Buscar

LaLiga dificulta o traballo dos fotoxornalistas

LaLiga non permite o acceso de máis profesionais para cubrir os partidos de fútbol pero si aumenta o número dos que traballan para a súa axencia de comunicación.
LaLiga dificulta o traballo dos fotoxornalistas
Un fotógrafo nun campo de fútbol. / Pixabay
Un fotógrafo nun campo de fútbol. / Pixabay

Redacción

Análisis de @mundiario

LaLiga dificulta o traballo dos fotoxornalistas da título a un novo comunicado que recolle a web do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no que se explica que non permite o acceso de máis profesionais para cubrir os partidos de fútbol pero si aumenta o número dos que traballan para a súa axencia de comunicación, coa que fai competencia desleal ao regalar as imaxes aos medios. MUNDIARIO recolle tamén o texto íntegro do comunicado:

"As organizaciones asinantes deste escrito denunciamos que a Liga de Fútbol Profesional se nega a manter ningunha reunión nin contacto con nós, que representamos á práctica totalidade dos e as fotoxornalistas que cubren a información deportiva, para buscar solucións aos problemas que temos para realizar correctamente o noso traballo.

Desde que comezou o novo Campeonato Nacional, La Liga non mostrou ningunha sensibilidade nin interese cara aos profesionais da información gráfica, senón todo o contrario: ignorounos e non respondeu ás nosas reiteradas peticións de reunírmonos para abordar os problemas.

A Liga Nacional endureceu as condicións que nos impón para acceder ás actividades deportivas, e mantén o mesmo número de fotoxornalistas que o ano pasado para acceder aos campos de fútbol, malia a que demostramos que poden entrar a eles máis profesionais e cumprir estritamente coas medidas de prevención e seguranza acordadas polas autoridades competentes por mor da Covid-19.

Ao tempo que se nega a incrementar o número de fotoxornalistas nos campos de fútbol, La Liga aumenta o número dos que pertencen á súa axencia de comunicación. Ademais, en determinados campos a nós sitúannos en posicións da bancada desde as que nin sequera se pode ver o terreo de xogo na súa totalidade, mentres colocan aos da súa axencia en sitios exclusivos onde unicamente eles poden tomar imaxes.

As imaxes que captan quen traballan para La Liga, desde as súas posicións exclusivas, despois son regaladas aos medios -como o demostran as capas do As e o Marca do pasado 28 de setembro, con fotografías do gol de Suárez asinadas por La Liga- nun claro exemplo de competencia desleal. Esta práctica deixa sen traballo a moitos fotoxornalistas que traballan como freelances e colaboradores dos medios, porque as empresas non lles encargan traballos que van recibir gratis.

Os responsables de La Liga parecen estar botando un pulso ao Consello Superior de Deportes (CSD) e ás asociacións profesionais, que tentamos recuperar noso traballo nas mellores condicións posíbeis. Continúan a impedir o acceso aos adestramentos e ás roldas de prensa, co que vulneran o dereito á información da cidadanía.

O exercicio libre do xornalismo constitúe un piar fundamental en democracia e foi recoñecido polo Goberno durante a pandemia como un servizo esencial para a sociedade. Por iso, os límites que impón La Liga para o acceso aos campos -alén dos que son precisos como medida de prevención fronte ao coronavirus- afectan non só aos profesionais do sector e aos medios, senón tamén ao dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e plural.

Así o trasladamos recentemente ao CSD, xunto cunhas peticións que consideramos básicas para podermos desempeñar o noso traballo en condicións dignas. A súa presidenta, Irene Lozano, considerou moi razoábeis as nosas propostas e pediu a La Liga que reconsidere as condicións que impón aos fotoxornalistas e as modifique.

Esas peticións, en resumo, son: aumentar a 22 o número de profesionais da información gráfica que poidan acceder aos encontros de fútbol de competición ou amigábeis, xestionados por La Liga ou a Real Federación Española de Fútbol; permitir o acceso aos adestramentos, presentacións, roldas de prensa e calquera evento deportivo que organicen e sexa de interese público; mellor ubicación dos profesionais nos estadios; limpeza dos equipos polos propios profesionais, baixo a supervisión do persoal dos clubes, para evitar roturas ou danos se a fan outras persoas.

As organizacións asinantes deste escrito consideramos tamén que, para garantir o dereito da cidadanía a recibir unha información plural, debe evitarse que os clubes e La Liga sustitúan o noso traballo distribuíndo gratuitamente a información gráfica aos medios.

Unha vez máis, facemos un chamamento aos responsábeis da Liga de Fútbol Profesional para que nos escoiten e atendan as nosas razoábeis peticións, cuxo único obxectivo é facilitar o acceso da cidadanía á información deportiva, mellorar as condicións de traballo dos profesionais e preservar os empregos do sector."

Asinan este comunicado: ASOCIACIÓN NACIONAL DE INFORMADORES GRÁFICOS DE PRENSA Y TELEVISIÓN (ANIGP-TV), FEDERACIÓN DE ASOCIACIONES DE PERIODISTAS DE ESPAÑA (FAPE), FEDERACIÓN DE SINDICATOS DE PERIODISTAS (FESP), FORO DE ORGANIZACIÓNS DE XORNALISTAS (FOP)*, ASOCIACIÓN DE INFORMADORES GRÁFICOS DE BURGOS (AIGB), ASOCIACIÓN DE INFORMADORES GRÁFICOS DE EUSKAL HERRIA (EIGE), ASOCIACIÓN DE INFORMADORES GRÁFICOS DE PRENSA DE LA REGIÓN DE MURCIA, ASOCIACIÓN DE INFORMADORES GRÁFICOS DE LA RIOJA (AIG-RIOJA), ASOCIACIÓN DE INFORMADORES GRÁFICOS DE TALAVERA DE LA REINA (AIGTR), ASOCIACIÓN DE LA PRENSA DE SEVILLA, ASOCIACIÓN DE PERIODISTAS DE LA PROVINCIA DE ALICANTE, ASOCIACIÓN DE PRENSA DEPORTIVA DE ÁLAVA, ASOCIACIÓN DE LA PRENSA DEPORTIVA DEL PRINCIPADO DE ASTURIAS (APDPA), ASOCIACIÓN DE LA PRENSA DEPORTIVA DE ZARAGOZA, ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE FOTOPERIODISTAS DE ARAGÓN (APFA), ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE FOTOPERIODISTAS ASTURIANOS (APFA), ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE FOTOPERIODISTAS CÁNTABROS (APFC), ASOCIACIÓN DE REPORTEROS GRÁFICOS DE NAVARRA (AREGNA/NAGE), COLECTIVO PROFESIONAL DE FOTOXORNALISTAS DE GALICIA, FOTORREPORTEROS DE VALLADOLID, UNIÓ DE PERIODISTES VALENCIANS.

* O FOP Está integrado por: COL.LEGI DE PERIODISTES DE CATALUNYA, COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA, AGRUPACIÓNS DE XORNALISTAS DE CCOO E UGT, FEDERACIÓN DE SINDICATOS DE XORNALISTAS (FESP), UPIFC-SINDICAT DE LA IMATGE e a ASOCIACIÓN NACIONAL DE INFORMADORES GRÁFICOS DE PRENSA Y TELEVISIÓN (ANIGP-TV). @mundiario