Os lumes destragan o Parque Natural do Xurés mentres se segue a fallar, ano tras ano, de prevención

Incendios no Macizo do Xurés, en Ourense. / RR SS
Incendios no Macizo do Xurés, en Ourense. / RR SS
Núñez Feijóo e máis o seu factótum forestal, Tomás Fernández Couto, seguen a privatizar os servizos de extinción e fracasan na posta en valor do rural galego e da concienciación veciñal como ferramentas principais de prevención dos lumes.
Os lumes destragan o Parque Natural do Xurés mentres se segue a fallar, ano tras ano, de prevención

Como adoito, as choivas veñen de parar  a vaga de lumes forestais da tempada. Até o xoves 16-S arderan case 7.000 ha. na provincia ourensá.  Desque goberna Feijóo ardeu a metade da área do Parque do Xurés. A Administración forestal de Galicia repetiu os  graves erros que adoita desenvolver o seu xefe, Tomás Fernández Couto, desque voltou ao  seu cargo executivo, co presidente Feijóo, na primavera de 2009.

No eido dos lumes forestais, o mesmo que en tantos outros, o Goberno galego de Núñez Feijóo semella non se enterar de nada ou, pola contra, semella pasar de todo. Coa terríbel vaga de lumes de outubro de 2017 ficou nidio abondo que o eixo de gravidade dos lumes desprazábase ao interior, sul e leste de Galicia. De feito a provincia ourensá amorea o 40% dos lumes de todo o noso País e o 60% da terra queimada, mais nesta tempada de 2020 só mantivo o 30% dos recursos de extinción. A remuda climática e o despoboamento territorial agrava estes dados en contra das bisbarras ourensás. Mais esta realidade non se traduciu en once anos na planificación e asignamento de recursos.

Fronte aos lumes o PPdeG só ten respostas potentes dende a criminalización individual. Cando o certo é que nin a investigación desenvolvida polo fiscal superior de Galicia, Carlos Varela (2010-2011) nin a da Comisión sobre incendios forestais (decembro 2017-xullo de 2018) do Parlamento galego puideron acreditar na existencia de organizacións criminais e si dunha chea de actos criminosos, quer dolosos, quer neglixentes, vencellados sempre a comportamentos individuais.

Despois desta Comisión parlamemntaria (2018) o Parlamento constituiu un Grupo de sete Expertos de apoio que si sabían como enfrontar este problema, entre eles o director xeral de Montes (Alberte Blanco Casal) e o director xeral de Medio Ambiente Natural (Benito Reza) da Xunta durante o goberno de coalición BNG-PSOE (2005-2009), único que tentou unha abordaxe multisdiciplinar do problema dende os eidos preventivo, extintivo, produtivo e xurídico-infraestrutural logo da vaga do verán de 2006. De feito, outro director xeral deste Goberno, Edelmiro López Iglesias, asesorou ao Goberno portugués en 2016-2017 para definir unha nova política forestal, até de agora con bo suceso.

Á marxe  das circunstancias de base e as conxunturais climatolóxicas, a Xunta fixo todo o contrario do que cumpría facer: desmontar servizos públicos de extinción e reducir arbitrariamente as remuneracións dos seus empregados, xerando unha folga este verán de máis dun mes de duración, pechar a base de helicópteros do Xurés, pechar os postos de vixiancia fixos e móbiles que existían no goberno BNG-PSdeG, rematar co voluntariado do monte (creado polo conselleiro nacionalista Suárez Canal) que mobilizaba á veciñanza contra os lumes e desatender a prevención estrutural.

 É evidente que as solucións de base son as preventivas, as que lle dean valor ao medio rural, que tenten repoboalo e que lle dean protagonismo á veciñanza na loita contra o lume. Mais no eido concreto da extinción, Núñez Feijóo, a medio do seu vigairo Tomás F. Couto, responsábel forestal deste país máis de 20 anos, fracasa seguido nunha fronte que está a nos empobrecer, nas portas das peores resultas da remuda xeral da climatoloxía. @mundiario

Comentarios