Isabel Bravo recibe o luns 26 de xullo o Premio Somos Esenciais 2020

Isabel Bravo. / Radio Coruña
Isabel Bravo. / Radio Coruña
Foi a gañadora deste premio de xornalismo pola peza titulada Cando as preguntas aínda non tiñan resposta.
Isabel Bravo recibe o luns 26 de xullo o Premio Somos Esenciais 2020

Este luns 26 de xullo ás 17.00 horas vai ter lugar na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o acto de entrega do Premio de Xornalismo Somos Esenciais 2020, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Isabel Bravo, de Radio Coruña - Cadena Ser, foi a gañadora do galardón pola peza titulada Cando as preguntas aínda non tiñan resposta.

A gañadora e Ángel Paniagua, finalista do mesmo, recollerán os seus galardóns nunha cerimonia que contará coa presenza da vicedecana segunda do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal. 

O traballo de Isabel Bravo, emitido por Radio Coruña - Cadena SER, foi o gañador do certame por "pór en valor a información local e darlle voz ás fontes expertas no primeiro día de estado de alarma". Un total de 39 traballos, de todos os formatos xornalísticos e con distintos enfoques, foron presentados ao premio.

Debido ás restriccións sanitarias impostas pola pandemia da Covid-19, o acto de entrega do premio realizaranse cunha capacidade máxima moi reducida e estará unicamente aberto aos profesionais dos medios de comunicación. 

O Premio de Xornalismo Somos Esenciais naceu para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia en 2020. O certame recoñece o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público. @mundiario

Isabel Bravo recibe o luns 26 de xullo o Premio Somos Esenciais 2020
Comentarios