As hemerotecas e o discurso de Feijóo

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Ten sentido disolver un Parlamento mes e medio despois de aprobar os orzamentos de 2020 -cos votos exclusivos do PPdG- sen ter asegurada unha execución minimamente congruente dos mesmos?
As hemerotecas e o discurso de Feijóo

Exercendo a potestade contemplada na lexislación vixente, Alberto Núñez Feijóo decidiu disolver o Parlamento galego e convocar eleccións para o vindeiro 5 de abril, data elixida previamente polo presidente vasco Iñigo Urkullu para realizar os comicios á Cámara lexislativa da súa comunidade.

Con esta medida, o máximo dirixente do PPdG incumpriu os compromisos verbais anunciados nos últimos meses. O argumento de que a política galega dispuña dunha estabilidade envexábel que non esixía alterar o calendario electoral ordinario que establecía o remate da lexislatura no outono do presente ano ficou anulado mediante unhas apelacións carentes de consistencia (“a coincidencia co País Vasco é o mellor para Galiza e para España” ou “é preciso evitar unha longa campaña electoral de 8 meses”). Se para Urkullu a preservación da singularidade que posúe a dinámica política vasca é o principal factor motivador do cambio no calendario, para Feijóo a especificidade galega non existe a pesar de que presume habitualmente das súa tres maiorías absolutas consecutivas. E o de evitar unha prolongada campaña establece un pintoresco precedente: seguindo esta lóxica, as lexislaturas non deben completar os catros anos previstos para neutralizar as tentacións electoralistas das forzas competidoras. Por non falar do xuízo implícito que latexa nesas palabras do actual presidente: o seu goberno seica é un ente anxelical que non vai aproveitar as semanas que faltan para o 5 de abril en beneficio da publicidade da súa marca e do seu candidato.

A pesar do que din os seus fans, Alberto Núñez non se comportou como un político “serio” e “responsábel”. Por que non mantivo a súa palabra de rematar a lexislatura sen deixarse influír por escenarios e decisións exteriores? Por que mantivo a incertidume sobre a súa presentación para rematar na caricatura dunha aclamación cesarista montada en 24 horas? Ten sentido disolver un Parlamento mes e medio despois de aprobar os orzamentos de 2020 -cos votos exclusivos do PPdG- sen ter asegurada unha execución minimamente congruente dos mesmos? Onde fica, ao cabo, esa retórica de “Galiza, Galiza, Galiza” que preside todas as comparecencias presidenciais?

Haberá quen afirme, con fundamento, que Feijóo careceu de orixinalidade e operou coa lóxica, pura e dura, do cálculo derivado das sondaxes que teña na súa man. Posibelmente sexa iso e non esa surrealista superstición de que a coincidencia cos comicios vascos outórgalle -por tradición- unha maior probabilidade de vitoria.

A menos de dous meses da cita coas urnas, a pregunta resulta pertinente: quen chega con mais fortalezas -ou con menos feblezas- a esta importante confrontación? Unha análise comparativa co sucedido nos anos 2012 e 2016 permite afirmar que o PP presenta unha maior vulnerabilidade mentres as forzas da oposición dispoñen dalgunha vantaxe que daquela non tiñan. Feijóo gañou -sobre todo no 2016- porque, ademais de contar co “goberno amigo” de Madrid, tiña enfronte un Partido Socialista moi debilitado e dividido pola polémica sobre a abstención facilitadora da investidura de Rajoy. Agora, os ventos non son favorábeis: desgaste polo labor realizado dende San Caetano, derrota en case todas as cidades nas municipais de 2019, nas europeas e tamén nas xerais do pasado mes de abril. Para completar o cadro, o Executivo do Estado está presidido por un socialista e o PP padece unha evidente devaluación no escenario electoral (aparición de Vox, divisións internas...).

Vai ser capaz de aproveitar estas oportunidades a oposición galega actual? Velaquí a interrogante mais transcendental de cara ao 5-A. A condición necesaria requirida para facer realidade a derrota de Feijóo é a consecución do máximo aproveitamento electoral de todas as partes concernidas. Iso vai esixir actuar con notábeis doses de xenerosidade. Se, finalmente, iso non fora suficiente, ninguén podería reprochar que non se intentou. Senón, os votantes ubicados nos territorios da esquerda e do nacionalismo poderían penalizar a non existencia dunha vontade política posibilitadora dos denominadores comúns. @mundiario

 

 

As hemerotecas e o discurso de Feijóo
Comentarios