A gran maioría da poboación da provincia da Coruña respirou no 2018 aire contaminado

Refinería de Repsol en A Coruña.
Refinería de Repsol na Coruña.

Trátase de aire contaminado por partículas finas (PM2,5) por riba dos valores recomendados pola OMS. Xa que logo, respirouse aire pouco saudable, na gran maioría dos casos dentro da “laxa e permisiva" lexislación máis interesada en beneficiar as industrias que en protexer a saúde e o medio ambiente.

A gran maioría da poboación da provincia da Coruña respirou no 2018 aire contaminado

A  lexislación vixente para partículas (PM 2,5) contempla un límite medio anual  na Unión Europea de 25 microgramos por metro cúbico (ug/m3), e no ano 2020 limitarase a 20 ug/m3. Este valor é 2,5-2 veces maior que as directrices propostas pola Organización Mundial da Saúde, OMS, que fixa un máximo de 10 microgramos por metro cúbico.

Actualmente sábese que determinados tipos de cancro e diabetes, danos cardiovasculares, ictus, enfermidades pulmonares e mesmo morte prematura teñen relación coas substancias contaminantes que botamos a atmósfera –contaminantes primarios–, e cada vez dáselle máis importancia  os novos contaminantes   formados a partir dos gases  emitidos que se forman por reaccións químicas coa luz solar – contaminantes secundarios–. As partículas son so un exemplo  deste tipo de contaminantes xa que se emiten directamente e tamén se orixinan a partir de gases como dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno...por eso teñen como compoñentes sulfatos, nitratos, amoníaco, cloruro de sodio, metais pesados ...

As partículas son un dos  contaminantes  que implican efectos sanitarios incluso en moi baixas concentracións xa que non teñen identificado ningún limiar por debaixo do cal no se observen danos para a saúde humana. As  Partículas finas –diámetro inferior a 2,5 microns (PM2,5)– penetran nos pulmóns mais ao fondo que as partículas grandes (PM10) e atravesan a barreira pulmonar entrando no sistema sanguíneo e distribuíndose polo organismo. A  Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que as partículas son un indicador representativo común da contaminación do aire,  e xa  que afectan a mais persoas que calquera outro contaminante miraremos a situación actual na provincia de A Coruña, deténdonos na Coruña, Ferrol e Santiago.

Existe unha Rede da Xunta de medida da contaminación cuxos resultados  para o ano pasado con relación as partículas finas (PM2,5) foi:

> Medias anuais. Valores comprendidos entre 13 e 15 microgramos/metro cúbico (ug/m3) nas cidades de A Coruña e Santiago de Compostela, valores que superan nestas dúas cidades as directrices da OMS para PM2,5 fixadas en 10 ug/m3.  Ferrol estaría dentro de valores  recomendados ao  ter unha media anual de 8,1 ug/m3.

> Medias mensuais. As medias mensuais ao longo do 2018  superan os valores da OMS  tanto na Coruña como en Santiago, e nesta última cidade ningún mes tivo medias mensuais  por baixo de 10 ug/m3. Ferrol unicamente en maio presentou valores superiores (11 ug/m3).

> Valores horarios. Nas tres cidades e en todas as estacións supéranse moitas veces, en días distintos, os valores recomendados pola OMS.

As grandes-medianas industrias teñen unha Rede privada de medida da contaminación (non sempre ben ubicada) e durante o 2018 algunhas estacións presentaron valores  anuais que superaron amplamente os valores recomendados pola OMS, algunha estación de Alcoa Inespal, Megasa, Naturgy... superan en medias anuais  valores de 10 ug/m3 , no caso da estación de A Grela na Coruña incluso supera este valor en medias mensuais durante os 12 meses do ano.  Outras estacións de Repsol,  Endesa, Finsa ... presentan  valores horarios elevados  en algún momento do día ou mesmo nas medias mensuais.

A cidade de Ferrol si ben na “estación de tráfico” ten valores dentro do recomendado pola OMS,  nas “estacións industriais” non sucede o mesmo, xa que  aparece na estación de Xubia (Megasa)  contaminación durante 9 meses ao superar as medias mensuais os 10 ug/m3 s e mesmo a media anual que ten o valor de 11 ug/m3. Todo indica que en Ferrol a problemática ambiental é industrial máis que doutras fontes. 

Estes datos permiten ver que a gran maioría da poboación da provincia da Coruña respirou no 2018 aire contaminado por partículas finas (PM2,5) por riba dos valores recomendados pola OMS e polo tanto respirou aire pouco saudable, eso si na gran maioría dos casos dentro da “laxa e permisiva “ lexislación vixente interesada máis en beneficiar as industrias que en protexer a na nosa saúde e o medio ambiente.

A situación parece non mellorar no 2019, por exemplo na Rede da Xunta nos últimos 19 días (15 maio-2 xuño) as medias diarias  en Santiago  superaron os 10 ug/m3 nun total de 11 días, en A Coruña (Riazor) superáronse durante 16 días e en Ferrol durante 3 días. En valores horarios no mesmo período en máis da metade do tempo superouse os 10 ug/m3 e incluso entre o 6-9 % das horas superaron os 20 ug/m3.   A información en Meteogalicia (consulta de datos de calidade do aire)  da rede  industrial non ofrecía datos en tempo real ao público.

A causa da contaminación está nas altas emisións

As partículas  son contaminantes que se emiten polas industrias, automóbiles e transportes, calefaccións... e resulta difícil separar a veces a orixe da contaminación en particular nas cidades que teñen industrias moi próximas como sucede na Coruña ou Santiago. U nha das formas de achegarse a contaminación industrial  e ver o Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes, PRTR, onde declaran as grandes e medianas instalacións industriais que chegan a un determinado limiar de emisión – exclue a pequena industria–, aquí figura a provincia de A Coruña  con cerca de un centenar de instalacións (5 de combustión, 14 de minerais e química, 18 da madeira, alimentación e bebida, 22 de gandería e acuicultura intensiva, 13 de produción e transformados metálicos, 16 de xestión de residuos...). Figuran na provincia 36 instalacións que emiten partículas aparte de 43 instalacións que botan dióxido de carbono, 57  dióxido de carbono, 58  óxidos de nitróxeno, 32 que emiten mercurio, 37  níquel, 15  benceno, 6 naftaleno... todas  grandes ou medianas empresas : centrais térmicas de carbón, refinería, fábrica de  aluminio,  fábricas de taboleiros, fábricas de ferroaliaxes  e produtos de aceiro, centrais de coxeración ...

Galicia está entre os principais emisores no Rexistro PRTR, con 1.751 toneladas de partículas emitidas a atmósfera no 2017, que equivale ao 15,5% do total do Estado aparte do 18% de dióxido de xofre, 12% de óxidos de nitróxeno, 13% de cadmio, 14% de níquel, 19% de mercurio, 46% do naftaleno, 45% de Compostos Orgánicos Volátiles, 26% de flúor, ... sendo a provincia de A Coruña a principal emisora destes e outros contaminantes en Galicia. 

Conclusión

Galicia ten unha contaminación moi superior a que “teórica e comparativamente co resto do Estado” lle podía corresponder por poboación, extensión xeográfica (km2), grado de industrialización, nivel de desenvolvemento e nivel de vida,  valores de PIB ...  non so referida a partículas senón a outros contaminantes como ozono troposférico, metais pesados, naftaleno, benceno, dióxido de xofre, dióxido de carbono...    A Coruña, Santiago e Ferrol presentan valores  que dentro da lexislación están moi por riba do nivel que recomenda a OMS e polo tanto con contaminación importante con risco para a saúde, situación que non é de agora senón que ven desde anos atrás.

A situación é coñecida de sobra  polos organismos públicos e autoridades sanitarias pero prefiren ignoralo e mirar para outro lado. En Galicia pódese estimar que máis de 3.000 persoas/ano terán morte prematura causada pola contaminación (case 1.300 na Coruña ?) e seguirán dándose problemas de saúde. De seguir así a situación acentuarase co paso do tempo dándose máis desequilibrios e problemas nos ecosistemas (pragas, diminución da produción...)  que repercutirán económicamente. Conseguir que  a atmósfera que respiramos estea dentro dos límites recomendados pola OMS  serviría non so para para reducir entre o 30 e o 50% algúns cancros senón tamén para  contribuír a recuperar o equilibrio do  medio ambiente.  A contaminación e o medio ambiente na Coruña ten que estar entre os temas prioritarios na axenda dos grupos políticos. Estará? @mundiario

Concentracións medias na atmósfera en 2018

Partículas (PM 2,5). Estacións con valores que estarían por riba dos valores guía da OMS. 

Concentracións medias na atmósfera. / Mundiario

Fonte: Elaboración propia a partir de Meteogalicia. Xunta de Galicia. Informes mensuais e anual 2018.

 

Comentarios