Hidróxeno e eólica, o gran negocio das eléctricas que mira a Galiza

Representación de una molécula. / Ananda Sandra en Pixabay
Representación dunha molécula. / Ananda Sandra en Pixabay
Endesa non é a única eléctrica que mira a Galiza para o hidróxeno verde, Naturgy tamén pretende outra planta de 30 MW para Meirama e outros pequenos proxectos están  a espera.
Hidróxeno e eólica, o gran negocio das eléctricas que mira a Galiza

As eléctricas seguen mirando a Galiza con novos proxectos eólicos, de hidróxeno, bombeo... mentres somos o segundo produtor eólico do Estado, xeramos con fontes renovables o dobre da electricidade que con fontes non renovables  e exportamos  no 2019  a terceira parte do que demandamos.

Endesa días pasados presentou ante o Ministerio de Transición Ecolóxica vintetrés proxectos  de produción de hidróxeno verde cunha potencia total de 340 MW,  alimentados con 2000 MW de enerxía renovable. As Pontes figura como o proxecto máis avanzando, que  constaría dunha planta de hidróxeno – electrolizador-  de 100 MW e seis parques eólicos asociados cunha potencia conxunta de 611 MW,  a inversión prevista é de 738 millóns de euros e a produción alcanzaría 10.000 t de hidroxeno verde.

Endesa non é a única eléctrica que mira a Galiza para o hidróxeno verde, Naturgy tamén pretende outra planta de 30 MW para Meirama e outros pequenos proxectos están  a espera. No Estado, Iberdrola anunciou fai pouco a construción en Puertollano dunha planta  de 20 MW, e Naturgy e Enagás  proxectan  para León (La Robla)  un electrolizador de 60 MW asociado a enerxía solar fotovoltaica de 400 Mw. Outra empresa Repsol ten no punto de mira o porto de Bilbao.

Calma na UE 

Na Unión Europea o tema do hidróxeno verde tómase con certa calma e esperan posiblemente que sexan os países do Sur os que subministren no futuro ao resto dos países. Quen parece apurar é Xapón  que vai substituíndo nucleares por renovables e puxo a funcionar no 2020, en Fukushima, o electrolizador  considerado como máis grande do mundo  que ten unha potencia de 10 MW  e utiliza enerxía renovable en excedente. 

A febre  renovable non queda no hidróxeno, tamén se mantén na eólica e solar, días pasados unha empresa Capital Energy  era o gran vencedor da  poxa  eólica do Estado con 620 MW, seguida de Greenalia con 125 MW, curioso e sorprendente que de 998 MW totais, vaian 745 MW para dúas empresas que van facerse “grandes”, empresas que teñen no punto de mira a Galiza, moi excedentaria de enerxía, no ano 2019 enviamos fora o equivalente a terceira parte da demanda eléctrica galega, e no ano 2018 foi a metade (ver cadro).  

Balance enerxético. / Mundiario

Mentres isto ocorre   :

a) A Xunta non parece que lle importen as nosas posibilidades potenciais no mar con enerxia das olas, mareas, correntes ... nin tampouco contesta a petición pública sobre eólica  (novembro do 2020), onde sesenta colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal, cultural e plataformas de persoas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos na Galiza, promoveron o manifesto "Aldeas con Horizonte"  , onde se reclama a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país un modelo de implantación desta enerxía máis ordenado, sostíbel, social, participativo, xusto e racional. 

Tamén resulta incríbel que mentres se anuncian novos proxectos eólicos de centenares de MW, se pretenda desmantelar a pouca industria  eólica que temos  (Siemens-Gamesa), cando fomos pioneiros no século pasado e o Goberno deixou pasar de largo a oportunidade industrial que colleron outros, sorprende que a Xunta se centre moito máis na térmica das Pontes que no peche da planta de palas eólicas. 

b) O Goberno galego e algún alcalde (PSOE) sosteñen que Endesa  non pode desmantelar a térmica de As Pontes, mesmo acúsana de presentar Informes cheos de falsidades, fraudulentos, manipulados, e demandan do Goberno central que non autorice o peche da térmica de As Pontes mentres non se utilice o uso de lodos de depuradora na combustión. Pola contra Endesa afirma que as probas de “biocombustible ( ? )”  en As Pontes  mostran a “ inviabilidade ambiental, técnica e económica da central”. Onde está o interese pola descarbonización na Xunta ? Quizá podamos explicar a postura, porque de  aceptar o peche  o Goberno Galego quedaría sen “solución” para os lodos o que significa que ten un problema importante que tiña que ter resolto fai anos e que agora ten que resolver.

En definitiva mentres os gobernantes están engarzados en liortas locais e miopes e nos teñen entretidos, amosan que son incapaces de resolver os problemas (lodos) e que non lles importa protexer o medio ambiente e a economía de grupos multinacionais de rapina. Estes non se dormen e  están moi adiantados e presentan os seus proxectos, esperando coller cuantiosas e xugosas axudas e subvencións procedentes de Europa, e seguir chuchando dos territorios como Galiza sen importar os custos sociais. @mundiario

Comentarios