A inxenuidade (ou a falacia) do “escisionismo”

Francisco Reynés, con el logo de Naturgy, la antigua Gas Natural Fenosa.
Francisco Reynés, co logo de Naturgy, antes Gas Natural Fenosa.

Refírome, naturalmente, ao anunciado fechamento de Alcoa e mais ao idem do MAC, o Museo de Arte Contemporánea da antiga Fenosa-Unión Eléctrica, hoxe Naturgy. Se isto non é economía colonial, eu son marciana. É A Coruña a depauperada, a maltratada, ou é a Galiza no seu conxunto?

A inxenuidade (ou a falacia) do “escisionismo”

Tratarei de aclarar, nas liñas que seguen, a pouca fortuna do título deste artigo. Está motivado por dúas novas lamentábeis que coñecemos recentemente, ambas directamente vinculadas á Coruña, mais con afectación á Galiza toda. Refírome, naturalmente, ao anunciado fechamento de Alcoa e mais ao idem do MAC, o Museo de Arte Contemporánea da antiga Fenosa-Unión Eléctrica, hoxe Naturgy.

Sobre o primeiro: non vou adxudicar ao nacionalismo galego virtudes de Casandra, mais, á altura de 1998, en que o goberno do PP no Estado, con Aznar ao frente decidiu a súa venda á multinacional norteamericana, xa nos gostaría vernos algo más acompañados na denuncia de tal operación privatizadora, como na crítica radical do papel da Unión Europea, como na política laboral de desmantelamento do entramado de empresas estatais, como na programada ruína da industria naval de Ferrol, como... Comentarios como “o importante son os postos de traballo, déaos quen o der” non eran infrecuentes. As consecuencias á vista están.

Afirma o conselleiro de Industria (?) que “isto xa se vía vir” e culpa, para variar, o goberno do Estado (o de agora, o de onte e antonte, non) de falta de previsión. Mais se “xa se vía vir”, onde estaba el?; ula, a Xunta? Como se pode facer gala de tal incapacidade política, cuxo corolario lóxico é, daquela, que a chamada “autonomía” non serve para nada útil, para nada que teña a ver cun autogoberno merecente de tal nome? Para maior escarnio, a empresa, como xa está máis que sabido e repetido, beneficiouse de substanciosas rebaixas-subvencións que os “paganos” das galegas e galegos sufragamos á forza. Esta é a “retribución” da multinacional, esta, a “compensación” por xenerosidade tanta: fechamento empresarial, operarios á rúa, pranto e desolación: máis un furado inmisericorde na maltratada economía galega.

Sobre o segundo. Vaia por diante que eu lamento, como é xeral opinión, que un museo e centro de promoción cultural con sede na Galiza feche as portas, liquide a actividade e poña en risco a obra artística que atesoura, para alén da supresión de bolsas ou outros proxectos. Tamén aquí a Galiza volve ser “la bien pagá” (ao revés, claro). Porque tamén este centro o pagamos colectivamente (e a que prezo!) as galegas e galegos: encoros, exportación de electricidade, tarifas eléctricas altísimas, destrución de economía agrícola-gandeira, afectación destrutiva do meio ambiente, despoboamento de amplas zonas do país, aldeas e vilas asolagadas... Si, todo isto era a ínclita Fenosa. A que pagaba arte e artistas, mais non daba eliminado cables de alta tensión de evidente perigo en lugares poboados ou na proximidade de patrimonio artístico. Curiosa empresa “galega” que obtén de nós plusvalías a eito e, cando lle convén, é absorbida pola multinacional de turno, levanta o voo cando lle peta, abandona toda compensación “cultural” e vai coa música a outra parte. Se isto non é economía colonial, eu son marciana.

Mais que é o que, aliás, me chama a atención desta política? A lamentación de tutti quanti verbo do desaparecemento dun, seica, “buque insignia” da arte e da cultura galega. Acaso non sabiamos a quen pertencía? Talvez descoñecemos cal é a entraña do capitalismo? Ben podería algún dos seus xerifaltes responder: “El capitalismo y yo somos así, señores”, remedando aquela frase do teatro de Eduardo Marquina: “España y yo somos así, señora” (si, o Marquina que compuxo unha letra para o himno [marcha miliar] español). Podemos apontarnos, se nos prace, a practicarmos o deporte da escisión: o capitalismo, en abstracto e en xeral, non nos gosta; agora ben, se nos paga algo, se cuida un pouco o seu lado “moral” aparencial, entón si que vale. Mais o sistema é intelixente dabondo para saber  -e aplicar contundentemente-  a máxima contraria: ou cómprasme todo o lote ou eu non cho vou trocear: ampararei certos produtos culturais, cando me pete e sempre que os considere un valor de mercado; prescindirei deles cando tais condicións non se cumpran, ou cando decida investir noutrén ou, simplesmente, anular calquer intervención  dita cultural. 

Antecedentes históricos daquela filosofía escisionista hainos, e ilustres. Resúmoos na coñecida definición de Ramón Piñeiro: galego por bioloxía, por nacencia; español por historia; europeo por cultura. Velaí. Como os hai (antecedentes) contrarios, antagónicos desta mentalidade: véxase Rosalía de Castro, véxase Castelao, por citarmos as personalidades galegas de maior relevo do século XIX e do XX respectivamente. Eu láiome tamén de que artistas contemporáneas-os galegos fiquen privados dun soporte, dunha axuda, dunha megafonía, como a que podía significar o centro que agora anuncia a súa defunción, mais, polo mesmo, e facendo memoria, boto en falta que a súa voz se sentise forte (e non episódica ou individual) cando se perpetraron auténticos atentados contra o patrimonio galego; cando algúns e algunhas ficamos afónicos defendendo políticas culturais públicas, orzamentos dignos; cando denunciamos a construción da Cidade da Cultura; cando auguramos que tal desembolso significaría a anemia inducida para a cultura galega en xeral; cando demandamos, unha e outra vez, a creación e mantemento de espazos, de “canteira” e de programacións públicas para o teatro, as artes plásticas, o audiovisual; cando pedimos reiteradamente que se tivese en conta o tecido cultural asociativo; cando...

Afinal, unha pergunta, que me suscitou o artigo do fundador e director deste meio: é A Coruña a depauperada, a maltratada, ou é a Galiza no seu conxunto? Que máis terá de pasar para decatármonos da necesidade premente de termos instrumentos efectivos de poder político, institucións con capacidade legal, normativa e políticas de regulación do espolio privado, posibilidade, en fin, de voz, voto e veto? Aínda que A Coruña fose “menos” agredida e Vigo mantivese o seu potencial boiante, sería racional e desexábel que toda a poboación se concentrase na vertical destas dúas cidades e o resto se conformase coa súa condición de deserto poboacional ou de cidades-vilas en declive e centos de aldeas fantasmais? O artigo de José Luis Gómez detalla, con toda a competencia, millenta falencias empresariais, institucionais, políticas. Son elas un reflexo da febleza coruñesa ou son, máis ben, metonimia de toda a nación? Aí o deixo, como está de moda dicer agora... @mundiario

Comentarios