Jorge Mira, entre os expertos da Radio Galega

Jorge Mira. / Colegio de Ópticos
Jorge Mira. / Colegio de Ópticos

O espazo Galicia por Diante contará en cada emisión con expertos nas distintas áreas, como é o caso de Jorge Mira, Marcus Fernández e Laura Castro. No serán, A Crónica apostará pola análise de xornalistas galegos destacados.

Jorge Mira, entre os expertos da Radio Galega

A análise da actualidade desde as máis variadas ópticas será, de novo, unha constante na área informativa da Radio Galega na nova temporada que arrinca o próximo luns, 10 de setembro, segundo informa a emisora pública. Contará coas voces e opinións dos máis destacados profesionais galegos que achegarán cada día a súa visión da mesma nas distintas áreas en que sobresaen. Estas novas incorporacións distribuiranse entre o Galicia por Diante, o primeiro programa co que a emisora pública pon o pé na rúa para estar ao tanto dos acontecementos máis recentes, e A Crónica, o último espazo informativo do día no que se fai a análise de toda a xornada.

O catedrático de Medicina Legal na Universidade de Santiago Ángel Carracedo tamén se suma ao Galicia por Diante. Carracedo é unha das persoas máis destacadas da comunidade científica a nivel mundial no campo da xenética forense e clínica, e analizará cada xoves, a partir das sete e media da mañá no Galicia por diante as novidades máis destacadas do ámbito científico. Coma Ángel Carracedo, tamén se suma ao novo proxecto dos Informativos da Radio Galega unha das figuras máis recoñecidas da CRTVG no ámbito da divulgación científica, Jorge Mira. Mira é catedrático da área de Electromagnetismo na Facultade de Física, e membro correspondente da Real Academia Galega e será o encargado de abordar as principais novidades do mundo da ciencia cada martes no Galicia por Diante.

O xornalista Fernando Ónega tamén estará no Galicia por Diante. Cada día, ás oito e cuarto da mañá, conversará con Xosé Valiñas sobre os asuntos máis relevantes que presenta a xornada.

Os mércores será a quenda para o experto en novas tecnoloxías Marcus Fernández,  para achegarlles aos oíntes da Radio Galega os últimos avances do sempre evolutivo sector dixital. E o venres será a profesora da Universidade da Coruña Laura Castro a encargada de analizar o fenómeno das redes sociais.

No informativo A Crónica,  o espazo diario de 21.00 a 22.00 horas, en que teñen cabida as noticias máis importantes do día en clave de análise, incorporará esta temporada a Ricardo F. Colmenero, Javier Casqueiro e Xosé Carlos Caneiro. @mundiario

Comentarios