“Informar máis non sempre é informar mellor”, di Víctor Torrado, psicólogo e vogal do COP

Víctor Torrado, psicólogo. / TVG
Víctor Torrado, psicólogo. / TVG
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Colexio de Psicoloxía de Galicia (COP) recolleran no documento InformaDOR algunhas recomendacións para elaborar de información sobre emerxencias. Víctor Manuel Torrado, psicólogo clínico no CHUAC e vogal da Xunta de Goberno do COP, afonda neste tema.
“Informar máis non sempre é informar mellor”, di Víctor Torrado, psicólogo e vogal do COP

Nunha emerxencia sanitaria como a provocada polo coronavirus o traballo dos medios de comunicación é especialmente importante, tamén complexo e delicado. Víctor Manuel Torrado, psicólogo clínico no CHUAC e vogal da Xunta de Goberno do Colexio de Psicoloxía de Galicia, fala do impacto psicolóxico da calidade e da cantidade de información sobre a pandemia.

– Como profesional da saúde mental, que análise fai da cobertura informativa desta crise?

– O máis obxectivable é que hai unha superabundancia de información. Na televisión non só se informa sobre a pandemia en telexornais, espazos informativos e especiais; tamén os programas matinais e os espazos de entretemento das tardes están dedicados a falar con expertos ou pseudoexpertos sobre o coronavirus. Toda a nosa vida xira agora ao redor da pandemia e iso non é moi recomendable desde o punto de vista psicolóxico. Vivir inmersos da mañá á noite en información sobre o COVID-19 contribúe a xerar unha idea da realidade distorsionada e acaba producindo unha alarma social excesiva e contraproducente. 

– Nunha situación tan excepcional non está xustificada a alarma e o gran volume de información que ofrecen os medios?

– Hai quen pensa que cómpre alarmar a poboación, pero se se fai globalmente quen recibe esas mensaxes son as persoas xa sensibilizadas sobre os riscos de contaxio, que cada vez se angustian máis, e a minoría que banaliza a situación segue facéndoo. Temos por diante un reto colectivo enorme, pero non por recibir máis cantidade de información imos estar máis cerca do obxectivo, que é superar a situación coas menores consecuencias posibles, tamén desde o punto de vista psicolóxico. Hai que apelar á responsabilidade, á mesura dos medios como servizo público. Informar máis non sempre é informar mellor. 

– Na súa opinión, sería recomendable que os medios limiten o tempo que lle dedican a informar sobre a pandemia?

– Non só é unha responsabilidade dos xornalistas e das organizacións que se dedican a informar. As persoas buscamos aliviar a incerteza buscando información, pero facémolo dunha maneira compulsiva, de xeito patolóxico e así fai máis dano que ben. Cada un de nós deberiamos autolimitar a exposición á información dun xeito razoable. Hai máis vida á parte do coronavirus, incluso en situacións de confinamento. Desde o meu punto de vista, habería que coidar tamén todas estas actividades de lecer, de acompañamento, de humor..., que contribúan a sobrelevar a situación e os medios tamén poden axudar nese labor.

– Como está afectando este tipo de consumo informativo ás persoas máis vulnerables?

– A sobreexposición á información, sobre todo se nos bombardean de xeito inadecuado, fai que as persoas con problemas de saúde ou de certa idade se sintan absolutamente indefensas ante o virus, moito máis do que os propios datos indican. Hai persoas de idade avanzada que non teñen outra fonte de entretemento que a televisión e acaban convencidas de que ningunha persoa maior pode superar a infección e de que para eles non haberá respiradores nin prazas nas UCI. En realidade, a letalidade en persoas entre 80 e 89 anos é do 14,6%. É alta, pero moito menor que a percepción que existe, e nas UCI o grupo de idade máis numeroso son os pacientes entre 70 e 79 anos, o 35%. Estes datos son difíciles de ver nos medios e contradín algunhas ideas que xa están instaladas. 

– O CPXG e o COP recolleran no documento InformaDOR algunhas recomendacións para elaborar de información sobre emerxencias. Que pode engadir no caso desta crise sanitaria? 

– Penso que hai que fuxir do alarmismo, do tremendismo, do sensacionalismo, das imaxes efectistas, hai que ir máis alá da labazada informativa. Precisamos análises serias, serenas. Profundizar, máis alá das imaxes de urxencias saturadas que se ofrecen sen contexto. Por suposto que hai que dar as cifras de contaxios e falecementos e establecer comparacións entre países, pero non se deben presentar con fórmulas máis propias dunha competición deportiva.

– Abunda a información, pero tamén a desinformación...

– Os bulos fan moitísimo dano, parece que teñen máis pegada que as verdadeiras noticias. Hai que pensalo dúas veces antes de reenviar esas mensaxes e audios de whatsapp que nin sequera sabemos de quen veñen realmente. Ademais, cal é a utilidade de espallar ese tipo de mensaxes apocalípticas? Nesta situación de illamento, na que hai persoas soas e en situación vulnerable, pódense establecer outros nexos que sirvan como contacto social. Os medios si están compartindo esas escenas de barrios enteiros cantando, aplaudindo, que fan que a comunidade se sinta unida e recorde cal é o motivo do confinamento. Compartir o obxectivo común con estes xestos é de enorme valor. @mundiario

Comentarios