Buscar

A lingua galega, de novo no albo das forzas máis reaccionarias

Os colectivos contrarios á lingua galega non se conforman coa constante perda de falantes e de espazos; continuarán a presión co obxecto da súa extinción.

A lingua galega, de novo no albo das forzas máis reaccionarias
Manifestación de Queremos Galego. / BNG
Manifestación de Queremos Galego. / BNG

A dereita so parece capaz de sobrevivir a lombos do conflito e o pasado. Pretende debuxar un panorama irrespirable que alarme os colectivos máis próximos en torno a unha causa con elevado poder de alporización. En España a dereita, convertida nunha besta de tres cabezas, turra do "tema catalán" convencidos de poder utilizalo como panca que nos devolva aos tempos da "Una, grande y libre". Nese lote inclúen as chamadas linguas cooficiais que queren someter a un réxime de sometemento ao castelán. 

Esta idea do castelán como idioma superior e o resto de idiomas como meros incordios agocha a visión sectaria desa dereita que considera que únicamente o castelán é un idioma representativo do feito cultural español. Porén, se esa a súa obsesión coa unidade de España implica que Galicia, Cataluña e Euskadi son territorios conformantes de España como nación, haberían defender con ardor o uso do galego, catalán e euskera nos seus territorios respectivos. Pero non, o obxectivo é impoñer o castelán en cada metro cadrado do solo patrio porque xa se sabe que un empeza a falar galego e termina facéndose independentista.

A dereita das tres cabezas leva uns meses especialmente activa na presión ás chamadas linguas cooficiais. Esta xente tende a caer no que se coñece como "confirmation bias", un sesgo cognitivo que lles permite artellar as andrómenas que sexan necesarias e confirmalas con datos non contrastados facilitados por grupos afíns. E así remexen unha e outra vez nas mesmas trolas disparatadas ata que se convencen da súa autenticidade aínda que contradigan burdamente a realidade máis evidente. 

A lingua galega leva decenios en devalo agudo e constante, non so en número de falantes (especialmente entre a xente nova) senón tamén en presenza nos medios e nas distintas manifestacións artísticas e culturais. Tampoco non gañou terreo nos ámbitos da empresa, a universidade, a educación primaria e secundaria, o mundo online ou a xustiza, por citar ámbitos sociais de relevancia crítica. Onde está a razón? Principalmente, na política lingüística (máis ben lingüicida) da administración que tiña que velar polo futuro da lingua galega, a Xunta de Galicia, e no pulo do castelán en tódolos órdenes con maior potencial comunicador. 

Nin vou repasar a longa e cruel carreira desgaleguizadora da política lingüística do Partido Popular en Galicia nin penso determe a describir a situación terriblemente discriminatoria na que se atopa a lingua galega e os galegofalantes. Nada máis engadirei dúas cuestións finais:

1. O galego non vai contra nada e contra ninguén, é simplemente a lingua coa que nos dotamos os galegos uns mil anos atrás e que condensa a nosa idiosincrasia e o noso xeito de sentir e entender o mundo. Quen podería estar interesado en acabar con tal riqueza? Contesten vostedes mesmos. 

2. Está demostrado que as persoas bilingües dende nenos desenvolven unhas maiores habilidades intelectuales e unha maior capacidade de relación.

E agora,miñas donas e meus señores, poden seguir coas súas trécolas e paranoias. @mundiario