Isabel Méndez debuta cun libro sobre asuntos transcendentais do ser humano e a vida social

Isabel Méndez. / Mundiario
Isabel Méndez. / Mundiario

Coral de voces e soños presenta a miscelánea de reflexións de 35 persoas “que teñen que ver” con ela. “Este libro nace para recorrer camiños que non están nos mercados”, explica a autora.

Isabel Méndez debuta cun libro sobre asuntos transcendentais do ser humano e a vida social

Isabel Méndez Naya aborda nun libro relevantes asuntos da actualidade relacionados co ser humano, a vida e a sociedade. Violencia e maltrato, terceira e cuarta idade, familia, sociedade, egoísmo e bondade, coñecemento do “eu”, espiritualidade e cambio conforman os oito temas sobre os que se artella Coral de voces e soños, título revelador do seu contido, no que a autora se apoiou en entrevistas feitas a 35 persoas que teñen que ver coa propia autora: “Amigas e amigos que estiveron na miña vida e que sempre camiñaron á miña beira”, segundo escribe Isabel Méndez no texto introdutorio da relación nominal de todos elas. 

“Este libro nace dunha inquietude constante –segundo destaca Isabel Méndez – por entender e entendernos; da necesidade de colaboración e como expresión de unión. Nace para recorrer camiños que non están nos mercados”. Os fondos que se recaden pola venda da obra, publicada por Andavira Editora, serán para Cruz Vermella

O texto será presentado nun acto que se celebrará este venres 25, ás 19 horas, no paseo central da Alameda (ao pé da fonte e da igrexa do Pilar), coa participación da súa autora, o autor do limiar –o novelista compostelán Ignacio Vidal Portabales–, o presidente da Asemblea Comarcal Cruz Vermella Santiago –José Luis Barreirro–, o secretario xeral de Política Lingüística –Valentín García– e o alcalde de Santiago –Xosé Sánchez Bugallo–. A asistencia está restrinxida polas normas en vigor a raíz da Covid-19.

Portabales, que no limiar cualifica a obra de Isabel Méndez como individual e colectiva, destaca que “condensa a experiencia vital” de moitas persoas. “Isabel –engade– guindou ao ar unhas preguntas e enleou (agarimosamente) aos amigos para que as contestasen. Todos lles fixemos caso. Antonio Pose escoitou os primeiros pasos do que aquí se presenta e, detrás desta estimulante idea de Isabel, latexan a presenza e o alento do médico humanista e comprometido”.

Isabel Méndez (Caión-A Laracha, 1959) foi profesora de Matemáticas na USC e acaba de prexubilarse. “A experiencia de vivir modifica a nosa forma de ver e de vernos. Trae unha nova conquista da nosa realidade, do universo que nos rodea. E é no traballo de facernos máis conscientes onde nace a posibilidade de evolucionar. Son os cambios que nos poden facer máis humildes, máis intelixentes para coidarnos, máis atentos ante a manipulación, máis resistentes aos hábitos que nos embrutecen”, tal como escribe na presentación da obra.

Voces participantes na obra de Isabel Méndez

A relación das voces participantes na obra é a seguinte: Adelino José Pose Reino, 65 anos, xubilado; Adrián Díaz Bóveda, 33 anos, músico e creador cultural; Alfredo Sarandeses Lizarazu, 64 anos, artista; Ángel María Carracedo Álvarez (Anxo), 65 anos, médico de medicina legal e experto en xenética; Ania Piñeiro Mirás, 43 anos, profesora de ioga Iyengar; Xosé M. Barreira (Barri), 60 anos, consultor e produtor audiovisual; Beatriz Cuiña Barja, 52 anos, funcionaria; Carlos Núñez Arias, 60 anos, técnico superior de investigación da USC; Carmen Quintela Babío, 31 anos, xornalista; Charo Babío Arcay, 60 anos, profesora na USC; Clara Méndez Castiñeiras, 30 anos, traballadora social; Francisco Collantes Carollo, 46 anos, mestre de primaria; Ghaleb Jaber Ibrahim, 69 anos –“En momentos coma estes síntome profundamente humanista. Son médico por devoción, empresario por responsabilidade e xornalista por afección. Con todo, e agora máis que nunca, síntome voluntario na defensa dunha humanidade sen fronteiras, sen clases nin razas. Só con sentimentos e pensamentos. Antes que personaxe, son persoa, sen cargos nin cargas na mochila”–; Isabel Graupera García-Milá, 42 anos, médica; José Antonio Redondo López, 68 anos, catedrático de universidade; José Antonio Vázquez Freire, 62 anos, presidente de Cegasa; Juliet Fatai Fatai, 38 anos, cociñeira;  Gilgleide Kika de Andrade Silva (Kika), 42 anos, traballadora de Anaco, nai e estudante; Luísa García Gil, 70 anos, arquitecta e empresaria, ambas de corazón;  Mar Coll Loperena, 40 anos, licenciada en Química e investigadora no Instituto de Investigación Pi i Sunyer (IDIBAPS); Mari Carmen Méndez Naya, 58 anos, funcionaria; María Cadaval Sampedro, 42 anos, profesora de economía na USC e columnista de MUNDIARIO; María do Carme García Negro, 70 anos, profesora ad honorem da USC e colaboradora de MUNDIARIO; María Xosé Fernández Cerviño, 69 anos, xestora cultural xubilada; María del Valle Suárez Gil (Mavalle), 51 anos, coach emocional e deseñadora de xoias; Milagros Domínguez Juan, 69 anos, profesora titular de Socioloxía na USC; Xosé Manuel Outeiriño Gallego (Outeiriño), 57 anos, profesor de Xornalismo na USC; Paula Méndez Barbeito, 27 anos, técnica de Aduanas; María Concepción Nistal Fernández (Pomba), 59 anos, profesora de Física Aplicada na USC; Ramón L. Pazos Ferreiros, 62 anos, bibliotecario; Rebeca Jaramillo Guerrero, 44 anos, autónoma de limpeza; Ruth Gómez Vázquez, 72 anos, xubilada; Consuelo da Pena Costoya (Suly), 63 anos, funcionaria; Teresa Mosquera, 56 anos, traballadora social; Xosé Ramón Pousa Estévez, 67 anos, xornalista e docente. @mundiario

Comentarios