Buscar

Indo polo legal, sálvase dunha okupación en Compostela: a estafa do falso inquilino

"E colguei –lembra o propietario do piso–, convencido de que esta señora traballa por conta de okupas profesionais con un argumentario que apela á empatía, aos sentimentos nobres da cidadanía e á resolución rápida do aluguer." / Crónica dun "alquiler" frustrado en Santiago
Indo polo legal, sálvase dunha okupación en Compostela: a estafa do falso inquilino
Rúas do Ensanche en Santiago de Compostela. / RR SS
Rúas do Ensanche en Santiago de Compostela. / RR SS

Xoán Dou

Colaborador.

As estafas a propietarios de pisos por parte de falsos inquilinos sucédense. MUNDIARIO recolle este caso –un máis–, localizado en Compostela, moi semellante a outros xa aparecidos noutros medios de comunicación. "Ao ir polo legal, salveime dunha okupación", explica o propietario, a modo de conclusión desta pequena historia de pillería.

Ao dono quedoulle libre un piso que tiña en aluguer en Santiago e, tras arrombalo, anunciouno ás 12 da mañá nunha páxina especializada. No mesmo día,  enviáronlle unha ducia de mensaxes interesándose en velo. Pola tarde, falou con algúns por teléfono e outros miraron o inmoble.

Chega a "inquilina"

A mais decidida foi unha señora duns 62-66 anos. Tras miralo dixo que lle gustaba para ela soa. Á pregunta de se non lle parecía un pouco grande xa que ten 4 habitacións, respondeu que necesitaba tranquilidade e espazo. "Que raro, non?", pensou o dono, polo que lle anunciou que no contrato ía figurar unha cláusula taxativa de que non podía vivir mais xente da que declarase (agás esporadicamente) nin moito menos subarrendalo.

– “Tu palabra para mi es ley. Si quieres lo firmamos en un papel ahora mismo, te entrego la fianza y el primer mes y tu me das las llaves y ya está”, respondeu a potencial inquilina.

Proposta de contrato

O propietario amosoulle o seu acordo matizando que o contrato se asinaría nunha axencia inmobiliaria radicada en Fontiñas con gran experiencia no tema, de xeito que, no futuro, se evitarían problemas si xurdían discrepancias ademais de ser o vieiro legal. Logo se depositaria  no Instituto da Vivenda e Solo tal como require a lexislación vixente. Pareceulle un gasto inútil, que ela non quería pagar.

"Tras dicirlle que correría pola miña conta, contestoume que era unha perda de tempo. E tras insistir, preguntoume se non confiaba nela, que si quería me pagaba dous meses por adiantado, que o importante era a confianza e a lealdade aos pactos verbais; que tíñamos unha idade para lembrar que na nosa infancia unha aperta de mans era  suficiente para pechar un negocio, 'no como ahora que la gente joven no tiene valores'", relata o dono do piso a MUNDIARIO. “Non me estarei trabucando  con esta señora”, matinou.

Llaves de un piso. / Shahid Abdullah en PixabayChaves dun piso. / Shahid Abdullah en Pixabay

Cita na inmobiliaria

Pero ao momento díxolle que aceptaba, que dous días despois (o dono ao seguinte non podía) estarían na inmobiliaria asinando o contrato de arrendamento e ela levaría a documentación da solvencia económica para pagar o aluguer.

Malia a resolución, había algo que empezou a desacougar ao propietario: "Nese estado de cavilación mentres a escoitaba facer eloxios á confianza que debería de haber e cousas polo estilo, soliciteille o DNI para facerlle unha foto que enviaría a axencia por e-mail esa mesma tarde-noite. Na foto víase unha señora  con mais anos, pero coa mascariña non estaba seguro. Xa que había distancia e ela falaba tanto de confianza, pedinlle que a quitara uns segundos para recoñecernos mellor xa que ela levaba ata as pálpebras inferiores dos ollos. Negouse rotundamente alegando que, ao ter mais de sesenta anos, era unha persoa de risco."

A desconfianza

Pois non puido ser, pero empezaba a tomar corpo a desconfianza. "Fomos baixando pola escaleira, falándome ela da importancia da educación dos nenos e da necesidade de inculcarlle valores sociais e responsabilidade na vida; conversa que podía ser dunha mestra. Eu preguntábame a quen tiña diante. Unha desconfianza normal, pero interrogándome si o me receo non era un punto paranoico. Decidín que falaría coa axencia para amarrar ben algúns extremos do contrato, entre eles o da solvencia económica. Se non era mestra, era o momento de parar o trato. E se persistían as dúbidas pois non seguía adiante. Cousas da impericia dun  amateur no tema inmobiliario. Debinlle dicir que non nese momento.", razona o propietario. 

Á hora fixada para asinar o contrato a suposta inquilina non apareceu. Mais tarde chamou para desculparse porque lle saíra unha obriga ineludible. "Propúxome –lembra o propietario– quedar a última hora da tarde para pagarme a fianza e 2 meses por adiantado á vez que eu lle entregaría as chaves. Xa non tiña dúbidas de que se o facía, serían os únicos cartos que vería do aluguer polo menos nun ano. Sen intención de cerrar trato algún, estiven discutindo con ela a forma de asinalo. Podíame amosar cabreado, insultala e colgarlle, pero decidín que polo menos ía facerlle perder 5 minutos de tempo e escoitala a ver  por onde saía, se a pillaba nalgunha contradición ou indicio dela. E si, pilleina. Díxome que ela non quería tratos con axencias porque eran entidades de usura, que ela era unha muller respectable que traballaba na casa duns médicos de Santiago aos que lle coidaba os nenos, que Facenda non tiña por que saber do noso contrato e comezou a dicir cousas sen xeito."

Pois nin era mestra nin respectable. "E colguei –remata o propietario–, convencido de que esta señora traballa por conta de okupas profesionais con un argumentario que apela á empatía, aos sentimentos nobres da cidadanía e á resolución rápida do aluguer. A mesma técnica dalgunhas empresas que chaman por teléfono para que contrates o seu servicio." @mundiario