O labor da oposición en Galicia

Ana Pontón. / RR SS
Ana Pontón. / RR SS

BNG e PSdG foron quen de aplicar unha lóxica construtiva no desempeño das súas tarefas críticas co goberno de Feijóo.

O labor da oposición en Galicia

Un ano despois da vitoria de Núñez Feijóo nas eleccións ao Parlamento galego, resulta pertinente completar a mirada analítica cunha avaliación do labor desenvolvido polas forzas da oposición nos últimos 12 meses. Convén, en todo caso, sinalar unha consideración previa certamente relevante: a  persistencia da pandemia da Covid outórgalle ao período analizado unha singularidade que non encaixa nos precedentes utilizados para realizar este tipo de balances. Nunca se vivira unha situación desta natureza e, talvez, non se coñecerá algo semellante no futuro.

Nese contexto tan complicado, BNG e PSdG foron quen de aplicar unha lóxica construtiva no desempeño das súas tarefas críticas co goberno. Se fixeramos unha comparativa co papel xogado polo PP e por Vox no Congreso dos Deputados o resultado confirmaría a diferenza substancial entre uns e outros. Mentres no ámbito estatal, Casado, Abascal e Arrimadas utilizaron sistematicamente as dificultades asociadas á loita contra o virus para desgastar ao goberno e tratar de derrubalo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero exhibiron un talante crítico pero colaborativo, formulando propostas que podían suscitar acordos importantes para combater os impactos sanitarios e sociais da pandemia.

Feijóo non estivo á altura desa man tendida e desaproveitou a ocasión para establecer un pacto  histórico pola reconstrución económica e social do Pais. Instalado na vella liña de aplicar reiteradamente a súa hexemonía parlamentaria optou por unha retórica descualificadora dos dirixentes da oposición que pivotou sobre aspectos esóxenos á propia dinámica política galega: as alianzas do BNG con organizacións nacionalistas de Euskadi e Cataluña e a complicidade do PSdG co goberno presidido por Pedro Sánchez.

Agora mesmo, a posición de Alberto Núñez ofrece unha consistencia no “mercado” político que non permite visualizar treboadas significativas no mandato que remata en 2024

A historia dos últimos 30 anos permite concluír que o cambio na gobernanza das institucións galegas é posíbel cando concorren dúas circunstancias: o debilitamento da influenza electoral do PPdG (por diversos factores: desgaste entre unha parte do seu electorado, caducidade dos liderados existentes, disensos internos...) e a maximización das fortalezas dos partidos da oposición. Agora mesmo, a posición de Alberto Núñez ofrece unha consistencia no “mercado” político que non permite visualizar treboadas significativas no mandato que remata en 2024. Na outra parte do escenario, a situación é diferente. O PSdG atravesa unha crise, non totalmente explicitada, que afecta á continuidade do seu actual líder. A cita congresual prevista para outono delimitará os termos do eventual debate programático e pechará a incógnita sobre o cartel que presentará nas vindeiras eleccións á Cámara do Hórreo.

No caso do BNG as incertidumes non están focalizadas, certamente, no territorio do seu liderado. A figura de Ana Pontón resulta indiscutíbel no interior da organización e posúe unha fortaleza notábel no seo do electorado nacionalista. O que fica pendente de coñecer con mais precisión é a folla de ruta da organización para os vindeiros anos. Pretende artellar un achegamento a sectores sociais que hoxe apoian ao partido de Feijóo? Non sería a primeira vez que o Bloque ten semellante pretensión. Na lexislatura 1997-2001, a dirección nacionalista -encabezada por Beiras- contemplou esa hipótese e durante o goberno bipartito (2005-2009) existiu unha deliberada política destinada a penetrar nunha parte do electorado do PP. En ambos casos, os resultados foron practicamente inexistentes a pesar de que o BNG daquelas épocas tiña unha pluralidade interna que podía facilitar a consecución dese obxectivo.

O remate da fase mais aguda da crise sanitaria, abrirá un novo capítulo na lexislatura que comezou en xullo do ano pasado. Haberá que ver se a post-pandemia provoca cambios na percepción pública sobre os vellos e novos problemas que padecemos. A oposición galega terá unha nova oportunidade para demostrar a súa capacidade para sintonizar cos desexos de cambio que se manifesten no seo do corpo social. @mundiario

Comentarios