As manifestacións contra os golpistas desataron a división política na Galicia do 81

Antonio Tejero, en la tribuna del Congreso de los Diputados.
Antonio Tejero, na tribuna do Congreso dos Deputados.
O que sucedeu o 23 de Febreiro de 1981 sorprendeu ás forzas políticas de Galicia que procedían do antifranquismo porque non contemplaban a verosimilitude dun golpe militar naqueles momentos. A división que se visibilizou o 27-F trasladaría unha mensaxe moi preocupante.
As manifestacións contra os golpistas desataron a división política na Galicia do 81

Ter vivido, hai 40 anos, dende a primeira liña do activismo político, o intento de golpe de Estado do 23-F proporciona a satisfacción de coñecer directamente unha das experiencias mais relevantes rexistradas no ámbito do Estado español despois da morte de Franco. Ao mesmo tempo, provoca a frustración de comprobar que o paso do tempo non posibilita o desexado coñecemento de todos os materiais que fican arquivados na carpeta dos “segredos de Estado”. Pensar no horizonte do 2031 -por aquilo do cumprimento dos 50 anos establecidos nas normativas legais vixentes-, ademais de outras consideracións, constitúe un desprezo ás persoas que, dende a sociedade e dende a política, combateron aquela pretendida involución ao vello réxime ditatorial.

Nestes días de conmemoración tense falado moito -aínda coa información limitada que se posúe- sobre distintos asuntos: os plans golpistas preexistentes, o papel xogado polo anterior Xefe do Estado e a situación que atravesaba o partido de Adolfo Suárez. Nas distintas análises -mesmo nas mais superficiais- aparece como denominador común, explícito ou implícito, a indiscutíbel fraxilidade do sistema político xurdido do proceso de transición posfranquista. Dous anos despois da aprobación da Constitución, as hipotecas herdadas da ditadura fixéronse mais visíbeis que nunca e demostraban a fortaleza fáctica dos sectores que non querían asumir o tránsito a un modelo homologábel aos que existían na contorna europea.

Houbo menos reflexión, porén, a respecto do comportamento das forzas políticas ubicadas no territorio da esquerda e dos nacionalismos periféricos. Cinguíndome ao ámbito galego, convén distinguir entre os dous partidos vinculados ao pacto constitucional (PSOE e PCG) e os restantes. Para os primeiros, os acontecementos do 23-F constituíron unha sorpresa incómoda: a posibilidade dun golpe militar non entraba nos seus cálculos porque pensaban que os conspiradores non se ían atrever e que, en todo caso, ían funcionar perfectamente os mecanismos institucionais de control e redución de riscos. Cando comprobaron que a opción golpista non era un relato de ficción construído por un grupo de esquerdistas descontentos, non foron quen de evitar un desconcerto que provocou a súa parálise naquelas horas decisivas e certificou a imposibilidade de erguer un movemento inmediato de resistencia social. Se o relato dominante por parte dos dirixentes socialistas e comunistas apelaba ao carácter exemplar e pacífico do proceso de transición elixido, non se podía promover, en poucas horas, un argumentario alternativo convincente. Por iso, a partir daquel momento, tomou corpo -como complemento e/ou substituto das carencias desas elites partidarias- o mito de Juan Carlos I como principal valedor da democracia española.

No caso dos sectores maioritarios do nacionalismo galego -agrupados arredor do BNPG- os sucesos do 23-F desmentiron boa parte da visión que manexaban sobre as características da transición que se estaba rexistrando dende a morte de Franco. Até entón viñan considerando que o proxecto político pilotado por Suárez, González, Carrillo e Fraga posuía moita fortaleza e unha notábel estabilidade pola suposta complicidade dos poderes económicos, militares, policiais e internacionais (nomeadamente os USA e Alemaña). Xa que logo, non lle concederan credibilidade suficiente aos indicios que permitían pensar na existencia de fendas significativas no interior do Exército e, consecuentemente, non estaban en condicións de organizar unha resposta social acorde coa capacidade mobilizadora que tiñan demostrado durante os anos anteriores.

As manifestacións convocadas para o 27 de Febreiro de 1981 nas principais cidades galegas non contribuíron, precisamente, a reforzar a moral de resistencia fronte ao perigo golpista. A división que se visibilizou aquel día (por mor do empeño dos dirixentes de PSOE, PCG, CC OO e UXT para desfilar nun grupo separado das demais forzas convocantes) trasladaba unha mensaxe moi preocupante a respecto da consistencia que precisaba a resposta aos plans dos que querían regresar á ditadura franquista.

Tense dito que a condición necesaria -aínda que non suficiente- para mudar unha determinada situación é coñecer moi ben as súas características definidoras. O sucedido o 23 de Febreiro de 1981 foi un exemplo paradigmático da pertinencia de semellante afirmación. @mundiario

As manifestacións contra os golpistas desataron a división política na Galicia do 81
Comentarios