Iniciativa para recoñecer a Castelao como o primeiro presidente de Galicia

Alfonso R. Castelao.
Alfonso R. Castelao.
Ese recoñecemento non sería, propiamente, para o Irmán Daniel: sería un orgullo para tódolos galegos pola enorme talla de Castelao.
Iniciativa para recoñecer a Castelao como o primeiro presidente de Galicia

O Partido Galeguista, do que é secretario xeral o grovense Francisco López Franco, Chesqui, está a articular o pago dunha débeda: a da Galicia oficial con Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950), pedindo que este reciba o recoñecemento como primeiro presidente de Galicia. Non é inventarse nada, porque ocorreu así. A realidade é esa: a semana pasada cumpríronse 78 anos da constitución en Montevideo do Consello de Galiza por deputados electos en 1936: o vilagarcián Elpidio Villaverde, o silledense A. Alonso Ríos, o sadés Suárez Picallo e con Castelao á cabeza. Por suposto, un Consello constituído coa lexitimade do Estatuto de Autonomía aprobado previamente en xuño de 1936, que establecía ese órgano de goberno.

Non debería parecer unha tarefa difícil esta na que se embarcou o Partido Galeguista porque o único que pretende é que se recoñeza unha verdade que, ademais, xa conta co apoio previo das institucións de galegos no exterior.

Pero concorre que ese recoñecemento non sería, propiamente, para o Irmán Daniel: sería un orgullo para tódolos galegos pola enorme talla de Castelao porque, desde logo, a inmensidade da súa figura está a anos luz das habituais da clase política. Que nación pode presumir de ter un presidente como o noso rianxeiro universal?.

A recente publicación de Miguel Anxo Seixas da súa biografía, en tres tomos, da fe desa categoría colosal. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi unha sobranceira e polifacética personalidade: médico, artista, debuxante, escritor, político. O Estatuto de Autonomía de 1936, que permite que a Constitución de 1978 sinale como nacionalidades históricas a Cataluña, Euskadi e Galicia, vai unido ao seu nome e á súa actividade política que, por outra banda foi precedida dunha intensa formación cultural previa, como sería desexable en xeral. Licenciouse en Medicina en 1909; sete anos despois incorporouse ás Irmandades da Fala, que capitalizaría a actividade do nacionalismo galego. Nos primeiros anos 20 e 30 do século pasado formou parte do Grupo Nós, -con Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Viqueira ou Antón Vilar Ponte- que revolucionou a cultura galega, e, ademais, cunha característica que hoxe nos parece actual: un europeísmo convencido.

A obra política máis sobranceira de Castelao é, como se sabe, o Sempre en Galiza, cualificada como unha obra mestra da cultura xurídico-política, escrita ao largo de doce anos durante o seu desterro, a Guerra Civil e o exilio: a introdución en Badaxoz en 1935; o Libro I en Valencia durante o levantamento militar; o Libro II en Nova York e no buque Arxentina en 1940; o Libro III en Bos Aires en 1943 e o Libro IV no paquebote Campana en 1947. O núcleo desa obra é a nación galega dentro dun proxecto federal ibérico, pero por todos os lados aparece a Unión Europea da que Galicia, como Bretaña ou Escocia -outras nacións sen Estado- forman parte desde que hai historia; aínda que frecuentemente equipara Galicia con Dinamarca e incluso cos Países Baixos. Por exemplo deixou dito que “o noso camiño -o de Galicia- estaba dentro de España e ligado a Europa. Ese era, en efecto, o camiño que viña cara nós desde Europa e que España desviou”. As súas palabras soan hoxe actuais, modernas, como cando reivindica novas estradas e trens directos á fronteira pirenaica, no que denominaba “unha nova vía de europeización, un novo Camiño Francés”. Propoñía que esas infraestruturas, xunto cos portos, conformasen a porta de Galicia con Europa e co mundo.

Desde logo, benvida a iniciativa do Partido Galeguista e do seu secretario xeral: recoñecer a Castelao como o primeiro Presidente de Galicia, sería unha honra para todos os galegos. A verdade, estamos tardando. Por nós. Se me apuran, ata contribuiría a pensar que tamén houbo políticos insignes e contribuiría a mellorar a imaxe ata dos actuais. @mundiario

Comentarios