O impacto da eólica nos montes galegos obriga a mirar ao mar
A Comisión Europea di que para conseguir a descarbonización fan falta entre 230.000 e 450.000 MW de eólica mariña para o 2050. Europa conta na actualidade con 22.072 MW de eólica mariña -no 2018 instalaron 2.650 MW, o ano pasado 3.600 MW-. Os máis de 5.000 aeroxeradores dos parques están distribuídos en 12 países, pero a gran maioría son de eólica mariña fixa.
Alemaña, Inglaterra, Estados Unidos e Australia están volcados na eólica flotante, e recentemente outros países como Franza ou Portugal xa instalan aeroxeradores flotantes no mar distantes da costa. En España instalaron no 2019 o primeiro parque eólico mariño en Gran Canaria porque están centrados na eólica terrestre e parece que desprezan as posibilidades de eólica mariña fixa do Mediterráneo ou a de eólica mariña flotante distante da costa no Cantábrico, Atlántico ou Mediterráneo.
En Galicia nas rías e no litoral e nas súas proximidades é acertada a prohibición de instalar parques de eólica mariña fixa -profundidades inferiores a 50 ou 60 m - pero existe na actualidade a posibilidade da eólica mariña flotante de profundidades superiores (centenares de m) afastada da costa , fora da vista, a 20, 30 ou 40 Km de distancia de terra ou incluso máis. En zonas acoutadas pode ser a alternativa a eólica terrestre e os impactos que produce. Chega unha superficie como a do concello de Fonsagrada no mar, pouco máis de 400 km2 para que un parque eólico teña unha potencia equivalente a metade de toda a potencia que temos en terra. No mar o vento e mais regular, constante e seguro e ofrece potencialmente máis xeración.
A eólica flotante, tecnoloxia moi recente, conta no mundo con 45 MW e o 70% está en Europa . Si temos un corredor marítimo fronte a Fisterra e ninguén o cuestiona, por que non un parque eólico flotante?. Aparte a industria naval galega está preparada – xa traballa neste campo para outros países- e pode apuntalar o desenvolvemento desta tecnoloxía con plataformas, sistemas de amarre, fabricación de compoñentes...
Datos de Galicia
Galicia instalou nos montes, durante o ano 2019, máis megawatios eólicos que nos últimos dez anos anteriores xuntos, un total de 18 parques eólicos que suman 415 MW novos que contribúen a que teñamos un total de 3.837 MW, sendo a potencia eólica galega moi importante, da orde do 14,8% da eólica do Estado. Este ano vanse sumar novos parques e algunha repotenciación en parques antigos, as previsións son que antes do 2.030 se consiga duplicar a potencia eólica actual.
As serras e os montes galegos terán cada vez aeroxeradores de maior potencia e máis altos, aumentarán as liñas de alta tensión, as pistas forestais e calquera paisaxe terá o seu parque. Na actualidade 106 concellos contan con parques eólicos de multinacionais, aquí non existen parques comunitarios, mixtos ou cooperativos como noutros países que aporten notables beneficios a poboación. As grandes empresas, deseñan e onde lles interesa colocan un parque, non teñen miramentos, son prepotentes e arrasan o que faga falta, saben que a administración está da sua parte e a xustiza so excepcionalmente paraliza as súas obras (Iribio). O resultado está a vista:
- Flora, fauna e especies endémicas ou protexidas, ameazadas.
- Trazado inadecuado e irracional de moitos Qm de pistas forestais.
- Destrución de xacementos arqueolóxicos mesmo de asentamentos fortificados da idade de ferro .
- Aeroxeradores (en algúns casos) moi próximos a lugares habitados, no caso de Paradela, Lugo, están a escasos 500 m de zonas habitadas (ruído próximo) e liñas de alta tensión soterradas a escasos 20 m das vivendas. Tamén noutros lugares próximos a lagoas catalogadas, fervenzas ...
- Invaden zonas protexidas, xa no ano 2009 o 39% da potencia eólica estaba instalada en zonas de Rede Natura e na actualidade parques novos invaden zonas catalogadas co aval e permiso da Xunta de Galicia.
- En setembro do ano pasado colectivos veciñais e asociacións de Sta Comba, Outes, Negreira, Ordes, Mazaricos, Ponteceso, Samos, Triacastela... denunciaron que a lexislación actual favorece a implantación de muíños «por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións».
- Por si fora pouco, o Goberno Galego modificou o ano pasado a lexislación de prevención de incendios para obrigar a que os propietarios manteñan sin arborado 200 metros en circulo arredor de cada aeroxerador. Con esa disposición, agora a empresa nin siquera terá que expropiar ou alugar grandes superficies. Poderá expropiar unha pequena parte a baixo prezo e esixirlle ao/aos propietario/s que manteñan sin arborado a parte restante.
En resumo, non so asistimos a ocupación industrial dos montes senón tamén a un notable impacto dos parques con perigo/destrución de valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais. A cambio, a economía que reverten é ínfima, entre impostos (Imposto de actividade Económicas, Imposto de Bens inmobles...) , canon eléctrico, licencias ou alugueiros de terreos o que aportan nin chega ao 5% dos benéficos das multinacionais eléctricas – máis do 60% da potencia eólica actual está en Iberdrola, Endesa-Enel Green Power, Naturgy -antes GNFenosa-, e Acciona -.
A alternativa a esta situación obriga a mirar ao mar . Claro que non podemos perder de perspectiva que temos outras posibilidades enerxéticas sen desenrolar (solar, xeotérmica, maremotríz...). Que exportamos máis da terceira parte da electricidade que xeramos. Que as multinacionais envían a Bilbao, Madrid, Italia... o 95% ? dos beneficios da produción eléctrica galega. Mesmo poderían poñer os parques mariños (ou terrestres) en lugares próximos a grandes centros de consumo que non é o caso galego. Así tamén aforrarian as perdas do transporte eléctrico. @mundiario