Lenta, moi lenta transición ecolóxica

Refinería de Repsol en A Coruña.
Refinería de Repsol en A Coruña.

Os sectores suxeitos ao comercio de emisión (refinerías de petróleo, centrais térmicas, celulosas, industrias de taboleiros e papel, metalurxias, ferroaliaxes, , cementeiras, lácteas ...) terán que reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro globalmente nun 60% respecto a 2005.

Lenta, moi lenta transición ecolóxica

Para cumprir cos Acordos de París do 2015, o Consello de Ministros do venres 22 de febreiro deste ano 2019 aprobou enviar  a Comisión Europea o borrador dunha ferramenta de planificación estratéxica que integra a política de enerxía e clima, coñecido como  “Plan Nacional Integrado de Energia y Clima 2021-2030” (PNIEC),  un dos piares básicos que forma parte do Marco estratéxico  para a Transición Ecolóxica. O documento xa en Bruxelas para a súa avaliación,  espera aprobación definitiva  a finais de ano despois de varios trámites, e del podemos destacar entre outros dous apartados:

1.- Emisións dos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI).-  O Goberno pretende reducir as emisións globais no Estado de 340,2 millóns de toneladas de CO2 equivalente (MtCO2-eq) no ano 2017 a 226 MtCO2-eq no ano 2030. Resultará difícil de conseguir, xa que se recoñece que a finais do 2017 España estaba 18 puntos porcentuais por riba  do nivel de emisión do ano 1990  e para o 2030 preténdese que a redución chegue ao 21% das emisións de GEI respecto ao 1990. Esto quere dicir que se deberán diminuír as emisións polo menos nunha terceira parte.

Dos 114 millóns de toneladas que se deben reducir, máis do 63% do total levarao a cabo a produción eléctrica e o transporte por estrada. No documento asegurase que as centrais térmicas e a xeración de electricidade deben ir a cabeza das reducións para baixar 44 MtCO-eq entre 2021 e 2030 e queren conseguilo  grazas ao aumento do porcentaxe de renovables que no 2030 sería do 74%. Tamén  o transporte  reducirá as emisións en 28 MtCO2-eq  xa que se espera que no ano 2030 o 16% do parque móbil sexa eléctrico e diminúa o consumo de combustibles fósiles.

Por outra parte os   sectores suxeitos ao comercio de emisión (centrais térmicas, celulosa, industria de taboleiros e papel, metalurxia, ferroaliaxes, refinería de petróleo, cemento, lácteas ...) terán que reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro globalmente nun 60% respecto a 2005  e os denominados sectores difusos -residencia, transporte, agricultura, residuos, gases fluorados e industria non suxeita ao comercio de emisións- a redución de emisións  chegará ao 38% respecto ao ano 2005.

O papel da eficiencia enerxética  tanto nas industrias como en xeral tamén é importante e contemplan que mellorará no 2030 un 39,6% , axudando a reducir as emisións.

Como non se dan datos por comunidades autónomas, descoñecemos a evolución e redución que esperan no futuro para as emisións galegas de GEI, non esquezamos  que Galicia é a terceira comunidade do Estado por emisións de  dióxido de carbono, principal gas de efecto invernadoiro e no 2017 emitiamos nos sectores suxeitos ao comercio de emisións o  11,67% do total de dióxido de carbono do Estado Español.

2.- Beneficios para a saúde.- O borrador do “Plan Nacional Integrado de Energia y Clima 2021-2030” explica que o descenso de emisións de GEI virá acompañado dunha redución dos contaminantes primarios que afectan a calidade do aire. En concreto as emisións de partículas pequenas PM2,5  as más prexudiciais para a saúde, redúcense un 31%; eo dióxido de xofre (SO2) e óxidos de nitróxeno (NOx), principais contaminantes para a formación de PM2.5  descenden nun 44% e nun 29%, respectivamente.

O documento contempla que os beneficios para a saúde estímanse nunha redución no número de mortes prematuras debidas a  contaminación atmosférica de 2.222 mortes menos no ano 2030 respecto a un escenario sin o Plan. Esto implica pasar de 8.951 a 6.729 mortes prematuras, unha redución del 25% . A  ministra de Transición Enerxética resaltou e chegou a conclusión que “as medidas formuladas terán unha incidencia moi favorable na  saúde dos cidadáns”. 

Por primeira vez un documento oficial do Goberno recoñece que a contaminación ambiental produce mortes prematuras, mortes que seguirán dándose entre 2021 e 2030 e aínda despois do “esforzo” de reducir as emisións  contaminantes para lograr no ano 2030 que só se rebaixen nun 25% as mortes prematuras.

Sorprende que o borrador non  faga referencia a necesidade de rebaixar os límites de concentración na atmosfera da laxa e permisiva lexislación ambiental europea relativa as partículas  (PM10 e PM2,5) cando o mesmo PNIEC cita que a Organización Mundial da Saúde, OMS, considera que a contaminación atmosférica  foi responsable de  14.042 mortes prematuras en España no 2010, e este Organismo estima que entre o 30 e o 50% dos cancros pódense evitar reducindo os factores de risco, entre os que cita a contaminación. Os valores propostos pola da OMS para concentración de  partículas na atmosfera son de  10 ug/m3 e 20 ug/m3 en medias anuais para PM2,5 e PM10 e son a metade dos valores que a Lexislación Europea ten en vigor actualmente. A maioría da poboación europea, incluída a poboación galega está respirando partículas contaminantes por riba dos niveis recomendados pola OMS  e máis de 40 cidades no Estado superaron nos últimos días de febreiro no 2019 non so os valores recomendados pola OMS senón os permisivos valores da lexislación, tendo necesidade algúns  concellos  de adoptar medidas urxentes sobre o tráfico para rebaixar as altas concentracións contaminantes.  

Aspectos positivos

Como conclusión pódese dicir que estamos ante un documento que presenta moitos aspectos positivos que sen dúbida tiñan que propoñerse e poñerse en práctica anos atrás. Pero parece que vai ser lento ou moi lento o proceso de redución de emisións de GEI e tamén parece moi pouco esixente en materia de saúde das persoas – mortes prematuras- e do medio ambiente  (non ten como obxectivo cumprir as recomendacións da OMS en materia de  partículas contaminantes ).

Considero que é demasiado pretencioso cando afirma que pretende a modernización da economía, e e cando busca un posicionamento en Europa de liderazgo en enerxías e tecnoloxías renovables, pois chegarase tarde hoxe para liderar  este campo e moito máis si se espera  ao 2021- 2030. Por último destacar que  non cita nin cuantifica  intencionadamente ?  aspectos importantes da enerxía e clima como a autoprodución e autoconsumo eléctrico, a posibilidade dunha taxa xeral de CO2 mesmo para determinados produtos de importación,  a diminución do  pago polos consumidores da gran maioría dos peaxes e custos do sistema eléctrico... e mesmo, non fai ningunha referencia ao papel que lle asignan no cumprimento a cada unha das comunidades autónomas... @mundiario

Comentarios