Gonzalo Caballero: "Serán as primarias as que decidan quen será o candidato do PSdeG"

Gonzalo Caballero no programa Bos Días. / TVG
Gonzalo Caballero no programa Bos Días. / TVG
“Eu estou convencido que haberá unhas primarias en que haberá uns candidatos e candidatas coa capacidade de endereitar, de fortalecer e de redimensionar. A min preocúpame que o PSdeG non teña esa forza”, dixo.
Gonzalo Caballero: "Serán as primarias as que decidan quen será o candidato do PSdeG"

“Serán as primarias as que decidan quen será o candidato do PSdeG”, dixo Gonzalo Caballero, deputado e exsecretario xeral do PSdeG - PSOE, que acudiu este martes ao plató do ‘Bos Días’ da TVG nunha entrevista en que respostou á pregunta de se se pensa presentar como candidato á presidencia da Xunta explicando que aínda que lle encanta o servizo público, pensar nunha candidatura non é a súa prioridade.

“Tomarei en cada momento a mellor decisión para fortalecer o PSdeG”, sinalou Gonzalo Caballero,, quen explica a súa actividade como deputado do PSdeG dicindo que no Parlamento está “dedicado a traballar polos galegos e as galegas levando a responsabilidade da área económica, función pública e universidades. Traballando polo día a día dos galegos”.

O deputado socialista incidiu en que “en Galicia hai moitas necesidades no día a día da xente: os prezos están crecendo máis que no conxunto do Estado. En Galicia temos previsións económicas que nos sitúan na cola do crecemento económico en 2023, hai moitas familias que non chegan a fin de mes, temos problemas na sanidade pública, listas de espera na atención primaria, problemas en industria, cada día hai sete autónomos menos en Galicia, hai problemas en educación”.

Sobre a posibilidade de volver presentarse como candidato á secretaría xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insistiu en que el está dedicado ás súas tarefas parlamentarias, e “cando corresponda será a militancia do PSdeG a que en primarias designará o candidato ou candidata que considere mellor, con máis opcións, para facer fronte aos gobernos do PP e desde logo para dar unha remuda aos gobernos da dereita en Galicia. Esa é a miña posición”.

“Eu vou defender aquilo no que creo, que é un proxecto de esquerdas forte que confronte co PP, que o faga cun proxecto galeguista, cun proxecto de esquerdas, cun proxecto ecoloxista e feminista. Ese é o proxecto do PSdeG no que eu creo e con total lealdade ao conxunto da organización, hai cidadáns que me paran na rúa e me piden que confrontemos co PP, que cambiemos as políticas de sanidade ou os libros de texto gratuítos, comedores escolares gratuítos para axudar as familias, e para iso creo que hai que confrontar”, manifestou Gonzalo Caballero

Neste momento de confrontacións extremistas di o deputado do PSdeG que entende que o “PP é un partido constitucionalista, un partido de dereitas, non considero que o PP sexa un partido fascista, nin moito menos, creo que ten algúns tics que a min non me gustan, non me gusta que pacte coa ultradereita”. 

Salienta Gonzalo Caballero, que nos catro anos que foi secretario xeral traballou arreo: “durante catro anos aparquei todo, incluso en algún momento me arrepinto de aparcar tanto as cuestións familiares, pero fíxeno dedicado a algo no que creo, a unha Galicia mellor”. “Creo en Galicia, nunha Galicia que Feijóo deixou despois de 13 anos con 100.000 galegos menos, con 65.000 traballadores ocupados menos e cunha Galicia que representaba o 5,3 % da produción en España e pasou a representar o 4,9 %. Galicia quedou máis cativa con trece anos de goberno de Feijóo”, incidiu.

Gonzalo Caballero considera tamén que a marcha de Feijóo era e é unha oportunidade de ouro para que a esquerda poida coller a remuda, “e ese é o reto que eu asumo para min, como militante, como cidadán, pero tamén para o meu partido”. “Polo tanto, eu tomarei en cada momento a mellor decisión para fortalecer o PSdeG e dar esa alternativa na que creo, esa alternativa que é necesaria. Sen dúbida, creo que hai unha oportunidade que non podemos desaproveitar”, afirmou.

Non lle parece oportuno a Caballero abrir neste momento abrir o debate do candidato á presidencia da Xunta, un debate que abriu o actual secretario xeral do PSdeG, logo de dicir Formoso que daría un paso atrás se se presenta José Ramón Gómez Besteiro. Caballero di que “agora o que nos toca é centrarnos nas eleccións municipais, é algo que dixen ao longo destes últimos días porque a dirección do partido abriu un debate sobre a candidatura á presidencia da Xunta que eu creo que neste momento é inoportuno”.

Gonzalo Caballero salientou así mesmo que o balance do seu período á fronte do PSdeG “é un balance de avance, de crecemento; é un período en que lle gañamos ao PP, por primeira vez na historia de Galicia, no que acadamos o mellor resultados en eleccións municipais na historia do país, gobernando tres das catro deputacións, cinco das sete grandes cidades, máis de 100 concellos, e agora é o momento de avanzar. O reto que ten o PSdeG é ser a primeira forza política, subindo en porcentaxe de apoios nas vindeiras eleccións municipais e tamén nas europeas. Vai contar con todas as miñas capacidades para que así sexa”.

Sobre a volta de Besteiro á primeira liña da política, tras ser exonerado de todos os cargos, Caballero di que se “alegra no persoal de que se aclarase” e que “o compañeiro Gómez Besteiro quede libre de todas as responsabilidades xudiciais”. “A partir de aí a min o que me preocupa é o PSdeG máis alá dos nomes. Unha exoneración xudicial non garante nin ser referente idóneo nin acertar no rumbo do PSdeG”, sinalou.

Para Gonzalo Caballero, o Goberno de Alfonso Rueda “non está tomando ningunha medida importante para axudar os galegos, son medidas de pequeno calado, non hai ningunha medida relevante”. O Goberno da Xunta –di– “ten como medida estrela baixar o imposto de patrimonio a 7.700 galegos millonarios, reducindo a recadación en 35 millóns de euros. A medida estrela de Rueda é facer un regalazo aos sete mil galegos con máis patrimonio nun momento en que fan falta fondos para os servizos públicos, para as universidades, para as políticas sociais. Ese é do proxecto do que falo”.

Ao preguntarlle por se ve a Valentín Formoso como un candidato á presidencia da Xunta con posibilidades de gañar, Gonzalo Caballero di que “sen dúbida, é un candidato posible, o secretario xeral do partido ten toda a lexitimidade. Tamén é certo que el mesmo abriu un melón e se amosou disposto a renunciar a esa candidatura”.

“Eu estou convencido que haberá unhas primarias en que haberá uns candidatos e candidatas coa capacidade de endereitar, de fortalecer e de redimensionar. A min preocúpame que o PSdeG non teña esa forza”, pechou Gonzalo Caballero. @mundiario

Comentarios