Hidróxeno e eólica, o gran negocio das eléctricas que mira a Galiza
As eléctricas seguen mirando a Galiza con novos proxectos eólicos, de hidróxeno, bombeo... mentres somos o segundo produtor eólico do Estado, xeramos con fontes renovables o dobre da electricidade que con fontes non renovables e exportamos no 2019 a terceira parte do que demandamos.
Endesa días pasados presentou ante o Ministerio de Transición Ecolóxica vintetrés proxectos de produción de hidróxeno verde cunha potencia total de 340 MW, alimentados con 2000 MW de enerxía renovable. As Pontes figura como o proxecto máis avanzando, que constaría dunha planta de hidróxeno – electrolizador- de 100 MW e seis parques eólicos asociados cunha potencia conxunta de 611 MW, a inversión prevista é de 738 millóns de euros e a produción alcanzaría 10.000 t de hidroxeno verde.
Endesa non é a única eléctrica que mira a Galiza para o hidróxeno verde, Naturgy tamén pretende outra planta de 30 MW para Meirama e outros pequenos proxectos están a espera. No Estado, Iberdrola anunciou fai pouco a construción en Puertollano dunha planta de 20 MW, e Naturgy e Enagás proxectan para León (La Robla) un electrolizador de 60 MW asociado a enerxía solar fotovoltaica de 400 Mw. Outra empresa Repsol ten no punto de mira o porto de Bilbao.
Calma na UE
Na Unión Europea o tema do hidróxeno verde tómase con certa calma e esperan posiblemente que sexan os países do Sur os que subministren no futuro ao resto dos países. Quen parece apurar é Xapón que vai substituíndo nucleares por renovables e puxo a funcionar no 2020, en Fukushima, o electrolizador considerado como máis grande do mundo que ten unha potencia de 10 MW e utiliza enerxía renovable en excedente.
A febre renovable non queda no hidróxeno, tamén se mantén na eólica e solar, días pasados unha empresa Capital Energy era o gran vencedor da poxa eólica do Estado con 620 MW, seguida de Greenalia con 125 MW, curioso e sorprendente que de 998 MW totais, vaian 745 MW para dúas empresas que van facerse “grandes”, empresas que teñen no punto de mira a Galiza, moi excedentaria de enerxía, no ano 2019 enviamos fora o equivalente a terceira parte da demanda eléctrica galega, e no ano 2018 foi a metade (ver cadro).
Mentres isto ocorre :
a) A Xunta non parece que lle importen as nosas posibilidades potenciais no mar con enerxia das olas, mareas, correntes ... nin tampouco contesta a petición pública sobre eólica (novembro do 2020), onde sesenta colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal, cultural e plataformas de persoas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos na Galiza, promoveron o manifesto "Aldeas con Horizonte" , onde se reclama a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país un modelo de implantación desta enerxía máis ordenado, sostíbel, social, participativo, xusto e racional.
Tamén resulta incríbel que mentres se anuncian novos proxectos eólicos de centenares de MW, se pretenda desmantelar a pouca industria eólica que temos (Siemens-Gamesa), cando fomos pioneiros no século pasado e o Goberno deixou pasar de largo a oportunidade industrial que colleron outros, sorprende que a Xunta se centre moito máis na térmica das Pontes que no peche da planta de palas eólicas.
b) O Goberno galego e algún alcalde (PSOE) sosteñen que Endesa non pode desmantelar a térmica de As Pontes, mesmo acúsana de presentar Informes cheos de falsidades, fraudulentos, manipulados, e demandan do Goberno central que non autorice o peche da térmica de As Pontes mentres non se utilice o uso de lodos de depuradora na combustión. Pola contra Endesa afirma que as probas de “biocombustible ( ? )” en As Pontes mostran a “ inviabilidade ambiental, técnica e económica da central”. Onde está o interese pola descarbonización na Xunta ? Quizá podamos explicar a postura, porque de aceptar o peche o Goberno Galego quedaría sen “solución” para os lodos o que significa que ten un problema importante que tiña que ter resolto fai anos e que agora ten que resolver.
En definitiva mentres os gobernantes están engarzados en liortas locais e miopes e nos teñen entretidos, amosan que son incapaces de resolver os problemas (lodos) e que non lles importa protexer o medio ambiente e a economía de grupos multinacionais de rapina. Estes non se dormen e están moi adiantados e presentan os seus proxectos, esperando coller cuantiosas e xugosas axudas e subvencións procedentes de Europa, e seguir chuchando dos territorios como Galiza sen importar os custos sociais. @mundiario