Leis de mala calidade

Congreso de los Diputados.
Congreso dos Deputados.

A única calidade precisa é ter claridade de ideas, perseguir o ben común e o trato a todos e a cada un de forma igualitaria: á luz deste esquema de actuación moito se podería adiantar en democracia.

O excelso labor –e, polo tanto, o seu resultado– dos componentes  do noso poder lexislativo pode ser obxecto de comentario. Se o poder xudicial interpreta e, interpretando, aplica as leis existentes, se o poder executivo executa as leis existentes, as leis en si mesmas deben ser bastante importantes para garantiren a calidade democrática das nosas relacións sociais no seu conxunto.

O tecido das relacións sociais, nunha democracia, está atravesado, entreverado, de normas legais de distinto rango: desde as leis orgánicas até os regulamentos da comunidade de viciños, case non hai nada que se poida facer sen o paraugas dunha lei ou dun regulamento. De aí que sexa tan necesario ter boas leis, ter leis que sexan facilmente entendíbeis, xa que non estamos a falar das normas de seguridade dunha central nuclear nen do regulamento de xestión de produtos financeiros en moeda extracomunitaria…, por citar só dous casos non comúns.

Deben ser, dicíamos, entendíbeis en primeiro lugar polos atinxidos, e deben, en segundo lugar, oferecer moi pouca marxe de manobra para que as distintas interpretacións do poder xudicial non sexan quen de crear inxustiza na aplicación do acto de xulgar.

Se a interpretación e, por tanto, a aplicación dunha lei pode crear situacións cuase antitéticas, é moi posíbel que o problema de orixe se atope na lei, e non na idiosincrasia do intérprete.

Se acordamos que o lexislador, o que conforma o Parlamento, goza da lexitimidade que outorgan as eleccións, só grazas a  parlamento mellor conformado sería posíbel elaborar leis mellores. Mentres esta convicción non forme parte da escolla eleitoral dos cidadáns eleitores, haberá que cargar coas consecuencias dun corpo lexislativo de cativa calidade.

A ruindade relativa de leis feitas só por interese grupal do lexislativo de turno é moi mal negocio para a pervivencia de relacións sociais sas e creadoras de benestar en lugar de desacougo, e, paradoxalmente, acaban volvéndose coma boomerang contra quen as promoveu. Non dá bon resultado mesmo en traballo parlamentar traballar mal ou con cativeza de miras.

Se hai leis que teñen na súa redacción expresións do tipo “poderase” darán lugar tamén a que “se poderá” o contrario. Imaxinemos –para non utilizar un caso real– que unha lei de caza dixese: ‘poderase cazar mesmo de noite aínda sen lúa chea’; supón que se pode cazar de día, a calquera hora, días bretemosos, festivos e de diario, en inverno e en verán, con focos de luz e ás escuras…, é dicer, a redacción está mal feita e debemos sospeitar que só se debe a ter sido feito así, á mantenta, porque a lei está redixida por uns responsábeis parlamentares con intereses directos na caza e no seu mantemento.

A calidade do bon lexislador non ten a ver tampouco coa pericia xurídica dos elixidos en cámara lexislativa, xa que contan con todo o asesoramento preciso para chegar a redactar en condicións.

A única calidade precisa é ter claridade de ideas, perseguir o ben común e o trato a todos e a cada un de forma igualitaria: á luz deste esquema de actuación moito se podería adiantar en democracia. @mundiario

Comentarios