Hai 175 anos, en abril de 1846, Galicia viviu a súa revolución democrática e nacional

Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro.

Polo seu carácter de reivindicación nacional, dirección civil, apoio social e ideoloxía democrática conéctase co 1848 europeo.

Hai 175 anos, en abril de 1846, Galicia viviu a súa revolución democrática e nacional

Este abril cúmprense 175 anos da revolución de abril de 1846, que Francisco Tettamancy nomeou aqueladamente “a revolución galega de 1846” e que nós, dende a perspectiva deste 2021 ben a podemos chamar a revolución democrática galega de 1846.

No pasado faltou certa historiografía que negou a galeguidade desta revolución e inseriu estes feitos na liorta política estatal entre os partidos moderado e progresista, liorta que se transladou ao longo de máis de sesenta anos do século XIX a cadansúas faccións do Exército español, que puñan e guindaban gobernos a medio de continuos pronunciamentos.

Mais a revolución galega de abril de 1846 non se insire nesta tirapuxa de pronunciamentos senón que se alicerza nunha tépeda rede civil  e mesmo nun moi salientábel apoio popular. Por unha banda, as unidades militares alzadas encádranse nun Exército Libertador de Galicia, dependente  dunha Xunta Superior de Goberno de Galicia (constituída o 15 de abril) que declara nulos os actos do Goberno central, pon as Xuntas revolucionarias locais ás súas ordes e ordena constituir novos concellos, sen recoñecer ningunha caste de Superioridade. Por outra banda, os profesores e estudantes da Universidade compostelá intégranse nun Batallón Literario de 300 prazas, mentres moitos comerciantes, artesáns e mesmo labregos constitúen os novos concellos suxeridos pola Xunta. A correspondencia entre o xeógrafo Domingo Fontán e o seu irmán Andrés relatando como os obreiros da súa fábrica de papel de Lousame constitúen unha nova Xunta municipal é boa proba deste apoio popular.

Converxen no discurso desta Xunta Superior do Reino de Galicia a ideoloxía  democrática representada no seu presidente, Pío Rodríguez Terrazo, primeiro alcalde constitucional de Compostela  no 1834 (e tataravó do noso creador cultural multimedia Antón Reixa) e a ideoloxía nacional galega do provincialismo dos mozos da xeración de Antolín Faraldo, secretario da Xunta, autor dos seus manifestos no seu xornal oficial La Revolución. Xa que logo, como revolución democrática, o 1846 galego está moito máis conectado coa revolución do 1848 francés ou austriaco ca coa historia dos pronunciamentos militares españois. E como revolución nacional galega, ten moito máis a ver co proceso de unidade italiano reactivado  por Cavour e Garibaldi no 1848-1849 ca coa propia historia do XIX español.

A revolución de abril de 1846 non foi outro pronunciamento decimonónico e español. Polo seu carácter de reivindicación nacional, dirección civil, apoio social e ideoloxía democrática conéctase co 1848 europeo, tanto na vertente de reivindicación nacional como na de apelación democrática.

Outro elemento que sinalou a diferenza con outros procesos españois foi a gravísima represión daquel abril de lume e ferro, non só presente no fusilamento dos líderes militares (os mártires de Carral), senón no tratamento que se lle deu á poboación civil (saqueo de Compostela o 26 de abril e graves abusos en Lugo despoos da súa rendición sen combate  o 28). Os exércitos de De la Concha actuaron como en terra extranxeira conquistada. Velaí, quizais, a causa das temperás medidas de indulto para os exiliados.    

Foi a fusión destes elementos democrático e nacional a que atraeu ao relato democrático á seguinte xeración galeguista (Murguía, Rosalía de Castro, Pondal, Aguirre) e conectaron para o futuro o sector maioritario do protonacionalismo e do nacionalismo galegos cos ideais liberais e demócratas.

Coñecer o pasado é fulcral para entender o presente e gañarmos o futuro. E, tratándose do noso pasado, cómpre que sexamos nós quen o contemos desbotando o relato que nega a nosa existencia, a nosa orixe e o relato do que nós somos. @mundiario

    

Comentarios