Unha investidura de contrastes

Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón foi máis alá dunha crítica á falta de alternativas do sucesor e expuxo as liñas mestras dun goberno do BNG en base a dez obxectivos estratéxicos con propostas concretas.
Unha investidura de contrastes

Alfonso Rueda non defraudou. Ninguén esperaba un grande discurso, e de feito non o deu. A propia bancada do PP estaba máis pendente dos móbiles que do sucesor. Non había nada que agardar. Amosouse gris nas formas e oco no fondo. Demostrou non ter a máis mínima capacidade para observar, analizar e empatizar cos problemas que nos afectan e, en consecuencia, non fixo ningunha proposta de calado. 

O sucesor actuou de candidato sen programa, quizais confiado en que a herdanza da auréola mediática de bo xestor de quen decidiu deixar Galiza por Génova lle dure o que queda de lexislatura. O seu discurso foi deslabazado, cheo de lugares comúns e frases baleiras. Os titulares de prensa do día despois deron conta do máis reseñable de canto expuxo na tribuna: ampliación da cartilla de vacinación, maior oferta de campamentos de verán... Isto é, cuestións concretas que afectan a problemas moi localizados. Mais para alén de media ducia de compromisos específicos, ningunha proposta estratéxica, ningunha medida de peso. Algo inconcibible nun candidato a presidir a Xunta de Galicia. 

Alfonso Rueda demostrou, así, non ter solucións para os problemas que nos afectan: a inflación en Galiza está disparada, por riba da media estatal, e o sucesor non achega solucións para un problema que afoga a familias e empresas; o noso modelo produtivo afronta retos decisivos, e o sucesor non menciona medidas para que Galiza saia reforzada fronte ás consecuencias da dixitalización e do cambio climático; padecemos un grave problema demográfico e o sucesor non ten nada a dicir ao respecto... De Rueda sabemos que camiña, pero non nos quixo dicir cara a onde. 

En fronte, Ana Pontón demostrou coñecer en profundidade as dificultades que atravesa a xente e ter a valentía para afrontalas. Foi capaz non só de compendiar problemas, senón de facer unha lectura integral dos retos que afronta de forma específica Galiza e do marco global que nos afecta en cuestións como a calidade democrática, o cambio climático ou a crise enerxética. 

Na súa intervención, Pontón foi máis alá dunha crítica á falta de alternativas do sucesor e expuxo as liñas mestras dun goberno do BNG en base a dez obxectivos estratéxicos con propostas concretas:  reforzar os servizos públicos, mellorar a produtividade e a diversidade do tecido económico, apostar decididamente na ciencia e na innovación, loitar contra a emerxencia climática optando por un novo modelo enerxético, apoiar a nosa cultura ou avanzar cara unha sociedade máis igualitaria.

Tamén incorporou como obxectivos estratéxicos a necesidade de exercer máis autogoberno político e financeiro, de desenvolver un modelo de infraestruturas ao servizo das necesidades da nosa sociedade fronte ao modelo radial centralista, e de redefinir as relacións Galiza-Portugal. É dicir, expuxo a súa visión do rol xeopolítico que debe xogar Galiza para beneficio dos nosos intereses e en función da nosas necesidades. 

Unha investidura, en definitiva, enormemente clarificadora. Estratexia fronte a continuísmo. Ideas baleiras fronte a propostas concretas. Un sucesor gris que non agrada nin nas súas propias filas, fronte a unha muller que, ademais de contar cun proxecto sólido, emocionou e convenceu. Calquera que vise o debate percibiu o contraste entre o fondo, as formas e as persoas. Comezou a conta atrás. @mundiario

Unha investidura de contrastes
Comentarios