DE BOLINA

De que os maiores teñen dereito á igualdade de oportunidades

Personas mayores. / CSIC
Persoas maiores. / CSIC
A Constitución de 1978 predica o dereito á igualdade de todos e impón como primeira competencia do Estado garantir esa igualdade. Na realidade, dá a impresión de que unha vez alcanzada certa idade, procede quedar recluido e déixase de estar protexido polo dereito á igualdade e, ata certo punto, privado de tódolos dereitos.
De que os maiores teñen dereito á igualdade de oportunidades

Nestes días de inicio de ano parece propio ilusionarnos con proxectos, afáns e propósitos, para encararmos con forza, vitalidade, un ciclo novo. Repítese como mantra aquela frase feita, que non é de Unamuno, de renovarse o morir e, quéirase ou non, todo iso vai vinculado á crenza na xuventude como etapa para lograr desexos, contraposta á vellez na que semella que se carece de dereito a participar no futuro ou ter soños. A Medicina, a alimentación, a hixiene, os avances en tódolos campos sociais, conseguiron incrementar a esperanza de vida nos países desenvolvidos, menos asolados por penurias. Aínda que, claro, a medida da mocidade cambiou en pouco tempo: lembro unha foto da miña avoa aos seus cincuenta anos participando nunha malla –un setembro, imaxino-, vestida integramente de negro, con pano ao curro, na que aparece cunha faciana que facilmente apoñeriamos agora á dunha muller de oitenta, aínda que a súa idade sería, vista desde hoxe, a dunha moza.

2021-2030, decenio para o Envellecemento Saudable

Co 2021 entramos no Decenio das Nacións Unidas para un Envellecemento Saudable, declarado o pasado decembro, no medio dunha peste que mata sobre todo naqueles países con máis poboación maior dos sesenta anos. Países nos que, tamén, se tende a considerar como trastes vellos ás persoas que superaron unha determinada idade ou que se atopan nunha situación de dependencia, sen outro destino que seren acumulados en faios e alpendres para alí seren esquecidos confinados, sen participar na sociedade. Convén lembrar que no mundo entre 2019 e 2030 estas persoas, eu entre elas, pasarán desde mil ata mil catrocentos millóns, superando ás que se consideran mocidade. Que teñan ollo os augures electorais.

Os internos en residencias non están excluídos dos sistemas sociais e sanitarios

Coa pandemia resultou obvio que, a pesar do coñecido que é o envellecemento da poboación, moitos sistemas de saúde non estaban preparados para responder ás súas necesidades, cuns servizos de asistencia a longo prazo para maiores privatizados maioritariamente e inadecuadamente integrados nos sistemas sociais e sanitarios. E, por iso, o impacto da Covid 19 foi devastador nesas residencias sacando ademais a flote que na sociedade actual enraizou o idadismo, -estereotipos, prexuízos e discriminación contra as persoas, especialmente mulleres, debido á súa idade- por exemplo dándose instrucións criminais ao negar acceso a tratamentos médicos aos maiores, particularmente aos internos, presos, en residencias.

Eu, que me sinto mozo e forte, áxil de mente, podería en poucos anos ser clasificado como un cacharro vello, un armatoste inservible ou un trebello para despece. Négome, porque como calquera, no futuro quero seguir participando activamente na sociedade e contribuíndo ao seu desenvolvemento. Para iso necesítase, e esixo, menos neoliberalismo e máis gasto social, que manteña o acceso aos sistemas de saúde, educación e protección social e que se garanta vivir dignamente, aínda que se precise atención crónica. Hai que loitar para asegurar a igualdade de oportunidades, das que non están excluídos os maiores, para que as persoas de idade gocen plenamente dos dereitos humanos e continúen despregando o seu potencial. Lembremos que a esperanza de vida en Galicia pasa dos oitenta anos e non ten sentido non podermos engadir vida á idade. @mundiario

Comentarios