Buscar

A industria que lle interesa a Galiza é a de capital proprio

En Galiza o emprego industrial ocupa 141.442 persoas, nun total de 12.989 estabelecementos ou plantas. É incerto que o emprego industrial galego dependa das grandes factorías.
A industria que lle interesa a Galiza é a de capital proprio
Complexo de Alúmina-Aluminio en San Cibrao (Lugo), xunto a balsa de lodos de Alcoa. / Mundiario
Complexo de Alúmina-Aluminio en San Cibrao (Lugo), xunto a balsa de lodos de Alcoa. / Mundiario

María do Carme García-Negro

Profesora de Economía.

Temos intención de colaborar coa solución dos graves problemas económicos que neste momento sofremos: caída do PIB, desemprego e, por tanto, empobrecemento e maior desigualdade social. Por iso insistimos na necesidade de que o presidente da Xunta elabore un plan de acción de goberno para levar a cabo accións concertadas de industrialización, reindustrialización e investimento con vista ao crecemento pola única vía segura de creación de emprego con futuro: a industria propria. A nós, persoalmente, non nos vai a vida no sentido literal do termo: non estamos en idade de busca do primeiro nen sequer segundo emprego, mais si compartimos o interese común da necesidade de que Galiza sobreviva en condicións moito mellores das presentes, que cualificamos de arrastradas pola pendente da desidia.

En Galiza o emprego industrial (estatísticas oficiais, 2018) ocupa 141.442 persoas, nun total de 12.989 estabelecementos ou plantas. É incerto que o emprego industrial galego dependa das grandes factorías que saen un día si e outro tamén nos meios de comunicación. Grandes factorías, entre elas as famosas Alcoa, Citroën..., empregan non máis de 11.000 persoas: son o último elo dunha cadea mundial dunhas compañías multinacionais que teñen un único vínculo co país: o lugar de instalación dunha fábrica en condicións vantaxosas, en comparación con calquer outro lugar do mundo. No momento en que esa avantaxe competitiva desapareza, desaparece tamén como por encantamento a factoría: levanta voo, que é exactamente o que fai agora Alcoa. A súa desaparición non tería máis significación que constatar o feito do desinvestimento, pero isto sucede despois de desfrutar de privilexios ao longo da súa vida na Galiza, privilexios que para si quixera calquer mediana empresa, por exemplo, do sector de transformación cárnica: queremos dicer avantaxes económicas de todo tipo, desde electricidade abundante e barata, man de obra barata e dócil, infraestruturas á carta, avantaxes fiscais e subvencións directas ano a ano.

O emprego industrial nas empresas multinacionais estabelecidas na Galiza, de capital non galego, é unha mínima parte do emprego industrial: así, o conxunto da industria alimentaria -de capital galego e proxección mundial- ocupa máis de 32.000 persoas.  A industria que lle interesa ao país é a de capital proprio, pola razón esencial de que a realización do negocio depende en parte da estadía no país: as avantaxes de localización, de recursos, de saber facer, mesmo de dominio dos mercados desde aquí, de man de obra cualificada, son á vez avantaxes para o país.

Unha cousa é internacionalizarse desde a base galega, como é o caso das grandes conserveiras galegas, e outra moi distinta ser a última factoría dunha multinacional de Pittsburgh como é Alcoa. As accións de goberno, do goberno galego con competencias exclusivas en política industrial -non convén esquecer-, deberían ser tanto activas directas, no sentido inversor, como marcando as liñas de instalación e condicións de realización do capital foráneo. Desa maneira, a través da orientación creativa dos procesos, lograríase unha influencia determinante no futuro industrial do país: lograríase crear postos de traballo duradoiros e crecemento asociado provocado polo arrastre industrial. @mundiario