Máis do 50% da poboación non cre na independencia xudicial

José María Gómez. / TVG
José María Gómez. / TVG
Gómez y Díaz Castroverde, elixido presidente do TSXG o pasado mes de xullo, di que os xuíces son os responsables de conseguir “cambiar esa imaxe e facer ver que a xustiza é plenamente independente”.
Máis do 50% da poboación non cre na independencia xudicial

"Hai unha distorsión entre o que é a realidade da xustiza e a percepción que os cidadáns teñen dela", dixo o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz Castroverde, entrevistado no ‘Bos días’ da TVG sobre a situación da xustiza en Galicia e o debate actual sobre a súa independencia.

As estatísticas amosan que máis do 50% da poboación non cre na independencia xudicial. Sobre isto, Gómez y Díaz Castroverde, elixido presidente do TSXG o pasado mes de xullo, dixo tamén que os xuíces son os responsables de conseguir “cambiar esa imaxe e facer ver que a xustiza é plenamente independente”.

En Galicia hai 84 xulgados con máis de 600 casos xudiciais pendentes e incluso se poden atopar concellos con máis de mil casos. Para o presidente do TSXG “é un problema estrutural importante”, pero tamén expuxo que hai problemas que “en moitos casos se poden arranxar fóra da xustiza” e asegurou que hai institucións que se poden encargar destes problemas “menores”, como é o caso da mediación intraxudicial. “unha institución que non cala moito, pero hai casos en que tivo importancia, como no do edificio Conde de Fenosa”.

Gómez y Díaz Castroverde tamén falou da violencia machista sobre a que, como en todos os problemas sociais, “sempre se pode facer máis”, e na que se teñen que involucrar todos os colectivos porque “este non so é un problema xudicial”. Defendeu que é moi importante “estar atentos, dotados dos medios precisos e ter a sensibilidade necesaria para atender estes casos”. Na mesma liña, recoñeceu que, ás veces, os xuíces toman decisións que non se trasladan como se debería, por exemplo, nos casos das ordes de afastamento.

Sobre a mediatización dos casos afirmou que actualmente é moito maior da que había no pasado, o que “ten unha cara boa e unha cara mala”. Explicou que a parte negativa son os prexuízos que poden xurdir nos casos que resolven os xurados, pero a cara boa é “a transparencia, o achegamento e a posibilidade de que todo o mundo coñeza o labor do xuíz e do que estamos a facer”. Para rematar, José María Gómez y Díaz Castroverde afirmou que a impartición da xustiza en Galicia “goza de boa saúde porque ten uns xuíces e xuízas magnificamente preparados, cunha gran dedicación e gran responsabilidade”. @mundiario

Comentarios