Heidi Künh, o colibrí dourado

Heidi Künh. / Mundiario
Heidi Künh. / Galaxia

Heidi Kühn Bode (Baviera, Alemaña, 1945), falecida na Coruña aos 74 anos de idade, era filóloga, intérprete, escritora e profesora. É autora de sete libros infantís de narrativa e teatro, entre eles Os mundiños.

Heidi Künh, o colibrí dourado

Naqueles anos nos que en Galicia convivían as viúvas dos vivos coas viúvas dos mortos un mozo de Ordes marchou con equipaxe lixeiro en pertenzas pero pesado en esperanzas cara Alemaña, onde o esperaba unha irmá, que se lle adiantara naquel éxodo, e un traballo nunha tenda de suministros para buques na cidade de Hamburgo.

A muller daquel mozo e a súa pequena filla, aínda bebé, viaxaron cara o mesmo país para reunirse con el un poucos meses despois. Eran anos de emprender, de marchar (ou fuxir) e de medrar.

O matrimonio, temeroso do desarraigo coa terra, voltaba cara verán á vila, unha vila que os recibía con caras coñecidas, agarimo e apegos; unha vila na que a pequena sempre era a novidade.

Tal vez por eses apegos, doce anos despois da súa partida, con máis peso nas maletas, decidiron voltar. El sempre contaba que non quería ser como aqueles que ao marchar da terra comezaban a alabar a nova patria e a esquecer a patria nai; ela contaba que non quería que os seus pais non visen medrar á neta.

Pasaron poucos días dende a súa chegada cando se reuniron co director do recén construido centro escolar da vila. Era un home serio e ríxido, como a política da época que foi quen decidíu que o mellor para que aquela nena “evolucionase” cara o nivel requerido polo sistema educativo español era atrasala dous cursos.

A nena tivo que adaptarse a un sistema educativo que con superioridade (autoatribuída) e a forza que lle otorgaba a relixión poñía en tela de xuizo todos os coñecementos que ela traía de Alemaña e non tardou en comezar a marchitarse: os días na vila xa non eran como os días das festas de Santa María en verán, ela xa non era a novidade e cada tarde marchaba para casa coa tristura dunha nova reprimenda, ben por levar unha saia demasiado curta a xuizo da mestra ou ben por non saber rezar correctamente un rosario.

O pai non se rendíu e levou á filla a estudar na Coruña pois contáranlle que no colexio Compañía de María tiñan unha profesora de Alemaña que podería facer que a súa pequena non perdera o contacto co idioma.

Mudou un pouco o ambiente para a nena pero o cambio real chegou cando coñeceu á profesora, unha muller de cabelo dourado solto e saias de cores que lle falaba en alemán e lembráballe os brezel, a neve e o kartoffelbrei un país aínda de cor gris marengo.

Pasaron os anos e eu, con doce anos tamén, coñecín a aquela profesora. Foi un día de setembro, bastante tristón que ameazaba a choiva. Eu saía cos meus país dun restaurante que sigue a estar cerca do cemiterio de San Amaro na Coruña; atopámonos á profesora na rúa, ía cun amigo escritor que viñera de Cuba para unha presentación literaria en Santiago, dirixíanse a coller un tren.

En apenas dous minutos ela falounos de literatura, da súa familia, de Alemaña, da emigración, do tempo… falaba profundo pero alegre, levaba unha saia de cores e o cabelo louro e alborotado. Pareceume tan moderna e especial que por un momento creo que os defuntos de San Amaro se achegaron á porta a ver de onde proviña tanta enerxía.

O meu pai, contaxiado tamén por todo o que a profesora contaba, ofreceuse a levalos a Santiago e no camiño ela foi contando cousas e preguntándome outras tantas. Se cadra por eso a lembro especialmente, porque non hai demasiados adultos que decidan conversar cunha nena dándolle tanta importancia ó que esta di e sen mostrar superioridade por experiencia ou idade.

Aquel colibrí dourado era Heidi Künh, o mozo que marchou para Alemaña era meu avó Xosé Manuel e a nena que se sentíu rara en Galicia ata coñecer a Heidi é miña nai; por eso eu tiven a sorte de poder coñecela e escribir este recordo de nena para Galaxia. @mundiario

Comentarios