Literatura gótica: da poesía de cemiterio ó terror das pandemias

"El sueño de la razón producen monstruos". Francisco de Goya.
"El sueño de la razón produce monstruos". / Francisco de Goya.
A literatura gótica foi inxustamente relegada a un segundo plano detrás do romanticismo. Tiveron que ver con isto as súas temáticas pero debido á súa forza, entidade e camiño propio que otorgou á humanidade terror e esperanza a partes iguais, xusto o mesmo que ocorre coas grandes pandemias.
Literatura gótica: da poesía de cemiterio ó terror das pandemias

Nesta época de pandemias o terror vai ocupando paulatinamente espazos nas nosas vidas. Ó principio todo está lonxe; pensamos que non nos pode tocar e simplemente dedicamos o tempo a consumir unha cantidade de noticias que non podemos dixerir, sinxelamente porque o ser humano é incapaz de atender a tódolos estímulos que brindan as redes sociais e internet sen acabar por padecer algún tipo de ansiedade. 

Pasan os días e pouco a pouco, esa sensación de comodidade (no caso de ter o privilexio de poder traballar dende a casa) vaise tornando escura. Pasan as noites e cada vez a calidade do sono é algo peor; logramos durmir tres ou catro horas seguidas pero no medio da noite espertamos e volver a durmir costa cada vez máis sendo, as veces, imposible. 

Case sen decatarnos pasa un mes, escoitamos sobre os ERTES (se é que non formamos parte dun) e dos problemas dos autónomos e autónomas, pensamos nos cartos, na saúde, na saúde e nos cartos e a ansiedade senta ó noso carón de novo mentres sempre, ou case sempre, hai algúen que di eso de "tranquila, non vale a pena poñerse nervioso, o mundo enteiro non pode caer", pero ti sábelo, ti sabes que sí, que o mundo pode caer. 

Durante a historia da humanidade foron moitos os monstros que nos atemorizaron casi tanto como as pandemias, sobre todo en época do capitalismo feroz, a literatura gótica describe perfectamente a eses monstros, incluso antes de que cheguemos a telos como compañeiros de viaxe. 

Como sucede case sempre, as mellores cousas camiñan de xeito silencioso e decatámonos delas cando xa marcharon; este é o caso da literatura gótica, tratada durante anos inxustamente, entendida por moitas persoas como subxénero do romanticismo a pesares de ter forza, entidade e carácter propio. 

Esta sombra do romanticismo sobre a literatura gótica, sendo o primeiro considerado de maior calado, ten moito que ver coa temática da segunda: os libros, ata fai ben pouco seguían estando divididos entre o "canónico" e o "non canónico" e por tanto, unha tese sobre o bardo de Avón chegou a estar mellor vista que unha sobre Drácula. 

A pesares das importantísimas e fermosas aportacións de Francia e Alemania á literatura gótica é de xustiza mencionar que donde realmente naceu e floreceu foi en Inglaterra, ó principio, nun estado embrionario, como poesía de cemiterio, con temas como as tumbas, a noite, os mortos e, en resumo, a fase final da vida. 

A poesía de cemiterio alentou aos seres humanos a valorar a vida e o seu obxetivo, lonxe de despertar medos, era o de exaltar a brevedade desa fase previa á morte, chea de placeres que soamente observando ó redor se poden atopar. 

Todo o creado polo ser humano non aparece da nada, hai un contexto histórico, relixioso e social que o posibilita, neste caso foi o neoclasicismo, que se caracterizaba por todo o contrario ó gótico, con obsesión polo medible, o cuantificable, observable e as grandes sociedades científicas. Se pensamos nunha frase que defina esa transición dende o neoclasicismo á literatura gótica serviría como feita a medida a do augaforte de Goya "O soño da razón produce monstros" xa que ese intento inútil de levas a racionalización ás derradeiras consecuencias o único que produce é loucura, e, por descontado, que atopemos os nosos propios monstros. 

A literatura gótica é unha literatura de evasión que permite que a mente escape das calamidades da vida e do rutinario para fundirse co sublime. Foron os moralistas os que intentaron afundir o prestixio da literatura gótica ó seren as mulleres as súas principais consumidoras, tal vez porque precisaban fuxir con máis frecuencia que os varóns e atoparse cara a cara co sobrenatural, o misterioso, a superstición e o misterio. 

A arquitectura e a literatura gótica pasean xuntas; ambas estan deseñadas pola mente humana para que observemos a nosa propia finitude, as construccións que nos fan sentir pequenas, menudas, insignificantes persoas convertindo cada catedral, mansión, pasadizo, camposanto, casa ou construcción da época en xeral nunha personaxe máis de calquera historia. 

As pandemias, como as que vivimos no pasado e como a que vivimos no presente cumplen a mesma función que a literatura gótica: fan que despertemos para darnos conta de que a natureza nos fai finitas e pequenas, sendo conscientes de que hai a moitos lugares que non podemos chegar. Tamén ten a súa función, como a poesía de cemiterio, provocar que valoremos todo aquelo para o que estamos programados en realidade, os afectos e o contacto social. @mundiario

 

Comentarios