu sitio,  non xogar ao populismo ou electoralismo barato, non serve todo. @mundiario

Comentarios