Buscar

Good morning, Ginzo

Javier Ortega Smith perdeu as referencias históricas dun dos homes que a maioría dos galegos recoñecen como guía dun país: Castelao.

Good morning, Ginzo
Alfonso R. Castelao.
Alfonso R. Castelao.

Firma

Antón Luaces

Antón Luaces

El autor, ANTÓN LUACES, es columnista de MUNDIARIO. Está especializado en información marítima. @mundiario

Tivo que vir a campaña electoral e que esta trouxera a Xinzo de Limia ó secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith. Tivo que ser o sábado, para que o secretario xeral de Vox trousara en Ginzo (así o dixo) o que probablemente dende hai anos lle coce na andorga: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é un “racista, antiespañol e xenófobo”. É o resultado dunha “descuberta” realizada por quen non ten reparos  en facer probas contra unha diana con arma real. El, Ortega Smith, non é racista: é branco de toda a vida. Tampouco é antiespañol: ben se ve. E de xenófobo nada ten: naceu así, como é, e non precisa remuda porque vai seguir sendo o que sempre foi. Simplemente, trabucóuse en Xinzo e foi parar a un Ginzo que ecoa no río Limia coa festa do Esquecemento.

Javier Ortega Smith perdeu as referencias históricas dun dos homes que a maioría dos galegos recoñecemos como guía dun país entreverado na súa composición por “pantallas” que, con moita fechenda, fan cada ano a miragre do fareleiro, o oleiro, o corredoiro, o entroido e a piñata para que xente coma o señor Smith teñan que contar das súas experiencias na desecación, hai pouco máis de 60 anos, da lagoa de Antela. Mais el, como secretario xeral de Vox que é, non ten que esforzarse moito: na fragua de Baldomero, onde o carbón sempre era vexetal, calificar ao noso Castelao de “racista, antiespañol e xenófobo” é unha brincadeira á que recorre cando ten que se referir ao que non coñece nen, moito menos, estima. Porque el non e racista, repito. Nen siquera ten trazas de militar na xenofobia. E o seu antiespañolismo brila pola súa ausencia. É, o señor Smith, un home que veu confundido a Ginzo, talvez desestructurado polos efluvios das moi estimadas patacas da Limia.

Eu sei que o señor Ortega Smith está molesto con Castelao porque este escribía “Hespaña” con “h” noutra brincadeira persoal que non acae debidamente ao secretario xeral de VOX, meu pobre, que non o entende, non.

Sendo así, coido que Vox seguirá sen acadar aquí, na terra que ama a Castelao, aquilo que máis lles presta ós que non son quen de recoñecer que as persoas non se miden pola intención de quen critica sen coñecemento nen causa. E que o mellor que pode facer é fincar os pés no lamazal de Antela en noite de lúa chea (que é cando os abrochos das boas ideas agroman de seu).

Sexa como for, good morning , míster Smith. Benvido a Xinzo de Limia. @mundiario