DE BOLINA

É imperiosa unha reforma do artigo 49 da Constitución, un baldón para un grupo importante de cidadáns?

Ejemplar de la Constitución de España. / RR SS
A Constitución.
O Goberno anunciou en diversas ocasións a reforma do artigo 49 da Constitución; a última en outubro de 2020. Pero aí segue coa súa linguaxe sen adaptar e, nos días de hoxe, constituíndo unha afrenta para millóns de persoas.
É imperiosa unha reforma do artigo 49 da Constitución, un baldón para un grupo importante de cidadáns?

O artigo 49 da Constitución española sigue dicindo: “Os poderes públicos realizarán unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos, aos que prestarán a atención especializada que requiran e ampararanos especialmente para o goce dos dereitos que este Título outorga a todos os cidadáns”. Visto desde hoxe e despois de corenta e dous anos de vixencia é o precepto peor redactado da Carta Magna; ademais resulta inútil, excluínte e ofensivo. Aínda que non sexa unha expresión nada técnica: agora non hai por onde collelo. Se fose lexislador presentaría inmediatamente unha moción para suprimilo, non para modificalo.

Non causaría ningún efecto eliminar o artigo 49 da CE

Se o eliminamos non pasaría nada, porque unha persoa con discapacidade é exactamente igual en dereitos e obrigas que calquera outro cidadán e, polo tanto, non fai falta dicir que ten dereito a ser beneficiario da política sanitaria e a non ser discriminado nin excluído. É un máis, punto. Resulta inexplicable e repugnante o establecemento na Constitución dun grupo aparte denominado de “diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos”. Non se debe seguir a aturar esa falta de respecto, cualificando de diminuídos a persoas que, simplemente, viven con algunha discapacidade. Unha cousa distinta é que sexa necesario lexislar con discriminación positiva na normativa ordinaria. Cara ao remate do 2013, despois de asinada a "Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade", xa se aprobou a "Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade", que si emprega linguaxe inclusiva.

No 2018, o Goberno español anunciou o que denominou "a primeira reforma social da Constitución española" dándolle unha volta -non suprimindo- ese malfadado artigo da Constitución. Daquela non seguiu adiante e, agora, no pasado outubro, a vicepresidente primeira do Goberno central dixo que ía propor no Congreso, antes de que acabase 2020, esa modificación constitucional para, basicamente, eliminar o aldraxante “diminuídos” e substituílo por “persoas con discapacidade”; fixo Carmen Calvo que esperaba que se aprobase por unanimidade. Non se fixo nada. Paralelamente, o Pacto de Toledo, tamén a finais de 2020, recomendou a realización de políticas que teñan máis en conta a realidade das persoas con discapacidade e das súas familias, por exemplo reforzando a posibilidade de compatibilizar as pensións de incapacidade co traballo porque facilitaría que os pensionistas con discapacidade puideran equilibrar pensión con salarios modulados.

A sociedade cada vez é máis sensible

Todo isto significa que está enraizando na cidadanía a idea de que as persoas con discapacidade son cidadáns libres e iguais. Temos que continuar non só coa modificación da linguaxe normativa, senón que é imprescindible acadar que esta mensaxe de paridade chegue a todos. Neste ámbito o labor de cada un desde todo tipo de tribunas, colexios, medios, política, comunicación en xeral, ten un valor inconmensurable para axudar a conformar unha sociedade incluínte e non discriminatoria.  Falemos disto. @mundiario

Comentarios