Impulsa A Coruña

Cruceros en A Coruña. / Mundiario
Vistas de A Coruña. / Mundiario
O BNG irá a por todas porque pensamos que a cidade necesita un impulso e pensamos que ese impulso só pode vir do BNG. / Artigo en vésperas da presentación da candidatura do BNG.

Este xoves 9 de marzo non vai ser un día calquera para o BNG e, modestamente, aspiramos a que tampouco o sexa para A Coruña. Porque este xoves 9 de marzo, ás 20 horas, en Palexco, presentamos á veciñanza da Coruña a nosa candidatura para as eleccións municipais de 28 de maio.

Unhas eleccións ás que comparecemos con moitas ganas e ilusión. Unhas eleccións nas que o BNG irá a por todas. E irá a por todas porque pensamos que a cidade necesita un impulso e pensamos que ese impulso só pode vir do BNG.

Un alcalde do BNG non se comportará como delegado da Xunta ou do Goberno central. Terá disposición para cooperar e chegar a acordos, pero sempre desde a firmeza, poñendo por diante os intereses da Coruña e dos seus cidadáns.

Iremos a ese 28 de maio co aval do traballo destes catro anos. Con toda humildade creo que ninguén pode dicir que non dialogamos nin soubemos escoitar e que non somos honestos,  traballadores e rigorosos. Achegamos solidez, solvencia e fiabilidade á política municipal.

Iremos a ese 28 de maio con proxecto e con equipo. Traballo e paixón por esta cidade, paixón pola Coruña.

O 28M A Coruña ten ante si tres opcións:

- A opción do retorno ao pasado do PP. Un retorno ao pasado que non leva a ningures.

- A opción do continuismo do PSOE. Unha opción que non nos permitiría saírmos do estancamento.

- E a opción do cambio de rumbo do BNG.

Unha opción que ten o aval da boa xestión que temos máis que acreditada naqueles concellos en que gobernamos, desde Pontevedra até Carballo.

Este 28 de maio, parafraseando unha canción mítica de John Lennon, ímoslle pedir unha oportunidade ás coruñesas e aos coruñeses.

Unha oportunidade non para facer o de sempre, senón para facer unha política distinta,  a política dun Goberno Local que sexa o mellor aliado da enorme forza e do enorme potencial que ten a nosa cidade.

En todo caso, convídovos a estardes presentes no acto de Palexco. A vosa forza será a que nos leve a conseguirmos unha cidade mellor! @mundiario


Francisco Jorquera é portavoz do BNG no Concello da Coruña e candidato á Alcaldía. Presentará a súa candidatura este xoves 9 de maio.

Comentarios