Buscar

Isaac Díaz Pardo, o pintor que non quixo ser artista

Aínda que foi breve, o certo é que a etapa de artista plástico de Díaz Pardo foi produtiva. 
Isaac Díaz Pardo, o pintor que non quixo ser artista
Estatua de Isaac Díaz Pardo en Compostela. / Xurxo Lobato
Estatua de Isaac Díaz Pardo en Compostela. / Xurxo Lobato

Rosario Sarmiento

Crítica de arte.

Este 22 de agosto celébrase o cen aniversario do nacemento de Isaac Diaz Pardo, unha figura clave da cultura contemporánea en Galicia, sen cuxa achega persoal sería difícil entender o  país no que hoxe vivimos. O seu legado é o produto dun incansable afán por modernizar e recuperar a historia dun país, que arrastraba males seculares, acrecentados, sen dúbida, pola terrible experiencia da Guerra Civil e a posterior posguerra. Empresario, crítico, editor, debuxante, será tamén un prolífico pintor que moi pronto renunciará a ser artista.

Curta foi a carreira como artista plástico de Díaz Pardo e  tamén abrupta a súa ruptura cunha profesión que lle permitiu gañarse a vida, ademais de darlle un importante recoñecemento profesional tanto dentro como fóra de Galicia durante os primeiros anos da posguerra. A figura do seu pai Camilo Diaz Baliño, pintor,  muralista, escenógrafo, marcou desde moi pronto a personalidade do mozo Isaac e o seu interese pola creación plástica. Tras o golpe de Estado e o inicio da guerra, Camilo é asasinado e Isaac ten que esconderse durante varios meses para salvar a súa vida. En 1937, atopa un traballo como  rotulista na Coruña, que aínda que alivia a mala situación económica familiar, non lle permitirá, tal e como desexaba, ir estudar Arquitectura a Madrid. Cambiará esta licenciatura pola máis alcanzable de Belas Artes realizando en dous anos os catro cursos académicos.

Obtén unha bolsa da Deputación provincial da Coruña e en 1941, unha vez rematados os seus estudos viaxa a Italia, onde  coñecerá aos grandes mestres do Renacemento italiano que tanto influirán na súa pintura. Ao seu regreso  en 1942 obterá unha praza profesor auxiliar na Escola de Belas Artes de Barcelona e terá tamén un estudo en Madrid. Desde esa data ata 1949 Isaac vai dedicarse profesionalmente á pintura.

Ese mesmo ano inicia o proxecto de Cerámicas do Castro en O Castro de  Samoedo (Sada, A Coruña), onde utilizando os materiais da antiga fabrica de Sargadelos, recuperará esta iniciativa empresarial. É o comezo dunha longa e poliédrica traxectoria profesional, na que a pintura pasa a ocupar un segundo plano. Encherá espazos e tempos da súa vida, pero deixará de ser unha profesión. Isaac renunciará a ser artista.

Pero aínda que foi breve, o certo é que a etapa de artista plástico de Díaz Pardo foi produtiva. Realizará unha gran cantidade de óleos e debuxos grazas a unha innata facilidade técnica, plasmando todo o aprendido na súa formación académica, nas súas visitas ao Museo do Prado onde coñece a obra de Goya,  Velázquez, Rembrandt, Tiziano… e a toda a pintura vista nos museos de Roma, Siena e  Florencia que percorrerá sendo estudante de Belas Artes.

Ao longo de toda a súa traxectoria Isaac será sobre todo un retratista de gran talento, que busca profundar na personalidade de quen está retratado, sexan individuos ou grupos, expresen alegría ou desconcerto, rabia ou dor. Nos ollos abertos, nas miradas deses homes e mulleres que retrata, poñerá o seu interese,   captando a súa fortaleza e expresión coma se eses personaxes asombraranse ante o mundo que están a descubrir. @mundiario