A irreflexiva actuación de Adif en Sobradelo súmase a outras desfeitas históricas do tren en Galicia

Vagones del tren que descarriló en Sobradelo. / RR SS
Vagóns do tren que descarrilou en Sobradelo. / RR SS
Galiza sempre tivo problemas coa rede ferroviaria, tan necesaria para desenvolver o comercio de mercadorías.
A irreflexiva actuación de Adif en Sobradelo súmase a outras desfeitas históricas do tren en Galicia

Descoñecemos  as razóns do descarrilamento do tren de mercadorías na liña Monforte-Ponferrada o 28/07 na zona de Sobradelo, e a estas alturas Adif aínda esta recopilando datos  para determinar responsabilidades e  declara que “se abrirán los expedientes disciplinarios laborales correspondientes si ha lugar”. Non di nada a respecto do que sospeitamos: detrás do sinistro pode estar a antigüidade e fraxilidade da rede, a falta de inversións, modernización e mantemento necesarias. Sorprendería que tivese que ver co inexistente exceso de circulación ferroviaria de mercadorías ou coa impensábel velocidade alta ou alta velocidade do convoi.  O que si coñecemos ben é a nefasta, irreflexiva, sorprendente e improvisada actuación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) para despexar as vías que levaron a dous vagóns  ladeira abaixo e as augas do Sil provocando impacto evidente. 

Quince días despois Adif volve a normalidade nesa liña, explica que levaron a cabo labores de recuperación de gran complexidade, que mesmo obrigou a ter barreiras de contención de residuos no rio e aclara que na retirada do material descarrilado ate participou Renfe Mercancías, titular do tren e Renfe Fabricación y Mantenimiento no encarrilamento. Adif asegura que nas actuacións primaron sempre a seguridade e a saúde dos traballadores.  Explicación toda innecesaria relativa a recuperación dos vagóns que non tiñan que tirar monte abaixo e falta total de explicación do  porqué do accidente, de porqué se tarda en solucionalo  e de porqué unha pa empuxa sen preocupación e rícelo aos vagóns até o rio Sil  (como vemos nos vídeos), vagóns que  se deduce non esperaban ter que recuperar.

 Sorprende que  este suceso sirva para que Adif anuncie que se van revisar os protocolos de actuación en situacións similares e os que ten con operadores ferroviarios para que non volva a repetirse un feito semellante e mesmo propoñerá cambiar as condicións para que os operadores ferroviarios presten servizo  de forma respectuosa co medio ambiente, e esixir seguro de responsabilidade civil para danos ambientais. Pero parece que non serve o sinistro para estudar e avaliar o estado (lamentable?) e  funcionamento (moi malo ?) de boa parte da rede ferroviaria galega. Adif mira para outro lado. Preguntámonos: Actúa sempre así Adif  ou só o fai na Galiza?  Tiña plans de continxencia que contemplan tirar vagóns a un río? Que exemplo ofrece Adif aos cidadáns e as empresas privadas? Que fai a Fiscalía cando a empresa pública se salta os procedementos legais?  

A rede galega

Galiza sempre tivo problemas coa rede ferroviaria, tan necesaria para desenvolver o comercio de mercadorías cara a Meseta, a liña de conexión férrea galega  Palencia-A Coruña  defendese nas Cortes no bienio 1857-58 polo conde de Pallares, dáse a concesión por lei en 1858 e licitase no 1864  sendo o tramo A Coruña-Lugo inaugurado en 1875, necesitando doce anos para 115 km de construción relativamente fácil e barata comparada co tramo Quiroga-Ponferrada. En 1878  como a empresa construtora  é incapaz de cumprir o goberno decreta a caducidade do contrato coa empresa privada e a liña Palencia-A Coruña nacionalizase pero por pouco tempo, en 1980 o  ministro de Fomento volve a entregala ao capital privado, tres anos despois a “Compañía de los Ferrocarriles de Asturias, Galicia y León” conseguía a unión de Galicia coa Meseta, so tardara 25 anos en construírse, retraso ocasionado pola incapacidade financieira, os fraudes encubertos, contextos desfavorabeis, maniobras especulativas, responsabilidades estatais... 

Algo similar ocorre coa liña Zamora-A Coruña,  prevista na ditadura de Primo de Rivera (1923-1929) que  ate o 1958  non foi aberta na sua totalidade por Renfe.  Do AVE xa nin falamos, todos coñecemos que pretendia finalizar no 2010.

Como resumo atopamonos que temos no  2020 unha rede ferroviaria que na sua maior parte ten  infraestruturas, convois, administradores e actuacións que lembran 1920. Galiza necesita un tren de mercadorías e pasaxeiros para o século XXI, seguimos esperando por un tren que comunique  Santiago-Lugo, estaría ben ter un tren que non tarde dúas horas entre Lugo e A Coruña ou entre A Coruña-Ferrol, seria bo ter cercanías como teñen en Madrid e trens modernos e relativamente rápidos (chegaríanos con velocidade media-alta). Cando entramos en internet e preguntamos polo tempo que tarda o tren de Santiago a Bilbao  quedamos perplexos, como si estiveramos noutro século, a resposta o   15/08/2020  é: “El tiempo medio de viaje entre Santiago de Compostela y Bilbao Abando es de 12 horas y 42 minutos. Entre semana hay un promedio de 1 tren por día para el trayecto Santiago de Compostela - Bilbao Abando. Los fines de semana y días festivos el viaje puede ser más largo." (Fonte: www.thetrainline.com). Adif sigue impasible, nin sequera o tráxico accidente de Angrois o despertou. Un descarrilamento de mercadorías será cousa menor ou insignificante. @mundiario

Comentarios