Buscar

Madrid decidiu botar mán dos cartos dos concellos

Sánchez, Iglesias, Montero e Calviño vulneran o seu compromiso coa cidadanía e usan da lei Montoro para lle obrigar aos concellos a lle emprestar os seus remanentes de tesouraría de gastos xerais a 15 anos.
Madrid decidiu botar mán dos cartos dos concellos
Abel Caballero, presidente da FEMP. / Mundiario
Abel Caballero, presidente da FEMP. / Mundiario

O PP da maioría absoluta de Rajoy e Montoro impuxo munha lei orgánica de estabilidade orzamentaria (2012) e unha lei de “modernización do goberno local” (2013 ) que baleirou de contido a autonomía orzamentaria dos concellos, obrigados dende entón a unha absurda austeridade  que lles impediu o afortalamento dos servizos públicos ao longo dos pasados sete anos de rigoroso saneamento  financeiro. Prohibiúselles investir con liberdade os seus superávits orzamentarios e, aínda por riba, os propios remanentes de tesouraría que fican despois de atender os gastos correntes do exercicio.

O goberno de coalición entre PSOE e UP, operante dende primeiros deste 2020, prometeu derrogar esta normativa. Mais non o fixo. E agora ven de usala de xeito trampulleiro para obrigar aos concellos todos a lle emprestar os seus remanentes de tesouraría. Haberán comprometelos antes do vindeiro 15 de setembro e lles serán devolvidos entre 2022-2037. Porque haberían facelo? Porque os que non os empresten  non recibirán en troques o 35% da súa contía para financiar actuacións urbanas, medioambientais, sociais, sociosanitarias, culturais e deportivas destinadas ás finalidades que esixa o Goberno do Estado. E, por suposto, seguirán rexer para eles as leis de ferro de Montoro, agora validadas por Montero (como nos lembraba este día o economista Xosé Antón Pena Beiroa), sen que poidan destinar autónomamente  os seus recursos ás finalidades que libremente ( sometidos sempre  ao diktat dos electores no vindeiro 2023) elixan.

Semella, porén, que desta vez Sánchez, Iglesias. Montero e Calviño van ter un problema. Porque alcaldes do PP, PNV, BNG, Cs, JuntsxCat, ERC, Compromis e Coalición Canaria veñen de anunciar que cadanseus partidos non apoian o Real Decreto-Lei publicado no BOE do mércores 5. E os Decretos-Lei apróbaos o Goberno do Estado, mais cómpre  convalidalos nos trinta días seguintes á súa publicación no BOE. Polo de agora  só o PSOE, UP e Más País aproban o texto actual. Mais a maioría precisa non se albisca por ningures. Así e todo,   o rexeitamento ou convalidamento han ser  globais e o posíbel rexeitamento podería afectar outras  cuestións tributarias ou de financiamento local que (non o dubiden) o Goberno do Estado usará no seu día a xeito de chantaxe política.

Aínda hai outro problema. Porque esta normativa constitúe unha gravísima vulneración da autonomía local, mais tamén unha gravísima vulneración da autonomía política de Galicia. Os fondos de financiamento local, nun Estado autonómico,  haberían de se distribuir estatalmente en función de criterios obxectivos /(poboación, espallamento, avellentamento, insularidade) automáticos  e haberían ser os Gobernos autonómicos os que distribúan despois os recursos, sen que o Goberno do Estado impoña as súas finalidades políticas pola vía de dar ou rexeitar subvencións.

Velaí a urxencia, mais sobre todo a importancia, de irmos a un réxime no que nos propios recademos os impostos todos e lle paguemos ao Estado unha cota polo que vallan os seus servizos. Como fan en Euskadi e Navarra. E o ben que lles vai. @mundiario