Gonzalo Caballero: "Non quero un PSdeG máis conservador nin un 'pasteleo' con Feijóo"

Gonzalo Caballero. / TVG
Gonzalo Caballero. / TVG
"Aspiro a un PSdeG que quere ser primeira forza, e gobernar, e dende logo é o meu compromiso", di o candidato á reelección como secretario xeral do PSdeG - PSOE.
Gonzalo Caballero: "Non quero un PSdeG máis conservador nin un 'pasteleo' con Feijóo"

O actual secretario dos socialistas galegos e candidato a súa reelección en primarias, Gonzalo Caballero, insiste na mensaxe: "Non quero un PSdeG máis conservador nin un 'pasteleo' con Feijóo". Caballero, quen está en plena carreira das primarias polo liderado do PSdeG, na que se enfronta a Valentín González Formoso, estivo este luns no estudio do Bos Días da TVG, onde asegurou: "teño moi boas sensacións" respecto a esas primairas. 

"Son socialista e penso no socialismo como a idea de loitar pola igualdade de oportunidades, polos dereitos dos máis vulnerables, para iso me fixen membro do meu partido e entendo que o Estado ten que protexer a xente con máis dificultades", asegurou Caballero.

"E como socialista comprometido penso nas primarias como unha festa da democracia, e vexo que hai moi boas percepcións por parte da militancia, dos socialistas e das socialistas de Galicia para impulsar un PSdeG forte, vivo, ético e con futuro. Como fixen nestes últimos catro anos sigo a pé do país, percorrendo Galicia e escoitando a xente. Ese é o meu compromiso", afirmou.

Queremos un Goberno da Xunta progresista, que implique un compromiso coa sanidade pública e coa educación pública, cos servizos sociais, que faga política industrial, que apoie o medio rural

Sobre as súas afirmacións, ou insinuacións respecto ao seu opoñente, a quen sinala como compracente co actual Goberno da Xunta, di que "eu teño unha proposta distinta ao que ten PP para Galicia. Queremos un Goberno da Xunta progresista, que implique un compromiso coa sanidade pública e coa educación pública, cos servizos sociais, que faga política industrial, que apoie o medio rural. O proxecto socialista para Galicia é alternativo ao Partido Popular", asegurou.

"Respectamos o PP e os seus votantes, pero temos propostas distintas. E teño un programa de esquerdas, galeguista, feminista e ecoloxista. Son os catro sinais de identidade cos que quero facer unha Galicia mellor. E é por iso que o PSdeG é a alternativa real ao PP, e non queremos confusión con iso, no queremos estar no centrodereita nin na dereita. Queremos estar na esquerda dando resposta de progreso fronte aos retrocesos do PP, e para iso hai que delimitar ben os espazos", explicou Caballero.

O actual secretario xeral do PSdeG volveu reivindicar os seus resultados á fronte dos socialistas galegos. "Nestes últimos catro anos o PSdeG avanzou, mellorou os resultados, recuperou alcaldías ten máis músculo", dixo. "Hoxe o 55 % dos galegos teñen alcaldes socialistas, pasamos de 7 a 10 deputados en Madrid. Freamos a tendencia decrecente que se daba desde o Goberno de Emilio Pérez Touriño, por primeira vez empezamos a subir nunhas eleccións que foron moi diferentes, as da pandemia, e pasamos do 17 ao 19 %. En todas a eleccións nestes últimos catro anos recuperou terreo, pero non nos chega".

"Aspiro a un PSdeG que quere ser primeira forza, e gobernar, e dende logo é o meu compromiso. Non quero un PSdeG máis conservador nin un pasteleo con Feijóo, nin un modelo de partido que vaia de arriba abaixo", dixo en clara referencia ao seu opoñente nas primarias. "Quero un PSdeG na esquerda, alternativo ao PP, para impulsar unha etapa de progreso e de cambio".

O PSdeG ten forza e capacidade. E teño un proxecto gañador

"Síntome moi apoiado por militancia e cadros do partido. Hai catro anos fun candidato nesas primarias e ningunha das baronías nin das cidades me deron apoio, e a pesar diso a militancia deume apoio inmenso nas catro provincias", dixo Gonzalo Caballero, quen lle pide ao partido que "non caia no fatalismo nin no pesimismo. O PSdeG ten forza e capacidade. E teño un proxecto gañador".

Respecto a súa relación co PSOE federal e a dirección en Ferraz, dixo: "Na noite electoral das autonómicas chamoume o presidente do Goberno, con quen teño unha relación fluída. Eu apoieino moito, e cando escoito certas lecturas tamén sei onde estaban outros para que Pedro non fose decapitado nunha operación das baronías do partido que levaban a unha dereitización. Esa noite díxome: 'Gonzalo estás facendo un gran traballo en Galicia', e díxome que tiña que seguir á fronte do partido. Síntome plenamente apoiado".

"Eu son moi traballador. Traballo todos os días do ano polo meu partido. E gustaríame que todo o mundo traballase con lealdade polo ben do PSdeG. Temos que seguir remando", dixo tamén Gonzalo Caballero.

Sobre a posibilidade de integrar no seu equipo ao de González Formoso, no caso de que saia vencedor das primarias, dixo: "Eu ofrezo integración desde agora mesmo. Ofrezo a todo o partido espazos. Todos temos que remar con lealdade. Non teño que recuperar o orgullo de ser socialista porque nunca o perdín", concluíu. @mundiario

Comentarios