A lingua que nos dignifica
"Hai autoras e autores que dignifican unha lingua, pero existe tamén o caso contrario: o das linguas que dignifican o autor, a autora. Ese é o meu caso e, de certo, o de todas e todos vós. Quen decide escribir en galego está xa, ao meu ver, tocado coa graza dos heroes, das fadas, deusas e xigantes… Escribir en galego é posicionarse nas marxes; autoexcluírse dos oropeis do parnaso literario dos idiomas dominantes. Renunciar a coroas de loureiro para defender algo tan fráxil e fermoso como unha lingua minorizada e atacada. En nome dos síux, dos maias, das mulleres xaponesas e de tantos pobos e culturas que viron a súa lingua perderse e sucumbir ante o demoledor avance de idiomas máis fortes e dominantes: Grazas. Grazas por escollerdes a loita continua, calada e mesmo desprestixiada, da diversidade cultural. Grazas a todas e todos por levardes na fronte unha estrela e no bico un cantar, en galego”.
Begoña Caamaño
Cóllolle prestadas a Ana Romaní as palabras de Begoña Caamaño que a poeta leu cando recolleu en nome da autora un dos premios que recibiu Morgana en Esmelle. Begoña aloumiñaba a lingua, sabíase elo dunha cadea de coidados e facía súas as recomendacións de especialistas e a lingua literaria e popular de que bebía constantemente. Hoxe, de estar viva, erguería a súa voz nesa Praza da Quintana ateigada de xente e berraría con ganas o “Medre o galego” con que nos recibiu Xurxo Souto. A defensora do papel normalizador da CRTVG antes da existencia de Defende a Galega faríase ver –en toda a súa Begoñísima extensión- para proclamar que a lingua aínda está aquí, que podemos reverter a situación actual e facer que floreza nas xeracións máis novas.
Estou certa de que ela non só tiraría dos datos positivos de Compostela, a cidade onde máis galego se fala, o concello onde se incrementa significativamente o número de fogares cuxos membros falan habitualmente en galego, o espazo urbano cidadán que mostra un maior interese en aumentar os contidos en galego nos medios de comunicación. Aínda así, fica moito traballo por facer no noso concello e son moitas as novas ameazas nesta resistencia contra a substitución lingüística.
Begoña tería tamén en conta para a mudanza en positivo a nosa riqueza creadora. Tería en conta a potencia das nosas músicas e cantoras. Recomendaríanos textos literarios que nos engaiolasen, tamén a nivel lingüístico. Acreditaría con firmeza na nosa mocidade, no poder e a forza das crianzas.
Esa lingua que nos dignifica...
Mais, sobre todo, Begoña Caamaño non deixaría de repetir que este é un problema político, un conflito cuxa solución precisa apoio institucional e medidas valentes. Bego sempre foi unha optimista, mais non unha ilusa. Coñecedora do caso doutras linguas dominadas e do seu proceso de recuperación, ela afirmaría que é no ámbito político onde toca tomar decisións. Véxoa facendo un vídeo, escribindo algo, debatendo con ferocidade para contrarrestar os argumentos de quen di que isto nada ten a ver coa política. Deixar a lingua soa –sen valedores na máxima institución do país- para que se enfronte á globalización e ás leis do mercado, é condenala a unha morte lenta. O que non contaron algúns dos gobernantes que aprobaron decretos contrarios ao seu uso e que queren utilizar os medios de comunicación públicos para o contrario de para o que foron creados é que a agonía deixa pegadas. Pensaron que eran poucas as persoas que se ían decatar do que estaba acontecendo e que abondaría con manipular as súas chamadas de alerta para neutralizalas.
Porén, este país ten pobo que ama a súa lingua. Se foron milleiros as persoas que encheron a Praza da Quintana o 17 de novembro, serán moitas máis as que ateiguen Compostela o próximo 23 de febreiro, Día de Rosalía, que tamén participará connosco nesta mobilización sen precedentes polo futuro do noso idioma.
Non é este o lugar para falar de reivindicacións doadas de levar a cabo. Volver ao consenso do Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004. Recoller o espírito do Modelo de normalización lingüística para o ensino asinado en 1989 por un bo número de asociacións pedagóxicas, académicas, sindicais e políticas, unha proposta que dez anos máis tarde sería actualizada no Modelo de normalización lingüística para o sistema educativo galego. Existen diagnósticos, enquisas, propostas, medidas, solucións. Mais falta vontade política. Vontade política de quen accedeu ao goberno cun discurso falso respecto da lingua, con descualificacións escandalosas sobre as persoas que, xustamente, chamabamos a atención respecto do que, infelizmente, podía pasar. Non vou repetir aquí os conceptos e manipulacións que se utilizaron para lexitimar unha política contraria ao uso da nosa lingua. Só quero solicitar unha rectificación. E esta só é posíbel se se deixan de utilizar estereotipos e preconceptos, se se marca un rumbo claro para avanzar no coñecemento da lingua para esa xa altísima porcentaxe de menores que descoñecen o noso idioma, se se definen os obxectivos e se desenvolve unha política que prime a dignificación, o orgullo de contarmos cunha lingua propia.
Por iso, prestaremos moita atención ao que algúns gobernantes digan e fagan nas próximas semanas. Será o momento de falar de orzamentos, de cantidades para unha política lingüística con accións concretas a prol do galego, no ensino, no audiovisual, na sanidade, na xustiza… Será o momento de mudar a política sobre a CRTVG e apostar para que cumpra o seu papel de elemento normalizador. Será o momento tamén de reparar en se rematan os discursos do odio e da imposición. E, como non?, será o momento de observar se existe vontade de dar exemplo desde as institucións galegas, unha vontade real, non só un lixeiro verniz.
Porque posuímos un tesouro, esa lingua que nos dignifica, que nos fai ser e estar no mundo. Por iso queremos que chegue o día en que non falemos desde as marxes nin sexamos fadas nin princesas. Fagámolo! En nome dos síux, dos maias, das mulleres xaponesas e de tantos pobos e culturas que viron a súa lingua perderse e sucumbir ante o demoledor avance de idiomas máis fortes e dominantes. E de Begoña Caamaño e a nosa tradición literaria. @mundiario