Labirintos de sangue
Agora ando coa anemia, eu creo que estou no colo de San Pedro, que fixo chover cos meus choros. Enviuvei hai cinco anos: o corazón fíxome "pumba" e os ollos non ven alén do que poida escoitar. Espertar co home falecido na cama, é como meter no peto un petardo aceso. Abrín as contras e Deus amosoumo espido, coa alma soprando coma unha avespa, Eu sei que teño ben de anos, mais ninguén verdadeiramente agarda a morte até que aparece.
A cara murchoume coma unha camelia podre, caeume o pelo coma ás bestas... E perdín algo de sentido: olvídome dos días, acordo da vida toda; iso non é normal, a xente vive dun xeito máis sinxelo.
Era a véspera do cabodano e estaba a coser un pespunte da faldra negra, cando pinchei a xema do dedo coa agulla e saíume unha pinguiña de sangue. Algunha remanencia da mocidade encheume a mirada de luz vermella: atopoume a filla, seica, acostada no sofá co dedo na boca.
Din que ten sido unha milagre que sobrevivira ao infarto, eu creo que xa estou morta. Vin bolboretas no salón das cores do arco da vella. Teño, cadora, semellante morriña! Que lles teño chorado a todos os gatos que non volvín ver no eirado...
É nese intre da mañá, cando o orballo branquea a herba, cando me sinto soa. Antes non aprezaba un tazo de caldo, agora cómoo frío. Antes, cando el vivía, todo era unha metade, a mesa era unha metade, o pan era unha metade... Sinto que todo quédame grande. Os meus netos son coma descoñecidos; desque estou soa, xa non lles falo nin de Galiza nin do monte, nin das fadas nin dos trasnos... Iso era cousa do avó. Só repito algún que outro dito para que poidan levar pola vida, non quero que teñan pena. Son tal disgusto os nenos que choran! Parecen albiscar catástrofes.
Voulle dicir ao señor doutor que me opoño á operación. Os meus fillos non poden obrigarme. Eu obrigáballes a que puxeran a chaqueta, a estudar moito, de cando en vez a ir á herba... Agora teñen eles o sentido, o sentido é un siareiro! Eu estou escoitando ao meu corazón, aínda vivo, aínda en min. Teño unha lavadora e unha furgoneta, pero non quero ter unha máquina no peito!
Do meu corazón parte a tristura, teño dereito a ter tristura. Voulle dicir que Deus o quixo: raros médicos teñen fe, son persoas que saben demasiado. Do meu órgano sae este fío de voz, o pesar, este adéus. A veciñanza ten que saber que unha vella soa devén en meiga...
E a miña nena deu en chamarme egoísta, egoísta! Egoísto foi o meu home, que conquistou o Ceo.
Hai un pardal que me entra na cociña e doulle pan: non lle dixen a ninguén que me está a dar a vida. Nos meus adentros creo que é o meu anxo da garda...
Cada vez que vou a durmir, anoo os dedos das mans en silencio, coma se o espírito do defunto me entrara ao pensamento. Aquela noite, estes vellos bicáranse. Non lle contei o bico a ninguén. Fomos dous vellos namorados que xa non crían en nada... Mais, o bico, aquel foi o bico da mellor película, e seremos aquel romance en branco e negro que aburre aos novos... @mundiario